Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
CINEUROPA

"Saraband": Bergman versus bermagnesque

Bergman matou ao pai e fixo o que puido con Strindberg, pero aínda non conseguiu esmiuzar a enxurrada crítica do bergmanesque, a xerga dos que interpretan a Bergman coma se fose Queipo de Llano (Sevilla, 1936). A súa última película, Saraband, que nos achegou Cineuropa antes da súa estrea en España, recolle aos protagonistas de Segredos dun matrimonio (1973), aquel relato sobre a mentira da oxitocina a nivel conxugal, e estende a guerra á corrupción total da vellez nunca familia desestruturada. Non hai expiación individual para os erros cometidos pola pegada dos demais, pero Bergman, que xa lle viu o cú á curuxa, é compasivo con todo o mundo agás cos vampiros. Por Óscar Iglesias Araúxo.

- 12:22 14/11/2005
Tags:

SARABAND Dirección e guión: Ingmar Bergman. Xénero: Drama.
Produción: Pia Ehrnvall. Fotografía: Raymond Wemmenlöv, Sofi Stridh e Per-Olof Lantto. Montaxe: Sylvia Ingemarsson.
Liv Ullmann (Marianne), Erland Josephson (Johan), Börje Ahlstedt (Henrik), Julia Dufvenius (Karin), Gunnel Fred (Martha).
Suecia, 2003. 107 minutos


Escenas dun matrimonio contaba a separación dunha parella por falta de pecado, a súa posterior reconciliación como amantes adúlteros e o bocexo final no leito antes de dar a volta para quentar os pés. En Saraband (que tamén parte dun serial televisivo, pero non paga a factura na longametraxe), Marianne sae ao encontro de Johan trinta anos despois. Na casa deste, perdida nun bosque no medio dunha illa, Bergman reúne a Henrik, fillo dun antigo matrimonio de Johan, e á filla deste, Karin, coa que mantén unha relación lindeira co incesto.

Entre eles, a sombra fotográfica da muller de Henrik, Anna, morta hai dous anos, encarna na película o amor e a beleza, que sempre producen unha satisfacción desinteresada –Bergman estraña aínda á súa última compañeira, que morreu de cancro hai uns anos-, e conduce aos personaxes cara á reconciliación consigo mesmos, unha novidade no traballo do sueco, alomenos como ideoloxía: non hai perdón cando un esgazou aos seres queridos para medrar, pero hai que perdoarse antes de morrer. A estrutura dos diferentes encontros remite á música clásica: prólogo e epílogo por conta de Marianne e diálogos particularizados entre os personaxes, con tratamentos visuais, fotografía e cadro diferenciados.

É este o mellor Bergman dos posíbeis? Quizais sexa o mellor Bergman sen intentar deixar de selo. Nunca foi máis clínica a distancia entre a cámara e a representación dos afectos, nin máis orgánico o emprego da luz. Aínda semella máis afiado o seu talento para a taxidermia: o mal estancado nas institucións sociais e a melancolía, como traxecto antipoético entre o irreal intacto e o real devastado, teñen en Saraband a mellor homenaxe moderna na filmografía do director.

Bergman non deixa de autorreferenciarse (Cando foxe o día, Sonata de outono), pero sempre o fará mellor que Billie August. Quizais os seus mellores epígonos estean a desencadrar por aí cunha cámara de vídeo, ou nunca visen unha película súa, como recoñeceu Casavettes cando lle preguntaban pola posta en escena. Haberá que perdoarlle a Bergman, como a Bernhard, que nunca se teña ocupado do comportamento sexual das clases baixas.

A desputa polo control de Karin entre pai e fillo -Henrik non pode vivir sen o sangue da súa filla; a Johan impórtalle a súa neta, pero tamén quere ver adoecer ao seu fillo- e o amor maduro entre Marianne e Johan -rematan igual que en Escenas dun matrimonio, só que esta vez Johan apela á misericordia para pedirlle a Marianne que se deiten espidos-, son as dúas mostras esenciais do medo a envellecer, moito máis tanxíbel neste Bergman crepuscular ca nos suicidas da súa xeración, que non chegou ao Rockola. Tamén Marianne ten a súa propia expiación: visitando á súa filla, interna nun psiquiátrico, acaba chorando, igual que Harriet Andersson en Un verán con Mónica.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: