Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Por unha circunscrición exterior

Desde as pasadas eleccións galegas ten saído á superficie o debate sobre a representación política dos galegos do exterior, que chegou ao seu punto álxido coa confluencia de diversas reformas legais en curso (Estatuto, Lei Electoral, Lei da Galeguidade, etc.). Estase a falar do dereito á nacionalidade, da participación nas diferentes convocatorias electorais -tanto na forma que esta participación adopte como na súa propia razón de ser- e detrás de todo iso dunha cuestión case metafísica: Qué é ser galego/a?.

- 09:09 21/04/2006
Tags:

Circunscrición exterior: si ou non
Imos obviar polo momento a cuestión metafísica e partiremos da situación tal e como está agora, isto é: temos un número maior ou menor de galegos residentes no exterior que teñen dereito a voto nas diversas eleccións (municipais, galegas, españolas, europeas). Partindo dese feito, estase a prantexar unha vella cuestión, que xa foi considerada nese momento re-constituínte da democracia formal española chamado comunmente A Transición: é máis axeitado que os votos dos residentes no exterior se mesturen cos dos votantes das circunscricións galegas de orixe (nomeadamente os municipios onde naceron ou tiveron a última veciñanza administrativa na C.A.G.) ou é mellor disporen dunha representación directa e nidiamente separada en forma de circunscrición exterior?

Algunhas voces téñense pronunciado desde Galiza e desde a nosa emigración no sentido de recuperar esa vella idea, ao cal tamén contribuiu o recente exemplo do caso italiano (que segundo informaba hai pouco o xornal El País ten soamente na área de Bos Aires 620 mil cidadáns con dereito a voto) onde a circunscrición exterior elixe 6 senadores e 12 deputados, e onde mesmo existen forzas políticas que representan os intereses deses italiáns do estranxeiro como o Partito per Italia nel mondo, Alternativa Indipendente Italiani all'Estero, Altra Sicial per il Sud ou Associazione Italiane Sud America.

Os argumentos a favor deste tipo de representación ao meu entender son sinxelos de abondo: dispormos dun número de escanos prefixado de antemán permitiría acotar de forma axeitada a influenza dos galegos do exterior na política galega e saber así con maior claridade qué é o que queren. Por suposto estou falando do Parlamento de Galiza, pero a idea podería aplicarse ás Cortes Españolas e quizáis mesmo aos propios concellos ou deputacións provinciais (se estas seguen a existir despois da reforma do Estatuto de Autonomía, claro). Deste xeito non caberían queixas nin sorpresas para ninguén como puido ser o caso nas pasadas eleccións galegas: saberíamos todos que os residentes no exterior mandan X deputados e poderiamos coñecer con claridade o sentido do seu voto como colectivo con intereses de seu. Iso contribuiría á claridade do reconto e a unha representación máis xusta para todos. Tamén á limpeza do voto emigrante, algo contra o que se segue a loitar, e que sexa coma sexa o sistema (furnas nas embaixadas ou correo, cun tipo de censo ou con outro) sempre dará uns resultados máis doadamente avaliables desde o punto de vista da limpeza democrática que se as sacas chegadas de fóra acaban sumando os votos de forma fragmentada ao ancho de todo o país.

Xa desde o punto de vista político dispor dun número de deputados elexidos directamente como representación dos emigrantes propiciaría unha defensa máis efectiva dos seus intereses e podería mesmo convertirse nunha forza parlamentar con grupo propio que achegase un factor sólido de intervención política a prol das medidas que se tomasen en Galiza que atinxisen aos emigrantes. Porque no momento actual, cando os de fóra votan... a quen están elexindo realmente? Non semella doado diferencialo nin persoalizar en tal ou cal deputado esa representación, habida conta de que os votos se suman por provincias e non existe esa (quinta) provincia exterior.

Voces en contra desde Galiza
Veño observando que moitas veces o debate sobre a conveniencia da circunscrición exterior retrotráese a unha cuestión previa, dun xeito involucionista e por ocasións claramente retrógrado e reaccionario: o propio dereito a voto dos residentes no exterior. Analisemos un por un os argumentos máis frecuentes cando o debate chega a este punto:

  • Que pintan votando aquí, se viven alá?: Os que así falan parecen descoñecer que existe desde hai moitos anos unha lei do Parlemento Galego chamada Lei da Galeguidade pola que se recoñecen diversos dereitos aos galegos do exterior e mais aos seus descendentes, ou mesmo que nos diversos gobernos galegos houbo Consellarías e Direccións Xerais de Emigración, para administrar as políticas dirixidas a este colectivo. Coido que se somos afectados por políticas definidas por gobernos e por leis aprobadas por parlamentos, deberíamos ter dereito a intervir en maior ou menor grao na configuración deses gobernos e deses parlamentos. E iso, na democracia representativa faise por medio do voto. Calquera outra opción significaría ou ben abandoar as políticas de cara á emigración e borrar o concepto de galeguidade da linguaxe política, social e cultural do país, ou ben facer dun xeito despotista política para os emigrantes, polos emigrantes, pero sen os emigrantes.
  • Se non pagan impostos, por que van votar?: A esta cuestión pódese responder de varias formas. En primeiro lugar podemos explicar que se vencellamos dereito a voto con contribución ao sostemento do Estado a través dos impostos, iso querería dicir que moitos residentes en Galiza non deberían votar, xa que non pagan impostos (persoas por debaixo dos ingresos mínimos: a maioría de parados, estudantes, etc.). Tamén poderíamos considerar que se o feito de non pagar impostos, invalida o dereito a voto, o feito de pagar máis, seguindo esa mesma lóxica, levaría a ter un dereito maior que os que pagasen menos. Isto era a democracia censitaria, un concepto felizmente superado hai moitas décadas, aínda que parece que está a resucitar na cachola dalgúns plutócratas.
  • Se non teñen idea do que pasa hoxe en día en Galiza, non deberían influir co seu voto: Outra posición claramente excluinte e anti-democrática. Seica agora imos ter que pasar un exame sobre realidade socio-política galega? Ollade que igual moitos dos que falan non o pasarían... E desde logo moita xente cun baixo nível cultural tampouco. Facer depender o dereito a votar de calquera grao de coñecementos (sobre o idioma, sobre a historia, sobre conceptos políticos, etc.) é unha posición elitista e moi perigosa, que doadamente levaría a unha descomposición do propio sistema da democracia representativa vía unha redución do concepto de soberanía e dos dereitos civís. Debemos ter un pouquiño de madurez e aceptar que este sistema que pasa por ser unha Democracia é moi imperfecto e é inherente a el o feito de que unha boa parte do electorado vota ser ter unha mínima idea da realidade política, dos obxectivos políticos dos partidos ou da acción real dos gobernos. O controlo pechado dos medios, e a propia mediatización do espectáculo político fan disto algo do que dificilmente pode fuxir calquera de nós, así que non nos poñamos exquisitos cos de fóra ou nos presentemos coma portavoces da vangarda esclarecida porque primeiro deberíamonos examinarnos a nós mesmos.

