Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
22 PETICIÓNS DE AXUDA NO 2004

A eutanasia e Galicia

Máis alá da polémica xurdida co caso de Ramón Sampedro, a legalización da eutanasia en España segue sendo un debate pendente. Ramona Maneiro quen volveu reavivar as ascuas, ao confesarse como a persoa que axudou a Ramón a morrer. Pero, unha vez se esqueza este último episodio, unha vez que nos esquezamos tamén de Mar adentro, que será desta reivindicación? A realidade amosa que, hoxe por hoxe, as respostas que se lle dan a quen pide unha morte digna son as mesmas que se deron a Ramón Sampedro hai uns anos. Un artigo de Belén Puñal

- 13:06 16/03/2005
Tags:

Poucas cousas mudaron, nin sequera co cambio de goberno, que parece disposto a escorrer o vulto. Nas páxinas que seguen, analizamos a realidade da eutanasia desde distintas perspectivas: a xurídica, a dos principais protagonistas involucrados no debate (desde o estamento sanitario até a Igrexa) e a humana e cotiá, nun intento de aproximarnos á realidade da práctica da eutanasia en Galicia.

Non quere ser un tren atado a unha vía morta. Ela ama a vida. Alegre e activa, de corpo miúdo pero alma inmensa, soubo atopar nas súas moitas vías paradas de felicidade, amor e esperanza, malia que a dor e a enfermidade levan sendo compañeiras súas de vagón dende hai máis de 30 anos. Pero María Magadalena Palacios non quere seguir arrastrada a esa locomotora cando non leve a ningures, cando non poida vivir con dignidade. Cando así fora, a eutanasia activa é para ela a saída desexada.

A eutanasia en cifras

Hai un ano xa que esta asturiana se puxo en contacto con DMD Galicia. Ela é unha das 22 persoas que no 2004 foron atendidas pola asociación. Unha cifra especialmente elevada, se temos en conta que, no ámbito estatal, se atenden unha media de dous casos mensuais. Destas 22 peticións de axuda, quince conseguiron rematar a súa vida como desexaban. Dos casos tratados por DMD Galicia o ano pasado, en dez deles a asociación limitouse a dar asesoramento e información, tanto ao demandante como aos médicos responsábeis do seu tratamento. Sete destes casos finalmente remataron como a persoa pedía e, dos outros tres, DMD non volveu ter noticias polo que considera que todo transcorreu do modo correcto.

Entre os outros doce demandantes, oito recibiron axuda directa da asociación que, ademais de asesorar e informar, estivo con eles en todo momento. Neles optouse por facer uso do testamento vital ao máximo das súas competencias. Coas catro persoas restantes, entre as que se atopa Magdalena, a asociación segue traballando. Eles son a punta do iceberg das eutanasias pasivas que poidan realizarse nos hospitais ou das activas que o interesado poida levar a cabo polo seus medios (desde o recurso a médicos coñecidos ou a provisión de fármacos até, directamente, o suicidio).

Malia que a imaxe de Ramón Sampedro é unha das primeiras que se nos vén á mente cando se fala da defensa da eutanasia, o seu non é o perfil habitual entre as persoas que acoden á asociación DMD. O de Ramón non foi, de feito, un caso de eutanasia, senón de suicidio asistido. Enfermidades terminais ou dexenerativas, xeralmente en fases avanzadas, adoitan ser as situacións máis habituais entre aquelas persoas que se formulan con seriedade a eutanasia. Aínda que non son as únicas. Cada vez son máis os que se dirixen a DMD cando acaban de coñecer que padecen unha afección que os conducirá á morte. Por outra banda, entre as persoas que solicitaron a súa axuda a DMD Galicia recentemente podemos atopar na actualidade dende casos de sida e cancro até tetraplexia e enfermidade mental.

As limitacións da lei

Hoxe por hoxe, para conseguir unha morte digna cando e como un desexe é preciso moverse nos subterfuxios da lei. Unha lei que se cingue á posibilidade das vontades anticipadas (aprobada en Galicia o 28 de maio de 2001). Neste documento, a persoa pode pedir por adiantado, para cando non poida facelo a causa dunha enfermidade, que en caso de estado irreversíbel non se prolongue a súa vida artificialmente e se lle subministren os fármacos necesarios para aliviar a dor, física ou psíquica, aínda que poidan acurtar a súa vida. A hipocrisía da lei é tal que se un médico subministra unha medicación a un paciente para acelerar a súa morte, será considerado unha boa práctica médica sempre e cando o profesional manifeste que o único que pretendía era aliviar a dor. Se nalgún momento recoñece que sabía o que ía pasar, convértese automaticamente nunha actuación ilegal.


O traballo de DMD

Tendo en conta as limitacións da lei e a necesidade de moverse nas marxes do permitido, a saída máis habitual para unha morte digna, como e cando a persoa queira, adoita ser a sedación terminal (a eutanasia indirecta). Pero, de tódolos xeitos, a última palabra segue estando no médico, que pode negarse por ética profesional a cumprir coas vontades anticipadas do ou da paciente. Aínda que o médico pode converterse no principal obstáculo á hora de levar adiante unha morte digna, tamén é preciso recoñecer –como así o recoñece Carmen Vázquez, presidenta de DMD Galicia, que cada vez hai unha maior concienciación no ámbito sanitario. Unha das principias funcións da asociación, a parte da información, o asesoramento, e o seguimento en todo momento daqueles casos que lles solicitan axuda, é precisamente a apertura de canles de diálogo entre o ou a demandante, a familia e o persoal médico.

Para Carmen non hai un perfil determinado da persoa que se decanta pola práctica da boa morte, porque o certo é que ninguén de nós quere morrer sufrindo. A asociación loita pola legalización dunha realidade que se vén realizando en hospitais e domicilios de forma habitual. "Hai eutanasias clandestinas, persoas que axudan a morrer a outras persoas como e cando queren. Practícanse nos hospitais. O que pasa é que estamos falando dun tema que non é legal. O que hai hoxe en día é unha despenalización de ollos que non ven, corazón que non sente". Para ela, que non lle dá as costas, que comparte de preto o sufrimento e a determinación dos que deciden unha morte digna, quizabes unha das maiores satisfaccións sexa as palabras de agradecemento, como a dunha nai que viña de enterrar a filla e lle confesou: "Eu quero vir morrer con vós".

O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (marzo 2005, nº 94)

TAMÉN NO ÚLTIMO NÚMERO DE TEMPOS Novos...

A mirada social sobre a eutanasia. O CEO PODE ESPERAR. Unha ollada aos posicionamentos da Igrexa, da medicina, da política e da reinvindicación cívica desde Galicia.

PERSPECTIVAS POLÍTICO-CRIMINAIS NA LEXISLACIÓN DA EUTANASIA. Unha completa análise sobre o que a lei di a respecto da eutanasia, así como das alternativas lexislativas posíbeis.


0/5 (0 votos)