O domingo 13 de febreiro, tivo lugar a primeira regata do VIII Campionato de Inverno de Dornas a Vela organizado pola Asociación Cultural Lajareu por Barlovento de Ribeira. Está primeira proba das cincco que forman parte do Campionato de Inverno celebrouse de porto a porto en vez de facer saída e chegada desde un mesmo punto; deste xeito recóbrase un anaco das vellas costumes dos mariñeiros da zona cando regresaban do mar aos seus distintos portos.
As dornas tomaron a saída na Praia de Coroso en Ribeira ás 11:30 horas cun nordés refrescando ata uns 18 nós. Fíxose co mando na saída a Vikinga de Fernando Redondo e Antonio Ignacio seguidos moi de preto por a Ila de Adelino Formoso e Agustín Seráns, os que aproveitaron mellor o barlovento cando a Vikinga fixou o rumbo equívoco ás Lobeiras Pequenas en vez das Lobeiras Grandes. O erro da Vikinga custoulle varios postos na primeira marca onde se puxo de cabeza á Ila, seguida da Jolfiña de Alberto Romero e Ignacio Jorganes e da Papoula de Carlos Otero e Jorge Ramos.
Todas as embarcacións fixeron auga por proa e polo costado de sotavento xa que a rachas do nordés castigaron ás embarcacións preto das Lobeiras. Dado que a liña de chegada era no porto de Palmeira as dornas optaron por estratexias distintas. A Jolfiña ciñeu moito para fóra, case chegando ó Canal de Rúa, seguida de cerca pola Papoula mentres a primeira que virou para terra foi a Xarda de José Gago e Jesús Martínez. A Ila decatouse da mellor ceñida por terra e intentou cubrir á Xarda mentres a flota se dividiu practicamente a partes iguais: unhas por terra e outras por fóra.
Logo se decatou toda a flota que a virada por terra era moi superior deixando que a Xarda fixera moito camiño preto de Palmeira para logo facer a última virada a carón da entrade do Porto. A Vikinga emprendeu a persecución por terra e sacoulle a segunda posición á Ila que tardou máis en virar. A Flecha de José Antonio Castro e Alejandro Rodríguez tamén fixo gran camiño por terra ata que se anegou de auga preto da última virada. A Xarda entrou en primeiro posto sen maior consecuencia, controlando totalmente a regata desde que virou por vez primeira nas Lobeiras; unha vez máis demostrou por que é unha das dornas favoritas en todos os Campionatos de Inverno. Seguírona a Vikinga e a Ila.
O cuarto posto quizabes fora o máis emocionante coa Papoula, a Jolfiña e a Flecha entrando no peirao de Palmeira a escasos centímetros unhas de outras. Corouse cuarta a Papoula no que foi practicamente un foto-finish de carreira de cabalos.
A clasificación xeral despois da primeira proba é a seguinte: 1ª Xarda, 2ª Vikinga, 3ª Ila, 4ª Papoula, 5ª Jolfiña, 6ª Flecha, 7ª Rabuda, 8ª Visenta, 9ª María da Fonte, 10ª Adoa, 11ª Volandeira, 12ª Fiuza, 13ª Zoa..
A saída da próxima regata do campionato de inverno vai ter lugar o próximo sábado día 26 as 16 horas na praia de Coroso. Como é habitual por mor da seguridade dos regatistas na Ría, un equipo mariño de Protección Civil de Ribeira acompaña a flota durante todo o percorrido.