Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ELECCIÓNS NO REINO UNIDO

Gales, Escocia, Úlster, a difícil loita dos nacionalismos polo espazo político

Maioría laborista en Escocia e Gales e reparto entre católicos e protestantes no Úlster, onde ademais non se presentan as tres grandes forzas parlamentarias, foi o reparto saído das urnas hai catro anos. O pequeno peso demográfico respecto ao total do Reino Unido, ao tempo que o propio sistema electoral británico, non ofrecen moito espazo de manobra no Parlamento inglés ás forzas minoritarias.

- 13:19 05/05/2005
Tags:

Con cinco millóns de habitantes en territorio escocés, fronte aos case cincuenta millóns de Inglaterra, en 2001 Escocia repartía un total de 72 escanos, dos que 56 foron para os laboristas. Daquela, os conservadores só gañaran nun dos distritos escoceses e non é probábel que amplíen desta vez a súa representación. Nesas eleccións, o Partido Nacional Escocés acadou cinco asentos. Desta volta, Escocia só terá dereito a 59 escanos, logo do desenvolvemento da súa autonomía e a decisión da comisión electoral de reducir o número de distritos escoceses.

En Irlanda do Norte, cunha poboación de 1,7 millóns de habitantes, están en xogo 18 escanos. En 2001, o resultado das urnas distribuira cinco para o UUP dos unionistas moderados de David Trimble, cinco tamén para o DUP do unionista Ian Paisley, tres para outra escisión unionista, catro para o Sinn Fein e tres para os católicos moderados.

Gales, con 2,9 millóns de habitantes, é territorio maioritariamente laborista, onde os de Blair acadaron hai catro anos 34 dos corenta asentos en xogo, mentres o Partido Conservador deixaba a cero o seu casilleiro. Pola súa banda, o nacionalismo galés do Plaid Cymru sumaba catro parlamentarios.


0/5 (0 votos)