Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
AS BURGAS QUEDAN SEN AUGA POR UNHAS OBRAS QUE LEVAN CINCO ANOS DE RETRASO

A guerra dos balnearios volve enfrontar os dous sectores do PP

A perda de caudal dunha das Burgas, as fontes termais públicas de Ourense, provocou nestes días a última das batallas da "guerra dos balnearios" que enfronta os dous sectores do Partido Popular galego. A causa da seca é a construción dun hotel balenario a poucos metros das fontes termais. Mentres no pleno o Concello aprobaba darlle máis marxe á empresa adxudicataria das obras, nas rúas uns trescentos cidadáns se manifestaban contra o dano producido nun dos símbolos da cidade. Como pano de fondo sitúanse as desputas entre o alcalde Manuel Cabezas e o presidente da Deputación, Xosé Luis Baltar.

- 19:32 09/02/2005
Tags:

Hai 5 anos o Concello ourensán promoveu a construción dun hotel balneario nun predio propiedade da construtora Xardín das Burgas, ao pé das fontes termais da cidade e sobre os terreos da antiga Casa de Baños. A adxudicación á empresa propietaria do solo deixaba fóra o círculo de empresas que xestionan a maior parte dos balnearios da provincia, na órbita de Benigno Moure, da Fundación San Rosendo, e de Xosé Luís Baltar, o presidente da Deputación. Repetíase así o episodio do concello de Bande, onde o alcalde Amador de Celis, quixo escapar ao control da Fundación San Rosendo adxudicándose a si mesmo a xestión do balneario do seu concello.

O problema desta adxudicación derívase sobre todo da mala xestión da empresa. Basilio Martínez Serodio, o titular da inmobiliaria Xardín das Burgas, éo tamén doutras 65 firmas que empregan no seu conxunto 8 traballadores. Relaciónase o labor profesional do descoñecido Martínez Serodio co motel de Meis Vialmar, ou coas empresas inmobiliarias Splendor e Espavene. Un grupo de 65 empresas que leva un retraso de cinco anos na execución das obras: en 2000 asinou un convenio de colaboración co Concello para executar un proxecto valorado en 18 millóns de euros, e tivo que facer fronte hai unhas semanas a unha multa de 60.000 € (0,3%) por incumprir todos os prazos da posta en marcha.

O último capítulo foi a perforación dun dos pozos que alimentan as Burgas durante os traballos de escavación para o balneario, e que tivo como consecuencia a perda dun 40% do total do manancial e o cerre dun dos dous canos principais. A licencia de Industria non contemplaba estas escavacións. Para amañalo, o Concello encargoulle un estudo a dúas empresas de exploracións xeolóxicas (Geotecnia e Cimientos Geocisa) e acordou poñer os feitos en coñecemento da fiscalía. Pero a oposición e Xosé Luís Baltar demandaban solucións máis drásticas.

Os nacionalistas pedían rescatar o convenio e proxectar un novo concurso, así como a demisión dos concelleiros de Infraestruturas (Xosé Luís Rodríguez Cid) e de Termalismo (Aurelio Gómez Villar). Os socialistas reclamaban a expropiación e que a Xunta lle rescindise o permiso a Xardín das Burgas para o aproveitamento de augas termais. Cabezas negouse a unha expropiación e a rescindir o contrato, pero confesou as súas dúbidas sobre a viabilidade de continuar con todos os elementos deste proxecto e apuntou á necesidade de modificar polo menos o sistema de escavación de pozos. De feito, remitiulle o expediente á fiscalía para actuar contra a empresa, mentres que solicitaba un informe xurídico que sinala a imposibilidade de rescindir o convenio se non transcorre un ano desde a licencia de edificación.

Pero máis importantes cós de nacionalistas e socialistas son os movementos que está a realizar Xosé Luís Baltar, concelleiro por Ourense e presidente da Deputación provincial. Nas votacións plenarias apoia o grupo popular, pero está mobilizando os seus recursos mediáticos para roer a imaxe da xestión do alcalde. É por iso que Baltar se ten posicionado con contundencia diante da prensa a prol da expropiación (coma os socialistas) e con críticas desapiadadas ao empresario responsábel do proxecto.

As obras de reparación suporán o selado dos pozos abertos por Xardín das Burgas, co que os mananciais deberían recuperar todo o seu caudal nun mes, conforme a avaliación de Geocisa. Segundo explicou o alcalde, os traballos destes días non pasan de ser labores provisionais, e cómpre para o futuro un proxecto máis completo para que non se produzan novas fugas de auga. Mentres, estanse realizando mobilizacións cidadás de protesta como a da pasada semana, cando medio milleiro de persoas se manifestaron para reivindicar unha solución ao problema convocados por Adega. Xan Carlos Fernández, voceiro dos ecoloxistas, aludiu a manobras especulativas, atacou o Concello por permitir a operación, e pediu un esforzo cidadán para solicitarlle á Unesco a declaración de Patrimonio da Humanidade.

O proxecto de hotel estao levando Xoán Carlos Cabanelas, un arquitecto local que compaxina a empresa da súa muller (Cabanelas&Castelo Arquitectos) coa xerencia de Xestur en Ourense. Cabanelas foi executor da ocupación dos terreos de Benposta ou da construción do centro comercial Ponte Vella, e relaciónase moi ben co sector urbano do partido. O resultado sería un hotel de cinco estrelas, de trece andares (once deles sobre rasante), unha piscina de 400 metros. A previsión de Xardín das Burgas era construír un segundo complexo termal en Mende, acompañado dunha zona residencial.


0/5 (0 votos)