O mundo da animación está a se mover en Galicia. Podemos estar asistindo ó agromar dun fenómeno como foi no seu momento o da moda. A estrea en decembro da serie "Os Vixilantes do Camiño" é un máis que esperanzador sinal. Da man dun gran soñador, Miguelanxo Prado, o Xabarín entra de cheo no mundo da industria. (Texto: Xaquín Díaz)
Dende que o Xabarín comezou a súa andaina televisiva para rematar convertido nunha megaestrela catódica, como adoita autocalificarse, o soño de ter serie propia roldaba a súa cachola e as dos responsables da emisión. Xabarín probou o engaiolante sabor do protagonismo nas cabeceiras do programa. Para ser unha primeira experiencia semellaba ter boa relación coa cámara.
Pero unha serie de animación é cousa seria, a nivel de traballo e, sobre todo, a nivel de investimento, e por máis que o noso porco bravo non deixaba escapar ocasión para sacar o tema, o proxecto semellaba ter unha difícil realización. A idea roldou polos corredores e despachos da TVG durante case tres anos, ó tempo que comezaba a medrar un esquema da posible historia a contar. A mediados do 97 saltou a faísca que prendeu o lume: o Xacobeo '99 -¿como non?- podería facilitar as cousas a nivel de orzamentos. E a Televisión de Galicia decide aventurarse a producir a serie de trece episodios de media hora que lle propoñen Suso Iglesias e Miguelanxo Prado.
Tratábase de ofrecerlles ós rapaces galegos unha serie que compartira dignamente os tempos de emisión coas outras que habitualmente conforman a oferta de animación do programa. Tiña que basearse en elementos propios, configurar un universo con referentes coñecidos e tentar non ser allea ás realidades do país. Todo iso mantendo como prioridade máxima divertir e enganchar á cativada. E tentando non rematar sendo un producto local unicamente.
Así, o Camiño de Santiago convértese no elemento central da trama. Un Camiño esquecido e maltratado, nun impreciso terceiro milenio. Aparecen malos que mesturan ambición desaforada, mal gusto, e amor pola especulación (o hipopótamo Dabondo) con maxia tecno-mística da peor ralea (a rata albina Balbino). Do lado dos bos, Roi, una can de palleiro soñador, e os pragmáticos Rómulo e Reme, xemelgos raposos, serán a panda de amigos que compartan con Xabarín as aventuras.
Na retagarda ficarán o mago-libreiro Merlín (homenaxe cunqueiriana e mindoniense) e o bibliotecario-inventor Leonardo. Atopamos moitos elementos recoñecibles: o mundo do rock e o novo folk galegos (Killer Pitas e as exitosas Tecnoreteiras), o binomio rural/urbano, tan presente na nosa realidade como país, as paisaxes, os monumentos... A serie, dirixida a un público de sete a doce anos, chisca o ollo continuamente ós espectadores de máis idade con este segundo nivel de "lectura".