O patronato da Fundación do Pedrón de Ouro acordou, en reunión celebrada en Compostela o 16 de abril, conceder o "Pedrón de Ouro 2005" a Xosé Manuel Beiras "como recoñecemento ao seu permanente compromiso co País e á súa xenerosidade e honradez exemplares". Pouco antes de coller o avión para Barcelona onde esta tarde presenta o libro "A estrela na palabra", Beiras comunicoulle a Vieiros a súa "sopresa enormemente grata e moi conmovedora" pola concesión do premio. "Na situación actual é unha especie de recoñecemento que me dá máis azos e me reconforta", engadiu. Pola súa parte, a Executiva do BNG manifestou a súa "ledicia" pola concesión do Pedrón de Ouro a Beiras e sinalou que "ao premiar a súa traxectoria, o Pedrón de Ouro premia tamén a do nacionalismo galego nas últimas décadas".
O "Pedrón de Honra", adicado a personas ou entidades fóra de Galicia "que teñan contribuido ao engrandecemento do País", foille concedido a Fernando Pérez-Barreiro Nolla, residente na Gran Bretaña e impulsor do Grupo de Traballo Galego de Londres.O acto de entrega do Pedrón de Ouro terá lugar na casa de Rosalía de Padrón o domingo 22 de maio.