Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR

Concéntranse fronte ao Parlamento en defensa dos ríos galegos

Membros de organizacións que promoven a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en defensa dos ríos, xunto cun grupo de veciños e veciñas de Santomé de Obra (Vila de Cruces) afectados por novos encoros no río Ulla (Novefontes e Freixido), concentráronse fronte ao Parlamento no día da toma de posesión dos novos deputados e deputadas. Con esta acción quixeron chamar de novo a atención sobre a situación dos ríos do país, ameazados por encoros, contaminación, canalizacións, Unha das primeiras proposicións de lei que debaterá o novo Parlamento será a iniciativa lexislativa popular en defensa dos ríos, que reuniu máis do dobre das sinaturas precisas.

- 16:08 18/07/2005
Tags:

A comisión promotora entregou aos deputados un escrito no que se lembra que "para o chamado Plan Sectorial Hidroeléctrico de Galicia-Costa (de Novembro de 2001), todos os tramos de río con pendente ou caudal rendíbeis economicamente (salvo no río Sor) pasan a ser susceptíbeis de aproveitamento hidroeléctrico, sen reparo algún polos seus graves impactos ambientais e sociais. A consecuencia: máis de cen novos aproveitamentos feitos e en tramitación que están a converter ao que queda de mellor conservado dos nosos ríos nunha sucesión de lagos e lagoas artificialmente encanados".

Os promotores da ILP reclaman "unha moratoria efectiva para todos os aproveitamentos hidroeléctricos entretanto se elabora un novo plano hidrolóxico que, conforme ás directrices da Directiva Marco da Auga, poña a súa prioridade na recuperación da calidade da auga e na conservación e recuperación dos ecosistemas fluviais".

A concentración fronte ao Parlamento desenvolveuse entre as 10 e as 11.30 h e xuntou a unhas 250 persoas, a maioría veciños e veciñas de Santomé de Obra que, por terceira vez nun mes, viñeron a Compostela, desta vez para convidar aos parlamentarios a que se dean "o luxo de desfrutar da perfecta harmonía na que convive o río Ulla con Santomé de Obra". Tamén houbo representación dalgunhas das organizacións que promoven a iniciativa, coma a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Coordenadora en Defensa do Ulla ou a Federación Ecoloxista Galega (FEG).

Oposición á minicentral da Silvouta, no río Sar

ADEGA-Compostela presentou perante a Consellería de Medio Ambiente alegacións contrarias ao proxecto de minicentral da Silvouta, que afectaría a un tramo do río Sar situado entre Santiago e Ames e aproveitaría augas da depuradora de Santiago. ADEGA entende que "esta minicentral dificultaría e atrasaría o proceso de depuración natural do río Sar e agravaría a súa deterioración". A ela tamén se opoñen outras organizacións sociais e políticas e os concellos de Ames e de Santiago.

Por outro lado, ADEGA-Compostela demandou "protección efectiva e un Plano de Ordenamento dos Recursos Naturais (PORN) para o tramo do río Sar incluído na Rede Natura 2000, augas abaixo do lugar no que se situaría a minicentral, e que comeza na ponte que atravesa o río en Bertamiráns e remata na súa desembocadura no Ulla". As principais ameazas para este treito do Sar "son a contaminación, o proxecto de canalización promovido por Augas de Galicia e a expansión urbanística".


Ligazóns

0/5 (0 votos)