Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS TRES DETIDOS PRESTAN DECLARACIÓN

A CIG ve "intencionalidade política" na actuación policial durante a manifestación de Vigo

Os tres detidos tras os incidentes que se produciron na manifestación convocada pola CIG en Vigo o pasado domingo prestan declaración no xulgado de instrución número 4 de Vigo e espérase que sexan postos en liberdade nas próximas horas. En relación co acontecido, a CIG anunciou que reclamará "explicacións e responsabilidades" aos que ordenaron a actuación "indiscriminada e premeditada" das forzas de seguridade durante a manifestación do 1 de maio en Vigo. O secretario xeral do sindicato nacionalista, Suso Seixo, solicitou unha entrevista co subdelegado do goberno en Pontevedra para coñecer a razón "dese asalto da policía, máis propio dun corpo de represión dunha ditadura que dun estado democrático".

- 12:23 02/05/2005
Tags:

O sindicato desvinculouse totalmente dos incidentes que tiveron lugar durante a manifestación e que, supostamente, provocaron a intervención da policía. Segundo Europa Press, unha hora despois de que comezase a manifestación na esquina da rúa Colón con García Barbón, un mozo encarapuchado saíu de entre os manifestantes e lanzou pedras contra unha sucursal bancaria, o que causou a rotura dalgúns cristais. Despois integrouse de novo na manifestación e cando tres axentes da Policía Local intentaron detelo varias persoas lles pecharon o paso. Un dos axentes caeu ao chan e foi golpeado na cabeza, segundo o relato de Europa Press.

Suso Seixo lamentou profundamente que estes incidentes embazaran unha manifestación "absolutamente pacífica". Seixo sinalou que os autores dos feitos son "un pequeno grupúsculo de sobre coñecido pola policía" que, asegurou, "non é a primeira vez que protagoz¡nizan incidentes semellantes" e "non teñen nada que ver con este sindicato".

O secretario comarcal da CIG en Vigo, Xerardo Abraldes, que foi un dos golpeados polos Antidisturbios ao intentar pedir explicacións ao xefe da Policía, mostrouse convencido de que os axentes identificaran aos culpábeis "moito antes de chegaren á Porta do Sol" e, porén, "actuaron con violencia indiscriminada contra o groso dos manifestantes pacíficos que estabamos alí". Abraldes sinalou que un dos tres detidos é membro da CIG, pero que a súa detención "non ten que ver cos indicidentes". Os outros dous son, segundo Abraldes, un ex-militante do sindicato "desde hai moito tempo" e un membro de Nós-UP. Segundo esta organización, outra militante está en estado grave logo de feridas que sufriu na cabeza durante a carga policial.

"Cremos que houbo unha intención política de danar á CIG ante a opinión pública e ao nacionalismo que nos apoia nas vindeiras eleccións autonómicas", aseguraron os representantes da CIG. Para eles, púidose actuar contra os responsábeis dos destrozos unha vez terminada a manifestación e sen implicar aos "manifestantes pacíficos".


0/5 (0 votos)