Os 4,5 euros que custa viaxar en coche polos pouco máis de corenta quilómetros da autoestrada que unen Santiago e Lalín, ata 8,95 no caso dos camións máis grandes, son un prezo "excesivo" e que ademais "frea o desenvolvemento social e económico" da comarca do Deza. Fronte a esa situación, creouse este martes na vila unha comisión integrada por representantes de PP, PSOE e BNG, dos sindicatos, colectivos de consumidores e asociacións empresariais que tentará negociar con Fomento unha rebaixa nesas taxas.
"A abusiva peaxe da autoestrada AP-53" motivou a xuntanza deste martes no consistorio de Lalín, onde se acordaron os primeiros pasos para a apertura de negociacións co ministerio de Fomento de cara á posíbel reducción dos prezos actuais. A comisión creada con ese fin buscará agora que o resto de concellos a través dos cales pasa a autoestrada celebren acordos plenarios onde se sumen oficialmente á iniciativa. A continuación, pedirán tamén o apoio da Xunta de Galiza e das deputacións provinciais de Pontevedra, A Coruña e Ourense.
A petición incluirá un informe de avaliación do impacto da vía sobre a economía das comarcas afectadas e vai propoñer diversas posibilidades que inclúen a renegociación das condicións financieiras coa empresa concesionaria con achegas económicas extra dende Fomento e a creación de bonos desconto para usuarios habituais.
Peaxes: promesas electorais no caixón
Témoslles contado da aparición destacada da supresión de peaxes nas axendas previas á cita coas urnas. Así aconteceu por exemplo no caso da longamente solicitada eliminación do pago na A9 entre Vigo e Pontevedra. Paradoxalmente, a promesa mantida deica as pasadas eleccións xerais entre as reivindicacións do propio PSdeG, pasou a segundo plano xunto con outras similares noutros puntos do Estado entre as estratexias no novo ministerio de Fomento.
Ao respecto, a ministra Magdalena Álvarez recoñeceu que "non hai urxencia" sobre o asunto e avanzou que o executivo botou contas do que lle custaría ao goberno central suprimir as peaxes "saiban que falamos de máis de 16 mil millóns de euros".
A ampliación da concesión, unha oportunidade perdida
De "escándalo" cualificaran dende a Plataforma cidadá pola supresión da peaxe as privatizacións acometidas polo goberno central que non aproveitaron para afrouxar as cargas sobre os usuarios da autoestrada. A propia Xunta prometera a eliminación das peaxes no caso do acceso a Vigo a través da ponte de Rande, sen vía alternativa e a plataforma criticaba o "nulo peso político" da Xunta de Galicia ante o daquela "goberno amigo" de Aznar. A previsión de ingreso deica o 2048: 280 mil millóns de pesetas procedentes dos petos galegos.