Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
HOXE CLAUSÚRASE A XXIII SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA DEDICADA Á VIOLENCIA

A Aula Castelao de Filosofía recibe o Pedrón de Ouro 2006

O Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro acordou conceder o Pedrón de Ouro 2006 á Aula Castelao de Filosofía. Con este recoñecemento valóranse "os vintecatro anos de actividade da Aula Castelao, sempre desde unha posición intelectual crítica, moderna, rigorosa, universal e netamente galega". Este recoñecemento coincide coa clausura da XXIII Semana Galega de Filosofía, por parte de Marta Mata, que nesta edición estivo dedicada ao análise da violencia na sociedade. A fundación tamén recoñeceu o escritor e músico Vicente Araguas co Pedrón de Honra.

- 13:22 21/04/2006
Tags:

Galicia recibiu grazas aos ciclos de conferencias, seminarios e congresos que se concretan na Semana Galega de Filosofía, a voz dos máis salientables especialistas nos asuntos que preocupan hoxe á Humanidade. O Padroado do Pedrón de Ouro valorou, asemade, a irrenunciable galeguidade da Aula de Cultura, a súa defensa da universalidade da nosa Terra e a nosa Língua e o seu contributo á normalización do galego como idioma para calquera ámbito e uso, para asegurarlle un futuro hoxe incerto. O acto de entrega dos Pedrón de Ouro e Pedrón do Honra terá lugar no transcurso dun acto literario que se celebrará o próximo día 21 de maio ás 13 horas na horta da Casa de Rosalía en Padrón.

Por outro lado, Marta Mata, pedagoga e presidenta do Consello Escolar do Estado será a encargada de pechar este ano a XXIII Semana Galega de Filosofía que, durante cinco días, se veu desenvolvendo esta semana na cidade de Pontevedra. Na súa lección de clausura referirase á convivencia, non como algo necesario para vivir, senón no profundo sentido de "vivir con", como aprendizaxe da vida humana. Marta Mata tamén achegarase ao papel da familia na educación e á escola en conexión cos conceptos de comunicación, cultura, ciencia, saúde, cidadanía e creatividade.

Pola tarde, o Teatro Principal, sede principal destas xornadas, acollerá a primeira hora da tarde a presentación da revista de Filosofía e Pensamento Roteiros. Pouco despois, os asistentes á XXIII Semana Galega de Filosofía terán ocasión de escoitar as reflexións de Frank del Buey (da asociación preS.O.S.) acerca da situación dos internos nos cárceres españois.

Pedrón de Honra para Vicente Araguas
A Fundación do Pedrón de Ouro tamén acordou concederlle o premio de honra ao escritor de Neda, a quen describen como "un orgullo do país no mundo. Autor dunha ducia de libros de poemas, dúas novelas, ensaios, prólogos, estudos críticos, sempre "nunha liña monolíngüe de estrita fidelidade a Galicia", nas súas propias palabras, ten verquido tamén ao galego a autores universais como Stevenson, Joyce e Heaney e ao español aos tamén universais Celso Emilio Ferreiro, Cunqueiro ou Darío Xohán Cabana".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: