Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barbanza

Edición xestionada por Adolfo Muíños
RSS de Barbanza
GAÑA A JOLFIÑA

Celebrada a segunda regata do Campionato de Dornas

O domingo, 12 de febreiro, celebrouse a segunda regata das cinco que compoñen o IX Campionato de Inverno de Dornas a Vela, organizado pola Asociación Cultural Lajareu por Barlovento de Ribeira e na que que se impuxo a Jolfiña. Só dúas naves remataron: unha encalmada nas Lobeiras fixo que namais esta dorna e a Sandra chegasen á meta. Esta segunda proba retomárase despois da cancelación o pasado domingo 5 por mor dunha forte lestada que impediu a saída das dornas. Vive a emoción deste campionato da man de Alberto Romero.

- 17:26 15/02/2006
Tags:

Nesta ocasión a flota comezou con máis sorte en vista dun vento do nordés duns quince nós. As dornas tomaron a saída ás 12:20 da maña parra facer un largo percorrido desde Coroso ata a primeira marca nas Illas Airoas, a segunda na Illa de Rúa e a terceira nas Lobeiras de Terra.

Controlou a saída a Papoula de Carlos Otero e Jorge Ramos con maña polo furado de barlovento, seguido da Vikinga de Fernando Redondo e a Ardentía de José María Franco e Benito López. Seguiu ó pelotón de cabeza tamén moi ben sita a barlovento a Lusiña de Antonio Santiago e José Ángel García deixando na loita tiradas a varias embarcacións de sotavento. A Papoula conseguiu aire limpo no largo navegando moi directo á liña da segunda marca para logo voltar á primeira posición de barlovento na entrada ás Airoas.

A Jolfiña de Alberto Romero e Nacho Jorganes presionou moi de preto a popa da Ardentía e conseguiu pasala a sotavento antes da entrada ás Airoas onde as dornas se encontraron con ventos máis frouxos de proa. Esto fixo que as dornas do pelotón se abriran a sotavento seguindo a estela da Papoula. A Jolfiña aproveitou a ocasión para roubar barlovento e saír das Airoas cunha mellor ceñida cas outras embarcacións. A única dorna que seguiu a ceñida da Jolfiña foi a Sandra de José Antonio Castrelo e José Manuel Santiago –a dorna gañadora da primeira proba da competición—pero encontrouse cunha boia e un cabo submerxido que lle arrincou o temón saíndo das Airoas. Esto permitiu que a Jolfiña collera vantaxe a barlovento sen presión das demais dornas.

A primeira en atacar antes da segunda marca foi a Volandeira de José Gago que navegando só optou por virar para terra nun intento de mellorar a súa posición na regata. Estou causou que outras embarcacións, entre elas a Ardentía e a Sandra, tamén optaran pola virada de terra. A Jolfiña aguantou a virada da fóra ata que todas as dornas viraran para terra pero encontrouse cunha sorprendente ceñida da Papoula que se puxo ó costado dela preto de Rúa. Asemade a Ardentía e a Sandra recuperarán moito camiño vindo desde terra sen sufrir o abrigo de Rúa. A Papoula presionou á flota amagando un intento pola pasantía da Caraveliña que nas condicións reinantes con marea baixa e vento de proa facíase un tanto perigosa. A Jolfiña arriscou a pasantía e tocou temón nos conles da Caraveliña pero recuperou sen perder goberno. Mentres a Papoula virou por fóra de Rúa para non arriscar na pasantía. As demais dornas tamén viraron por fóra da pasantía o que lle dou á Jolfiña unha vantaxe superior cara a terceira marca.

Nas Lobeiras as dornas encontráronse cun vento de popa que remitía ata que se quedaba practicamente na calma podre. A Papoula, débil en pouco vento, sucumbiu ante á Sandra que fixo camiño lentísimo ata a liña. De feito tanto a Jolfiña como a Sandra tardaron máis dunha hora en realizar o percorrido na última manga. Ante a encalmada as dornas empezaron a renderse unha tras outra chegando á meta tan só a Jolfiña e a Sandra. A Papoula foi a última en abandonar a tan só 200 metros da liña deixando dese xeito un terceiro posto que xa conseguira na primeira proba de inverno. A decisión da Papoula foi fatídica ante as circunstancias xa que con dous terceiros postos consecutivos case aseguraba trofeo no Campionato. Ningunha outra dorna puntuou na proba. A saída da próxima regata do Campionato de Inverno vai ter lugar o sábado, 18 de febreiro ás 16:00 horas.

A clasificación xeral despois da segunda proba de cinco que compoñen o Campionato é a seguinte: 1ª Jolfiña, 2ª Sandra, 3ª Papoula, 4ª Lusiña, 5ª Vikinga, 6ª Ardentía, 7ª Áncora, 8ª Jeles, 9ª Adoa, 10ª Moura, 11ª María da Fonte, 12ª Xarda, 13ª Zoa.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: