Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O Morrazo

RSS de O Morrazo
OS VECIÑOS DE CANGAS VAN CAMIÑO DOS 20 DÍAS DE PARALIZACIÓN DO RECHEO PARA O PORTO DEPORTIVO

A Xunta "dubida" da legalidade da licencia de Massó mais non ordea a detención cautelar das obras

Despois de comenzaren o pasado día 3 as mobilizacións, os membros do Foro Social recibiron o día 12 o respaldo da Xunta de Galiza, -tamén recibido con agrado pola confraría San Xosé, que está a optar polas vías administrativa e xurídica na súa oposición ás obras-, mais seguen a demandar a paralización cautelar das actuacións que a empresa Residencial Marina Atlántica quere levar a cabo no Salgueirón, diante da vella conserveira de Massó. Seguen a ser eles os que cada mañán impiden a entrada aos operarios, perante a ollada da Garda Civil, evitando deste xeito a política de "feitos consumados" que dende a construtora pretenden seguir, nun calco doutras actuacións que no contorno da ría de Vigo se teñen producido nos últimos anos e que fai que cando a xustiza decide, os danos xa son irreparábeis.

- 17:28 20/10/2005
Tags:

Porén, as palabras da conselleira de Política Territorial, María José Caride, que diante dunha pregunta dos deputados nacionalistas Bieito Lobeira e Modesta Riobó comprometeuse a revisar a fondo o proxecto do porto deportivo ademais de constatar a "longa viaxe", seis meses de Santiago a Vigo, que un informe negativo de Pesca fixo para chegar á Autoridade Portuaria xusto despois do visto bo de Ministerio de Medio Ambiente, supuxeron un apoio importante na loita que a veciñanza, coa paralización, e a confraría, pola vía xurídica, están a desenvolver contra unha empresa que conta co apoio do alcalde de Cangas e da Autoridade Portuaria de Vigo e que está tentando asegurar parte do pastel que se ía repartir co anulado PXOM da vila.
Malia o "moderado optimismo" que manifestou o BNG cangués tralas súas xestións no parlamento e os intentos da confraría, que hoxe mesmo, día 20 de outubro, se reúne coa Autoridade Portuaria, cómpre salientar que son os membros do Foro Social, do que forman parte tanto o partido nacionalista coma a propia confraría, e os veciños que a eles se unen os que están a impedir cada mañán que o comezo das obras do recheo faga inútiles o resto de actuacións. Non hai máis que lembrar os episodios dos apartamentos de Samil ou da urbanización do Piricoto na outra banda da ría para comprobar como os construtores e promotores aproveitan a lentitude do aparato legal do Estado para vulnerar as leis e causar danos ao patrimonio natural e cultural do país que, coma no caso deste polémico recheo, serán totalmente irreversíbeis en canto se fagan.


0/5 (0 votos)