Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
LINGUA E AUDIOVISUAIS

A TVG impide que o DVD da 'Víbora negra' saia en galego porque a dobraxe "dá risa"

Se ninguén o remedia, o 5 de abril sairá editada en DVD a serie británica 'A víbora negra', con dobraxe en catalán e castelán, e con subtítulos nestes dous idiomas ademais de en eusquera e en inglés. Efectivamente, de galego nada. A TVG, que emitiu a comedia nos oitenta, entende que non debe ceder a dobraxe porque debido á súa antigüidade non está feita nun correcto galego.

- 16:45 15/02/2006
Tags:

A víbora negra era unha serie protagonizada por Rowan Atkinson (ou sexa, Mr. Bean), que colleitou grande éxito na televisión galega dos anos oitenta. A comedia era de carácter histórico e percorría a vida dunha estirpe de personaxes dende 1485 ata 1917. Agora aparecerá recollida en 5 DVD, editados pola distribuidora Cameo. Pero non o fará en galego.

A distribuidora, con sé en Barcelona, atribúelle as causas a unha negativa da propia TVG, propietaria da dobraxe. A televisión galega rexeitou a cesión deste documento argumentando que as dobraxes realizadas antes de 1990 carecían da calidade abonda para seren reeditadas. A "baixa calidade da dobraxe" anterior a 1990 fai que "provoque cando menos risa no espectador actual", apunta Encina Ramos, responsábel de Produción allea da cadea. Conforme sinala Ramos, existe un acordo para que ningunha das producións dos anos oitenta se poidan reemitir na Televisión de Galiza sen facerlles previamente unha dobraxe nova.

Hai uns meses, antes das eleccións, a mesma distribuidora púxose en contacto coa Televisión de Galicia para editar a dobraxe de 'Os novos', outra das máis populares series emitidas nos primeiros anos da cadea. Daquela a razón foi económica, posto que a TVG desexaba cobrar unha cantidade polo seu traballo que a distribuidora non estaba disposta a pagar. A TV3 e a ETB cederon gratuitamente as súas dobraxes ao catalán e ao eusquera d'Os Novos, e agora pódese mercar nas tendas nos catro idiomas, agás en galego.

A nova de Vieiros, nacida dunha información deitada nos foros, foi recollida pola Mesa pola Normalización Lingüística, que lle esixiu á TVG que solucione o problema, ben cedendo a dobraxe e indicando no DVD que non se corresponde cos estándares actuais do galego ou ben promovendo unha nova dobraxe. Tamén lle esixe a cesión da dobraxe d'Os Novos, así como de Allo Allo!, outra serie cómica da época que a distribuidora prevé poñer nas tendas a finais de ano.

• Opina nos foros de Vieiros: A dobraxe dos oitenta


0/5 (0 votos)