Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TOURIÑO PRESENTOU O PLAN DIRECTOR DA COOPERACIÓN GALEGA 2006-2009

A Xunta destinará o 0,4 dos orzamentos á cooperación internacional

O presidente da Xunta presentou as liñas mestras do Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009, co que o novo Goberno quere manifestar o seu compromiso na loita co empobrecimento e "dignificar e incluír a cooperación internacional na acción política transversal do Goberno galego, fortalecéndoa en medios materiais e humanos para poder levala a cabo", en palabras de Pérez Touriño. Estes "medios materiais e humanos" acadarán, segundo anunciou, o 0,4 dos orzamentos da Xunta ao cabo desta lexislatura, unha suma que "supón multiplicar por máis de oito a achega actual".

- 12:35 04/01/2006
Tags:

Touriño avogou por seguir os Oito Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio para o 2015, establecidos na Asemblea Xeral da ONU, priorizando a cooperación con aqueles países cuns maiores niveis de pobreza.

Neste sentido, o presidente da Xunta indicou que, tanto nos países da África Subsahariana como nos de América Latina nos que se concentrará a axuda para asegurar un maior impacto deste Plan Director da Cooperación Galega, se vai primar a cooperación cos sectores máis débiles e excluídos da poboación, a través de proxectos que favorezan "os esforzos e a responsabilidade dos gobernos e da sociedade civil na cobertura de necesidades básicas; no investimento no ser humano; na transferencia de tecnoloxía; e na creación de infraestrutura e tecido económico de base".

No acto de presentación do Plan, a directora xeral de Cooperación, Fabiola Sotelo,agradeceu o apoio e implicación neste acto dos diferentes sectores relacionados coa cooperación galega e avanzou que "a partir de hoxe proporemos a todos os actores recoñecidos na Lei de Cooperación para o Desenvolvemento que analicen, discutan e colaboren na nosa proposta do primeiro Plan Director".

Fortalecemento e coordinación dos actores de cooperación
En relación cos axentes do sistema galego de cooperación, o presidente da Xunta avogou por fortalecelos, dedicándolle especial atención ás Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento (ONGD), fomentando a formación técnica, a experiencia compartida, unha maior independencia financeira e a prestación de axudas para a elaboración de plans estratéxicos.

Emilio Pérez Touriño asegurou, neste sentido, que a procura da máxima coordinación entre todos os actores da cooperación, tanto en Galicia como nos países onde se vai actuar, será "un requisito básico e imprescindible que dirixirá todas as accións da Xunta nesta área".

Concretamente, o Goberno galego impulsará a educación para o desenvolvemento, para acadar un maior impacto, implicación e intercambio de experiencias solidarias entre os nenos e as nenas galegas; potenciará a investigación e a formación en todos os campos da educación superior; tentará buscar sinerxías cos diversos sectores galegos que teñen experiencia na cooperación ao desenvolvemento; e apostará polo movemento a favor do comercio xusto e o consumo responsable, para demostrar que é factible a competitividade con produtos de calidade e unha globalización "diferente", na que a norma sexan os salarios dignos, a non explotación dos nenos, a igualdade do home e da muller no traballo e o respecto polo medio ambiente.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: