Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
LINGUA E TECNOLOXÍA

Política Lingüística presenta un T9 en galego para dous móbiles de Telefónica

Esa peculiar función dos móbiles que se coñece como T9 e que tecnicamente se denomina dicionario preditivo para terminais celulares está dende hai seis meses dispoñíbel en dous móbiles Grundig baixo distribución de Telefónica. En breve serao, ademais, nun terceiro. Isto responde a un acordo ao que chegaron Telefónica e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, e onde o desenvolvemento técnico o realizou o Centro Ramón Piñeiro.

- 20:09 10/03/2006
Tags:

Os dous modelos de móbiles de Telefónica actualmente dispoñíbeis con este servizo son o Grundig 402i e o 410i, e levan no mercado con esta función uns seis meses. Nas vindeiras semanas un novo modelo de Grundig estará dispoñíbel, pero a compañía aínda non puido ofrecer cal será o seu nome comercial. Porén, se un usuario lle pregunta ao servizo de información de Movistar, a marca da firma Telefónica Móviles, cales son os modelos que implementan o T9 en galego, non llo saben dicir: este non é un dato que figure nos datos comerciais.

O T9 en galego destes teléfonos funciona sobre un catálogo de 8.000 termos e sobre un estudo de frecuencias. O T9 serve para redactar sms e prevé, en función do número de teclas e da súa posición, que é o que quere escribir o usuario. O lingüista Guillerme Rojo, director da investigación por parte do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, sinalou que para que o sistema funcionase á perfección se necesitarían unhas 15.000 palabras, pero que malia a redución obrigada pola memoria dos teléfonos os resultados son moi correctos. Os responsábeis de Telefónica Móviles presentes no acto afirmaron descoñecer cal é a porcentaxe de usuarios que empregan o T9 na confección de mensaxes noutros idiomas.

En relación coa extensión deste T9 a outros teléfonos, o director territorial de Telefónica Móviles, Juan Ignacio Aller sinalou que existe un "problema de mercado", e que teñen que traballar dende as operadoras para demostrarlles aos fabricantes que fai aumentar as vendas a implementación destas ferramentas. Marisol López, a secretaria xeral de Política Lingüística, anunciou que no futuro se porían en contacto con outros operadores e con outros fabricantes para tentar estender esta utilidade. Na actualidade, a compañía Alcatel tamén dispoñibiliza menús en galego nalgúns dos móbiles.

Estes dous modelos tamén incluirán os menús en galego. O que seguirá sen ser posíbel polo momento será que as mensaxes de fóra de cobertura se produzan en galego. Segundo a opinión de Juan Ignacio Aller, implementar isto afecta a rede xeral, porque non son mensaxes que se produzan nos terminais, e aínda que están "traballando niso", non fixaron unha data para a súa execución.

Nun mesmo acto déronse a coñecer estas utilidades e un catálogo de servizos de integración social de Telefónica Móviles, consistente nun resumo de accións de cen páxinas e editado para Galiza en galego. Este catálogo publicitario de Telefónica encádrase no convenio asinado entre Política Lingüística e o operador de comunicacións "para o fomento do galego neste sector", e forma parte dunha serie de edicións que a empresa se comprometeu a publicar en galego. A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, explicou hoxe durante a presentación deste novo produto que "fomentar a presenza do galego nas novas tecnoloxías e explicitamente na telefonía móbil é un dos obxectivos xerais do Plan de Normalización Lingüística".


0/5 (0 votos)