A asociación ecolóxica Verdegaia organiza esta fin de semana un roteiro de tres días en bicicleta pola comarca da Limia. Deste xeito, a asociación reivindica o papel da bicicleta nas políticas de transporte, amosando á sociedade que existe outra forma de viaxar, máis relaxada, ecolóxica e gratificante. Desde o sábado 29, e durante tres días, os participantes combinarán o uso do transporte público co da bicicleta, sinalando está combinación como a solución a meirande parte das necesidades de transporte, cuns custos ambientais asumíbeis e uns beneficios sociais e de saúde incuestionábeis.
Segundo a asociación, a presenza do automóbil privado está a xerar graves problemas ambientais, sociais e sanitarios. "Cada periodo vacacional implica un incremento exponencial da mobilidade con atascos xeralizados e unha conta dramática de mortos e feridos en accidentes". Verdegaia lembra que só na Semana Santa do 2006 realizáronse 15 millóns de desprazamentos en automóbil no Estado, dos que case un millón correponden a Galiza.
Verdegaia quere denunciar coa organización deste roteiro a actual política de infraestruturas levada a cabo pola administración, creando máis autovías e autoestradas. Segundo o informe Transport 2000 Plus, elaborado pola UE, xa se superou o punto no que calquera incremento de tráfico é contraproducente. O mesmo informe sinala que a axilización no fluxo do tráfico que supón a construción dunha nova estrada, autovía ou autopista vese anulada polo incremento do tráfico na mesma, convertindo a nova infraestructura nun reclamo para o automóbil privado.
O desprazamento cara a Xinzo de Limia realizarase en tren e en autobús, escenificando deste xeito o enorme paso cara a sustentabilidade que significaría a adopción da intermodalidade bicicleta/transporte público colectivo como eixo central das políticas de transporte. Durante o roteiro, visitarase a Lagoa de Antela, o museo etnográfico de Vilar de Santos, o mosteiro de Trandeiras, a Carballa de Saínza, a aldea de Couso, a canle da Limia, a fervenza do río Férveda, a Torre da Porqueira e outros lugares de sinalado interese. O roteiro comezará o sábado 29 ás 11:00 na Estación de Ourense coa lectura dun manifesto defendendo a bicibleta e pedindo a súa integración nos planos de transporte galegos. Pouco despois partirase en tren cara Xinzo de Limia.