Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Cartafol

Xestionado por Héitor Mera
RSS de Cartafol
Carlos G. Meixide: O home inédito

Lonsupérpiro

O home inédito
Carlos G. Meixide
A Rotonda, 2005. 188 páxs., difusión gratuíta

O máis probable que lle pode suceder a unha novela é que non se edite. E as razóns son múltiples, dependendo ou non da calidade. Todo é, a fin de contas, cuestión de sorte. Carlos G. Meixide, feito fariña moída tras tentar a lotería nacional dos premios literarios e recibir un prudente silencio dos editores, decide coller dunha vez a sorte polo pescozo e publicar, da man de María Yánez, na primeira editorial virtual galega: Ediciós da Rotonda. Esta editoral nace así como un proxecto ambicioso e co propósito de encher un oco no noso panorama literario para ofrecernos a lectura de libros que casen coa sensibilidade do lector actual. Polo menos, iso dá a entender co lanzamento d’O home inédito, unha delirante novela á que nos resulta difícil pendurarlle unha etiqueta coa denominación de orixe, xa que neste país o sentido do humor semella que está vedado por prescrición académica. Atopámonos, pois, ante unha rara avis. En primeiro lugar porque non custa un céntimo; segundo, porque a diversión resulta sobradamente garantida. Carlos G. Meixide deste xeito tan singular sae airoso dando a coñecer o seu enxeño. Aínda que agardamos –xa que o merece, ao libro sóbranlle os motivos– vela editada en papel o máis axiña posible.

- 10:18 04/12/2005
Tags:

A trama da novela é sinxela e eficaz. Lucas, un lizgairo mozo acabado de licenciar en xornalismo pola universidade de Compostela, decide abandonar Galicia, voar ata Nova York, e coñecer mundo para facerse un home feito e dereito. Alí, a súa vida enguedéllase nas redes dos amoríos más esperpénticos e hilarantes. Dende Laurita, o seu amor case platónico, inconsciente, ata Emily, Mi-Hee, Sun-Young, Claudita… configurando unha xeografía singular da diferente orografía amatoria. O amor é o motor da novela, anque máis ca amor habería que falar de sexo.

A novela está perfectamente argallada, cun argumento doado –polo retranqueiro– de seguir. Así que a lectura convértese nun camiño de rosas. Ademais usa unha lingua coloquial, sen excesos, que nos permite mergullarnos no texto sen apenas esforzo, xa que os achados cáusticos, agás para os lectores demasiado pusilánimes, tiran de nós como dúas hipnóticas tetas. Meixide móstrase como un gran recreador de escenas, xa que dispón dunha man perita para a recreación de diálogos, tratados cunha salgadeira graza. Moitos deles quedan gravados na memoria. Vén sendo o caso da revisión dun exame, o intento de escribir unha novela ambientada nunha perruquería (un dos males lingüísticos que aterra a todo creador), os esmendrellantes e intelixentes recitais de poesía ou as tolas noites compostelás. Non se serve dunha "fina ironía intelectual" senón do reflexo real, do humor cotián, zoupón, mais non exento de boa literatura. O humor, a grelada afouteza meixieira, anégao todo –velaquí o grande acerto. Tanto é así que, nun alarde de humildade, o autor introdúcese na novela para rirse incluso de si mesmo, da súa situación de escritor que non acaba de arrincar (aquí aparece Macías, o editor Positivas), dos celos por poetas ben parecidos e con éxito ( o Anxo Quintela de finais dos 90, o engaiolante Manuel Rivas). Ao mesmo tempo, sen reparos, aínda que non aparece Ana Kiro, dá un repaso festeiro sobre a nosa tradición musical, literaria, os nosos usos lingüísticos, as relacións paternais, etc... Todo un compendio de intimidades humanas peneiradas pola satírica visión dun escéptico.

Os alicerces d’O home inédito quedan maxistralmente apuntalados co uso da alternancia de capítulos breves e continuos saltos no tempo e o espazo, que a modo de contraposición dan luz sobre a delirante e absurda existencia de Lucas. De feito o inicio da novela atopámola na final, como desenlace, porque Meixide pretende crear un paradoxo, un xogo de oposicións, que se desatan nun fin sorprendente (non vale a pena que o revele), que deixa certo pouso de amarga resignación. Xa o dixo o meu avó: sempre se volve o primeiro ciscallo.

Eu gocei léndoa, motivo suficiente para recomendala. E pódese baixar de balde. Que máis queremos? Que tamén nos aproben unhas oposicións á Xunta?

descárgao de balde


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: