Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Fracaso norteamericano en Iraq?

Desde que Estados Unidos se lanzou a desenvolver as suas
agresións militares en Afganistán e Iraq, o argumento ten sido empregado unha chea de veces: as operacións en cuestión, lonxe de reducir o caldo de cultivo diso que se ten dado en chamar terrorismo internacional, antes ben viñeron a engorda-lo. Abondará con rescatar un dato rechamante que incluia o pasado ano o informe do Instituto Internacional de Estudos Estratéxicos de Londres: se hai un lustro Al Qaida era unha rede instalada en media dúcia de países, hoxe en dia os seus militantes están presentes en sesenta Estados, no que semella ilustración fidedigna do calamitoso resultado da política abrazada polos gobernantes estadounidenses de arestora.

- 11:57 26/07/2005
Tags:

Aínda que a tese que temos entre mans é tan fácil de entender como, noutra clave, irrefutábel, cómpre que gardemos as distáncias no que atinxe a dous preconceptos que a anteceden. O primeiro adianta que nos movementos norteamericanos destes últimos anos en Afganistán e Iraq se apreza de maneira sinxela o vigor de dous grandes obxectivos que darian conta, ao cabo, do principal: reconfigurar, por un lado, o panorama estratéxico do Oriente Próximo, convertendo a rexión nunha atalaia desde a que manter vixiados a eventuais competidores, e facer-se co control de matérias primas enerxéticas -no seu caso, tamén, de conductos de transporte- moi gulosos. A segunda presunción acata, sen mais, que a loita sen cuartel contra o terrorismo internacional é explicación primeira das accións militares que nos ocupan.

Xa suxerimos que cómpre manter as distáncias no que respecta a esas duas percepcións. Polo que á primeira se refire, a razón parece simple: hai que preguntar-se se, alén de sisudas opcións xeoestratéxicas e xeoeconómicas, o que agroman non son senón os prosaicos e persoais intereses do grupo dirixente en Estados Unidos. Direi-no con maior claridade: cando se afirma, de novo con argumentos solventes, que a estratéxia da Casa Branca está a naufragar visíbelmente en Iraq, esquece-se que por detrás son moitas as empresas norteamericanas que, nos ámbitos do complexo industrial-militar, da construcción civil e, con certeza, da enerxia, están a obter enormes benefícios nese atribulado país. Se cadra isto é, con moito, o principal para Bush e os seus, que sorrín cando escoitan a tantos expertos.

Fariña doutra saca é a que corresponde á segunda presunción. Neste caso debemos recear moito de que, falando en sério, a represión do terrorismo internacional sexa alicerce primeiro da conducta planetária de Estados Unidos. Semellante intuición deturpa, e dramaticamente, os feitos. Significativo é que a Estratéxia de Seguridade Nacional aprobada en Washington en setembro de 2002 identifique dous grandes obxectivos da política exterior norteamericana --afortalar, por un lado, a hexemonia própia e espallar, polo outro, o modelo de capitalismo estadounidense para que alcance o derradeiro cantiño do globo-- e ningunha mención faga, entre tanto, do terrorismo internacional. A invocación ritual deste non é senón un recurso interesado para botar adiante operacións militares que noutras circunstáncias serian inabordábeis. Estados Unidos non está inmerso nunha loita sen cuartel contra Al Qaida e redes similares: as suas políticas apuntan sen mais, e antes ben, a desfacer-se de competidores e rivais, sexa cal sexa a condición, marcada polo terror ou non, destes.

Na rebotica da tese xeral que estamos a glosar o que se albisca é algo de relevo: quen dirixen hoxe a principal poténcia planetária actúan en proveito de intereses singularísimos que acantoan o vigor dos que corresponden aos seus própios concidadáns. Pense-se, por exemplo, na natureza da resposta maior que a Casa Branca ten decidido ofrecer aos inxentes problemas de vulnerabilidade enerxética de Estados Unidos. Lonxe de asumir a necesidade imperiosa de reducir o consumo interno de petróleo e de gas natural, e lonxe tamén do desígnio de propiciar un rápido e libertador desenvolvemento de fontes alternativas de enerxia, os gobernantes norteamericanos do momento, atentos aos intereses de xigantescas empresas, decidiron enfrontar costosísimas e sanguentas operacións militares que moitos entenden que exhiben, por demais, incertos resultados. A ton coa percepción dos feitos que estamos a acariñar é obrigado salientar unha vez mais que, se eses resultados son innegabelmente incertos para o cidadán norteamericano de a pé -que haberá de pagar cos seus impostos a ousadia bélica de Bush-, non falta quen teima en alegrar-se ao comprobar como a conta de resultados dun feixe de macabras empresas engorda espectacularmente, en aplicación estricta dunha máxima ben coñecida: mentres os benefícios se privatizan, as perdas, en troques, se socializan.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: