Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
HAI QUE BOTALOS

Burla Negra presenta unha longametraxe composta por 25 curtas

A Plataforma contra a Burla Negra e a productora coruñesa A Fraga Maldita uníronse para a realización dun proxecto audivisual pioneiro en Galiza, Hai que botalos!. Unha longametraxe composta por un total de 25 curtas que conta coa participación de actores, directores, escritores, etc. entre os que se atopan Luís Tosar, Mabel Rivera, Mónica García, Miguel de Lira, Suso de Toro ou Margarita Ledo Andión.

- 17:11 11/02/2005
Tags:

O proxecto Hai que botalos! presentouse a través da Rede de Acción Cultural Arredemo e, segundo os propios promotores, "pretende amosar unha visión crítica da situación real na que se atopa Galiza". Unha situación da que en Hai que botalos! se denunciará a precariedade laboral, a degradación ambiental, o caciquismo ou a necesidade de emigrar.

Unha das principais características deste proxecto é que nel participan arredor dun cento de profesionais do mundo audiovisual e literario galego: actores e actrices, realizadores, productoras, escritores e escritoras, músicos, etc. Todos estes profesionais ademais ofrecen o seu traballo de xeito voluntario e a eles súmase a colaboración desinteresada de particulares e empresas.

A distribución deste traballo realizarase a través de canles non comerciais e contando con locais inscritos en Arredemo, ademais teñen prevista a publicación do traballo en DVD e o seu anuncio durante a Berlinale que acaba de comezar e na que participarán Miguel de Lira e Mónica García.

Así mesmo, a través de Arredemo poden ofrecer o seu traballo, as súas ideas, etc. todas aquelas persoas que queiran incorporarse ao proxecto.


0/5 (0 votos)