O máis triste dalgunhas destas posicións é que proceden de persoas que se califican de progresistas, e que parece identificar residente con progresista e non-residente con conservador, o cal é unha xeralización manifestamente errada e que non se sostén en ningún dato electoral, aparte dunha excusa totalmente antidemocrática para lles negar o voto aos que non pensan coma un.

As posicións políticas en Galiza
Recentemente tivemos a oportunidade de escoitar ao ministro Caldera enmendarlle as palabras ao PSdeG no tema da nacionalidade. Semella un pouco estrano que non teñan falado do tema internamente para adoptar unha posición común, a non ser que os de Touriño en realidade falen só de cara á galería (exterior) e sexa todo isto un xogo do poli bo e o poli malo co que non sabemos moi ben ónde nos queren levar. As famosas declaracións do conselleiro Mendez Romeu abondan nesta ceremonia da confusión do PSOE. O Bloque, porén, parece ter máis consistencia na súa posición, que tardou en definir pero agora semella decididamente a prol tanto dun dereito de nacionalidade sen atrancos como dunha circunscrición electoral de seu para o exterior. Aínda que esa coherencia lles saia barata porque non está na súa man a política a tal efecto, que debe pasar inexorablemente polo tapón de Madrid. O PP non nos acaba de deixar unha idea clara da súa posición, pero temos a proba do que fixeron no pasado, tanto desde Galiza coma en Madrid. E detrás de todo isto, non haberá un certo temor a un futurible Partido Galego da Emigración que fixera de resolutiva bisagra no Parlamento Galego?

A fin de contas... de que estamos a falar?
Estamos a falar do que significa sermos galegos. Cando falamos do dereito ao voto, do dereito á nacionalidade, da forma de participación política dos residentes no exterior, o que subxace é a cuestión da nosa propia identidade. Non hai moito que o presidente Touriño falou da emigración como parte consustancial da identidade galega, ou dito en palabras de Pérez-Barreiro, que a nosa é unha realidade diaspórica. Polo tanto considerar que os de fóra non son galegos sería amputármonos a metade do noso ser nacional. A quen fala de que os que levan X anos fóra xa non son galegos, preguntaríalles eu en que momento se deixa de ser galego. En canto se cruza a invisible fronteira con Asturias ou León? Ou co norte de Portugal? Cando levas talvez 1 ano fóra? Ou 20? Cando te ves forzado a te empadroar noutro lugar para poder traballar ou facer calquera trámite imprescindible na túa vida cotiá? Deixou Castelao de ser galego cando marchou ao exilio? Déixano de ser os milleiros de xoves galegos que emigran cada ano cara a Canarias e outros puntos de España?

E cando falamos dos fillos dos emigrantes, os que nacen fóra a cuestión ponse aínda máis peor. Reflexionamos minimamente sobre os conceptos e dobre nacionalidade? Parámonos a ollar o que di a Constitución e o Código Civil? Estamos dispostos a aceptar que os fillos dos galegos teñen dereito a ser recoñecidos a todos os efectos como galegos? Ou que dereitos lles queremos retirar? Eu persoalmente como fillo de galegos que emigraron ao País Vasco téñoo moi claro: eu quero ser recoñecido cultural e politicamente como galego; quero que meus pais non sexan discrimados con respecto aos seus familiares residentes en Bos Aires que poden votar se queren nas eleccións galegas e meus pais, por estar dentro do Estado Español, non; quero que os fillos dos meus parentes en Cuba teñan o mesmo dereito ca min a teren a nacionalidade española (xa que a galega non existe polo de agora); quero poder intervir na configuración dos gobernos que deciden as políticas que definen as axudas culturais e sociais que recibimos no exterior; quero poder intervir no futuro global de Galiza e achegar o meu pequeno grao de area ás forzas que empurran cara a un futuro mellor para todos os galegos onde queira que vivan. E non estou precisamente só nos meus desexos.

A soberanía reside no pobo, non era? Así que atrevámonos a sacar as caretas e definamos dunha vez quen pertence ao pobo galego. Aí temos a mellor ocasión posible: a reforma do Estatuto de Autonomía. Dereito de sangue, dereito de veciñanza, auto-identidade nacional, solidariedade, etnicidade, democracia... son ingredientes nun caldo que pode ser de mal tragar para algúns, pero que é imprescindible cociñarmos dun xeito equilibrado para alimentar un sistema democrático xusto para o noso país.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: