Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Os datos polacos

Das elecións lexislativas celebradas en Polonia o pasado domingo despréndense catro datos relevantes. O primeiro é a desfeita da coalición gobernante, formada pola Alianza da Esquerda Democrática (SLD) e a Unión do Traballo (UP). O segundo, o afundimento do centro político. O terceiro, o ascenso das formacións populistas e liberais. O cuarto, a elevada abstención.

- 12:11 27/09/2005
Tags:

Tense citado a corrupción como a causa principal que explica a desfeita da SLD, que obtivo menos do 10% (41,04% en 2001). Certamente, toda esta lexislatura estivo marcada polos escándalos. Os escuros e mafiosos vínculos entre a política e a economía quedaron ao descuberto, en especial, os establecidos entre os membros da antiga nomenklatura, moi beneficiados nese proceso de acumulación de capital característico dos procesos de transición nas economías da Europa do leste, dando lugar a numerosos affaires (Starachowice, Rywin, e outros) que debilitaron seriamente ao goberno e fixeron entrar á propia SLD nun proceso de acelerada descomposición, do que se beneficiaron tanto os partidos anti-sistema coma os discursos anti-partido.

Pero non foi só a corrupción. Todo o período 2003-2004, desenvolvido baixo o signo das negociacións de adhesión á UE e de controversias estratéxicas de gran calado, caracterizouse pola desestabilización da coalición gobernante e por unha crise de representación política sen precedentes na "III República" polaca. Despois da adhesión, acontecida en maio de 2004, o goberno entrou nunha fase de parálise, mentres as protestas cívicas medraban en intensidade, xerando o caldo de cultivo ideal para o crecemento de movementos políticos de carácter populista que souberon gañarse o apoio dos grupos sociais ameazados polos efectos da integración da UE.

O plan de austeridade aplicado en 2003 por mor da esixencia comunitaria de reducir o déficit público e prever a contribución polaca ó orzamento da Unión, repercutiu de forma notable sobre a redución de gastos na esfera social. As repercusións políticas deste plan foron importantes: os sindicatos OPZZ, aliados do goberno, e varios deputados da SLD desentenderonse da política oficial, criticada entón por liberal.

O envío de "forzas de estabilización" a Iraq, tributo desa concepción, compartida polos principais actores da vida política polaca, de que EEUU é o mellor garante da súa seguridade, illou a Varsovia en Europa e abriu unha nova fronte de discrepancia coa opinión pública, maioritariamente oposta á guerra. Aliado de Aznar, tamén na oposición á Constitución europea, o goberno de Leszek Miller reclamaba o mantemento da UE de Niza ou defendía a mención á herdanza cristiana no preámbulo do citado texto. Retórica, en calquera caso, insuficiente para conter o ascenso das forzas nacional-católicas e mesmo da Plataforma Cívica, igual de europeísta, pero entón volcada na defensa de "Ou Niza ou Morte", como reclamaba o seu líder, Jan María Rotika.

Nas vésperas das eleccións europeas do 13 de xuño de 2004, a desfeita da SLD semellaba inevitable. En marzo, unha trintena de deputados e senadores decidían abandonar esta formación para formar un novo partido, a Socialdemocracia Polaca (SdPI). O xefe do goberno, Leszek Miller, presenta a dimisión ao día seguinte da adhesión á UE. Miller era substituido por Marek Belka, responsable da política económica no Iraq de Paul Bremer. A SdPI votaba en contra deste candidato no Sejm ou Parlamento.

Aqueles comicios de xuño adiantaron a mudanza do mapa político: vitoria do PO (24,1%), pero presenza significada de partidos euroescépticos, como LPR (15,92%), ou Autodefensa (10,78%), ou nacionalistas como Lei e Xustiza (12,67%), que expresaban non soamente o seu desencanto coa xestión da SLD-UP, senón tamén a percepción de que a UE equivalía a unha ameaza para os seus intereses. Os partidos que apoiaban ao goberno obtiveron o 9,35% dos sufraxios, quedando fora a SdPI, que non superou o 5%.

A pesar de todo, os resultados da SLD do pasado domingo probablemente non conducirán á liquidación desta formación, continuadora en certo modo do POUP, na que aínda confiaron os mais afastados ideoloxicamente do centrodereita, e os que respaldan os esforzos de reposicionamento político e de afastamento dos escándalos de corrupción. Unha nova xeración de dirixentes asoma no horizonte, pero está por ver a súa capacidade para vertebrar un discurso máis coherente coas posicións de esquerda.

O segundo dato é o afundimento do centro político. Os liberais de centro, agrupados arredor de Tadeusz Mazowiecki, quen fora xefe do primeiro goberno non comunista nun país do Pacto de Varsovia, quedaron fora do Parlamento, ao non superar o cinco por cento. A dereita mais moderna e liberal deixa paso ás posicións nacionalistas e populistas que pulverizaron o espazo de centro.

O terceiro dato é o ascenso desas forzas de dereita, co inesperado predominio do partido Lei e Xustiza (27%), que desbancou a Plataforma Cívica (24%), a quen se auguraba unha intención de voto do 40%. Esa minoración de expectativas pudo deberse ao entusiasmo reformista dos liberais que socialmente é sinónimo de máis sacrificios para os máis febles. Os programas destas dúas formacións non son incompatibles, pero deberán realizar un importante esforzo de aproximación. A diferencia do PiS, dos irmáns Kaczinsky, a PO propón unha política mais liberal no económico e mais próxima á UE. Creado hai catro anos, o PiS, templado na defensa da familia e dos valores cristianos, tentará frear as privatizacións e defenderá unha orientación social mais proteccionista. O compromiso que poidan establecer para gobernar vai concretarse nunha política que non vai ser moi diferente á aplicada pola Alianza de Esquerda Democrática nos últimos anos.

O cuarto dato, a baixa participación electoral, que foi do 38% (20,87% nas europeas fronte ao 59,63% do referendo de adhesión) e que ratifica, unha vez máis, a tradicional desconfianza dos polacos respecto dos partidos e dos políticos que os dirixen, persoas nas que non se pode confiar porque, sen excepcións, din unha cousa e fan outra. Todos son iguais á hora de gobernar.

A taxa de desemprego en Polonia rolda o 20%. En total, mais de medio millón de empregos foron destruidos entre 1995 e 2002, e mantense unha taxa de emprego na industria das mais baixas entre os novos membros da UE (51,2% en 2003). Persisten os grandes handicaps estruturais, a pesar dos enormes esforzos desenvolvidos nos últimos quince anos, e que nos remiten ás causas da fragmentación e erosión do mapa político polaco e das súas interminables crises. O custe deste proceso é tan forte que dende 1989 ningún goberno logrou ser reelixido.

O próximo 9 de outubro haberá eleccións presidenciais. A vitoria do PiS pode completarse obtendo a presidencia do país. Dous irmáns, Lech e Jaroslaw Kaczynski, terán nas súas mans os destinos de Polonia.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: