Este é un artigo del Catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Compostela Francisco Fernández Rei aparecido no número 411 del xornal asturiano Les Noticies sobre a situación del galego del Eo-Navia.
GALEGO EONAVIEGO E ASTURIANO, A MESMA LOITA
O polifacético Antón Reixa, nun compacto de Negu Gorriak, preguntaba Que sabemos de Euskadi? Así, eu, cando observo a ignorancia que da situación de Asturias teñen os alumnos de Filoloxía da Universidade de Santiago, pregúntome Que sabemos de Asturias? Ben pouco, por certo. Todos saben que se fala galego ata o Navia, porque se lles explica na mateira de lingua galega, obrigatoria no ensino non universitario. Saben que en Asturias se fala “bable”, pero só os afeccionados ó folk de Llan de Cubel, ó agro-rock de Los Berrones ou ó rock radical de Dixebra falan de asturiano.
Se preguntamos en Asturias Que sabedes de Galicia?, se cadra o descoñecemento non é tan grande, a xulgar pola existencia de versións asturianas de autores como Castelao, Blanco-Amor, Cunqueiro, Neiras Vilas, Méndez Ferrín, Casares, Manolo Rivas, Suso de Toro e outros. Unha situación que contrasta coa falta de traducións de asturiano para galego, agás Marín Estrada. Que na literatura asturiana non houbese unha Rosalía ou un Cunqueiro, como ten dito Manuel Asur, e que o Surdimientu sexa recente fai que desde Galicia resulte pouco visible a literatura veciña.
Estes días pasados déuseme por curiosear na prensa asturiana e en foros de Vieiros.com onde participan galegos e asturianos, por ver reaccións ante os últimos nomeamentos de correspondentes da Real Academia Galega (RAG). E a conclusión que tirei é de que existe moito descoñecemento mutuo, con tópicos sobre a colonización e intromisións galegas no Eo-Navia.
Consonte co art. 1 dos seus Estatutos o obxectivo fundamental da RAG é o “estudo da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego”, entendendo por tal o “propio de Galicia, así como as súas variantes faladas nos territorios exteriores (Asturias, León e Zamora)” (art. 4). Para colaborar en tarefas científicas da institución, especialmente en aspectos do galego falado nestas zonas, sen dúbida ningunha vai ser de grande axuda a presenza do eonaviego Carlos Varela Aenlle, de Héctor Silveiro Fernández do Bierzo galegófono, de Felipe Lubián Lubián das Portelas de Zamora e de Domingus Frades Gaspar dos somontes da cacereña Serra de Gata, onde se emprega, en palabras de Lindley Cintra, un “falar também essencialmente galego”.
A RAG, como outras academias, ocúpase dos territorios lingüísticos, sen ter en conta as fronteiras administrativas. Faino Euskaltzaindia onde hai vascos de Francia, entre eles o actual presidente, e faino a Academia de la Llingua Asturiana (ALLA) con presenza de xente de León, como o actual secretario.
Non é a miña intención facer louvar a Varela Aenlle, académico nado no leste de Lugo, residente en Uviéu, pero eonaviego por familia materna e vivir a infancia e a adolescencia en concellos do Eo-Navia. Só pretendo tratar o xeral desprezo e o descoñecemento mutuo que observo entre galegos e asturianos desde hai anos, particularmente desde que en 1986 en Navia e na Veiga houbo quen se opuxo á impartición de I Curso de lengua asturiana para enseñantes de la zona asturgalaica e á asturianización da toponimia eonaviega. Os galegófonos do Eo-Navia contan coa simpatía de quen en Galicia trata de normalizar o galego, igual que quen en Portugal traballa polo uso e a codificación da variedade asturiana de Miranda do Douro é visto con simpatía polo asturianismo e é invitado ás Xornaes da ALLA.
Universitarios asturianos en Compostela e intelectuais asturianistas téñenme comentado que os galegos levan impedindo a presenza do asturiano en diversos foros (Galeusca, EBLUL...), á vez que non apoiaron en Madrid a titulación de Filoloxía Asturiana, porque, primeiro, abstívose o representante do BNG na Comisión de Educación do Congreso dos Deputados e logo, en maio do 2002, o reitor compostelán se opuxo no Consello de Universidades. Son noticias que en Galicia os medios non recollen, pero si os do Principado, cousa que provoca receos contra os galegos.
Tamén se dá o caso inverso. Hai feitos antigalegos en Asturias que se salientan en Galicia e que deixan un pouso non moi favorable ó asturianismo. No seu día sóubose que se apupou en Xixón a Luar na Lubre cando dixeron que a rumba de Ibias era da cultura galega, apupos que non recibe Llan de Cubel cando actúa en Galicia. Sóubose que de xeito violento Xavier Frías, escritor eonaviego en asturiano e en galego, fora boicoteado en Xixón cando ía presentar un libro sobre o galego de Asturias, como se soubo do boicot a un filme galego sobre a cunca do Navia. E tamén se soubo que no Día de les Lletres Asturianes do 2002 no Teatro Campoamor de Uviéu voaban panfletos contra Ramón d’Andrés, académico da ALLA, por defender publicamente que no estremo occidental de Asturias se fala galego.
Alguén pode demostrar que nos concellos de Santiso e Taramundi, nas parroquias de Abres e Guiar (A Veiga) e Os Coutos (Ibias) e na localidade da Trapa (Santalla de Ozcos) non se fala a mesma variedade galega das falas de Lugo veciñas? Alguén pode demostrar que en Grandas de Salime (Asturias) non usan un galego similar ó de Negueira de Muñiz (Galicia)? Na maior parte do Eo-Navia emprégase unha fala que, como dicía Dámaso Alonso para os concellos dos Ozcos, “tiene algunos rasgos en común con el asturiano, pero es fundamentalmente gallega, un dialecto del gallego”. Non se pode afirmar que no Eo-Navia hai unha lingua de transición, un suposto híbrído de galego e asturiano, como tampouco se podería afirmar semellante cousa para as falas de Valdés, Tinéu ou Cangas por máis que presenten abundantes trazos comúns co galego. As primeiras son variedades do galego oriental e as segundas, do asturiano occidental.
Cando a ALLA presentou o avance do II Estudiu Sociollingüísticu de Asturies, Les Noticies (nº 322, 5 de xineru, p. 8) informaba que na identidade lingüística “hai un consensu bastante xeneralizáu sobre l’asturianidá de la fala y la so mayor diferenciación respecto al gallegu. 2 de cada 3 habitantes consideren que la fala ye unha mezcla d’asturianu y gallegu y pal 16% ye una variante del asturianu. Pol contrariu, 1 de cada 10 [é dicir o 10%] vela como una variante del gallegu”. Poida que para sectores asturianistas sexa positivo que dous terzos dos eonaviegos non saiban qué lingua falan. A min o que me asombra é que aínda un 10% diga que fala galego, cando oficialmente e de xeito sistemático desde Uviéu non se usan a palabra galego para o Eo-Navia.
En sectores de Galicia existen receos contra o Principado por ningunearse o galego nas campañas asturianistas e falar dunha soa lingua propia de Asturias, por térense feito campañas en asturiano no Eo-Navia e porque neste idioma moitas veces se envían notificacións ós colexios da comarca.
Existen prexuízos contra a lingua asturiana, pero tamén hai quen nos os ten. Reixa, Os Diplomáticos do Monte Alto e Siniestro Total cantaron en asturiano no CD “L’asturianu muévese’. Varios catedráticos de filoloxía da Universidade de Santiago, cando nos pediron desde Uviéu un escrito a favor lingua asturiana, para adxuntar á solicitude da devandita titulación de Asturiano, redactámolo, deixando claro que o galego tamén é lingua do Principado. Eu nunca tiven prexuízos contra o asturiano, pois de telos non iría a Uviéu (outubro 1988) para formar parte do tribunal que xulgou a primeira tese de doutoramento en asturiano, boicoteada polo seu primeiro director por estar en asturiano.
Ignoro o tratamento que se lle dá ó galego e á súa literatura en Uviéu. No caso de Santiago a lingua asturiana ten unha presenza digna en materias como Sociolingüística Románica e Variedades minorizadas. Ese ensino nalgúns cursos complétase con seminarios e conferencias sobre aspectos lingüísticos e literarios, como en maio de 1996 con Ana Cano (seminario que editamos en galego) e en marzo-maio do 2002 con Antón García, Ramón d’Andrés e, de novo, Ana Cano. E ninguén en Compostela os boicoteou nin lles impediu falaren en asturiano.
Ben sei que hai sectores para os que é compatible a defensa da identidade asturiana (e en asturiano) coa afirmación que no Eo-Navia se fala galego, mais tantos anos de desencontros crearon freitas difíciles de superar. A ignorancia, o desprezo e a criminalización do outro non leva a ningures; é hora de tendermos pontes, porque a loita pola normalización do asturiano e do galego eonaviego é común, aínda que haxa quen se resista a velo.
Méndez Ferrín, na edición en asturiano dunha escolma de relatos del (Doce cuentos, 1993), manifestaba a esperanza “de que l’odiosu malentendíu se desfaiga y la causa de la nación llingüística asturiana, que ye la razón llingüística nacional, s’acomode a la nación y razón reales sabiendo que la llucha de los asturianos gallegos de la duce tierra britónica occidental –A Nosa Terra, llámenla ellos– ye una mesma llucha y la so esperanza la esperanza de toos”.
En Galicia, durante case 20 anos vivimos unha loita fratricida por mor das diferentes concepcións sobre o galego, mais foise facendo evidente que a falta dun patrón idiomático único era unha pexa grave no proceso de normalización, nun momento de diminución alarmante da transmisión xeracional do galego e do seu uso. Por iso, despois de tantos desencontros, fomos capaces de falar respectuosamente durante 15 meses xente con visións encontradas, para trazar un camiño común para a escrita do noso idioma.
Defensores do asturiano, da lingua de transición eonaviega, do galego-asturiano e do galego de Asturias, falen e superen prexuízos. Loiten xuntos para que as dúas linguas autóctonas acaden algún día unha “digna” oficialidade no Principado. A sorte dunha corre parella á da outra, porque, insisto, a loita é a mesma.
Francisco Fernández Rei
é Catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela, numerario da RAG, membro do Consello da Cultura Galega en representación do Instituto da Lingua Galega e un dos redactores das "Normas ortográficas e morfolóxicas del idioma galego"(1990) da MDGA.