Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
LANZAMENTO MUNDIAL

O novo Astérix segue sen falar galego (e o catalán atrapállao)

'A Astérix o ceo cáelle na cabeza', o trixésimoterceiro ábume de Astérix, chega hoxe ás librarías. Faino en 13 linguas, entre as que está o catalán pero non o galego, e promete ser un éxito de vendas, o maior da banda deseñada europea. Ora ben, en catalán houbo que retiralo das librarías horas despois por graves grallas ortográficas na portada. Tamén se presenta esta fin de semana en portugués (de Portugal) o sexto volume de Harry Potter.

- 17:05 14/10/2005
Tags:

'A Astérix o ceo cáelle na cabeza' é o trixésimoterceiro volume da serie deste pequeno galo da Bretaña que resiste (aínda agora) a colonización romana. A historia, que só a partir de hoxe se desvela, narra a invasión da aldeíña gala por uns sedutores extraterrestres con fasquía de iconas pop estadounidenses, no que será o primeiro contacto do personaxe coa ciencia-ficción (apócema máxica fóra). Albert Uderzo, o seu debuxante e o creador que segue vivo (René Goscinny, o guionista, faleceu en 1977), sinalara na súa presentación o que xa se sabía: hai romanos, menhires, e unha paparota final, elementos claves nos álbumes deste pequeno heroe.

Nas súas moitas viaxes ao longo e largo do planeta, nin Astérix nin o seu inseparábel Obélix visitaron Galiza. Ademais, non están traducidos ao galego nin sequera a terceira parte dos álbumes, malia que comezara o traballo en 1977 o poeta Eduardo Blanco-Amor, nunhas versións xa inatopábeis da 'Liorta dos xefes' ou 'Astérix o galo'. A Mesa pola Normalización Lingüística púxose en contacto coa empresa posuidora dos dereitos no estado, Salvat-Bruño, para coñecer cales eran os plans para esta tradución. A editorial catalá asegurou que non estaba prevista a edición en galego de 'A Astérix o ceo cáelle na cabeza'. Por iso A Mesa pola Normalización anunciou que está a cavilar medidas ao respecto, e non descarta unha campaña de boicot aos libros da editorial, fundamentalmente dirixidos ao ensino.

A tiraxe inicial é de 8.000.000 de exemplares en 27 estados do mundo e media ducia de linguas, dos que o 40% se dsitribuirán en Francia. Algo que contrasta cos 6.000 exemplares en francés que vendeu a primeira edición de 'Astérix o galo', o primeiro dos volumes. O total de exemplares vendidos supera os 300 millóns, traducidos a 107 linguas. A tradución ao catalán houbo de ser retirada dos quioscos e librarías só unhas horas despois de que se puxera á venda, co que seguramente se convirta nun obxecto de coleccionista. Dúas graves grallas ortográficas no título (El cel s'ens cae al damunt, que vén sendo O ceo se nos cae na cabeza) foron as responsábeis.

Por outra parte, o sábado é o día da presentación mundial de 'Harry Potter e o príncipe misterioso', a tradución portuguesa de 'Harry Potter and the Half-Blood prince', a sexta entrega do neno mago. Aínda non está confirmado cando aparecerá traducido ao portugués de Brasil (unha versión sempre moi distinta). En galego agárdase a publicación do cuarto volume, 'Harry Poter e o cáliz de fogo' para finais de ano.


Ligazóns

4/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: