Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
INFORME DO TRIBUNAL DE CONTAS

Preguntan por que se aparcou o proxecto para mudar a Linux os computadores das administracións

Proxecto Rhodas era o nome do proxecto deseñado en 2001 para instalar sistemas operativos baseados en código aberto nos computadores da administración estatal que foi logo pechado sen explicacións coa entrada de Javier Arenas no ministerio de Administracións Públicas. O Tribunal de Contas reparou nesta circunstancia e vén de criticar a renuncia a unha iniciativa que lle tería aforrado importantes cantidades aos orzamentos estatais.

- 09:45 18/04/2005
Tags:

700 mil computadores dependentes de administracións públicas, a metade da administración central, erán obxetivo da idea presentada hai xa catro anos polo ministerio que entón presidía Jesús Posada. Funcionando máis do 95% baixo sistemas operativos de Microsoft, o bautizado proxecto Rhodas agardábase que conseguise un importante aforro para os petos do Estado. Malia iso, un ano despois, e logo do cambio neste ministerio, onde Javier Arenas asumía a carteira, o proxecto pasaba ao caixón.

Segundo o Tribunal de Contas, no seu informe fiscalizador sobre as contas deste período, non atopou informe ningún que argumente a prol ou en contra do Proxecto Rhodas. Pola contra, o Tribunal critica que o único dato achegado polo ministerio para xustificar esa renuncia, fala de presuntos problemas de interoperabilidade entre administracións se se optase pola aplicación de Linux.

Tal xustificación non ten sentido, na opinión do Tribunal de Contas, xa que o software básico na administración, procesadores de texto e follas de cálculo, pode ser usado sen problemas polas plataformas de código aberto e as incopatibilidades de Linux son precisamente con certas ferramentas de Microsoft que teñen alternativa de libre uso. Nese sentido, o informe critica o desbalde orzamentario que supón o pagamento de licencias para a adquisición de software que se podería substituír con alternativas de baixo custo.


Ligazóns

0/5 (0 votos)