Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
ADEGA DEMANDA MEDIDAS PARA REDUCIR AS EMISIÓNS DE CO2

Forte crecemento das emisións de gases de efecto invernadoiro do transporte en Galiza

Segundo datos da Consellería de Medio Ambiente, as emisións de dióxido de carbono (CO2) procedentes do sector do transporte aumentaron nun 45% en Galiza entre os anos 1990 e 2001, fundamentalmente debido ao transporte por estrada. Despois das centrais térmicas, o transporte é o sector que máis contribúe ao cambio climático, cun 16,7% do total das emisións de gases de efecto invernadoiro. O crecemento das emisións no sector do transporte superou en case 20 puntos o incremento xeral das emisións no noso país (27%). O límite de aumento das emisións até o 2012 fixado pola UE para o conxunto do Estado español no marco do cumprimento do Protocolo de Quioto é do 15%.

- 12:52 05/11/2004
Tags:

O 92% das emisións do sector do transporte na nosa terra son provocadas polo transporte por estrada. As emisións do transporte por estrada medraron un 46,6 %, debido ao aumento do parque de vehículos (de 970.000 en 1990 a 1.450.000 no 2001) e ao incremento do número de quilómetros percorridos por vehículo e ano (especialmente preocupante no caso dos camións). Contrariamente á tendencia xeral, as emisións do transporte ferroviario, moito máis eficiente e menos contaminante có transporte por estrada, diminuíron un 18,3%, consecuencia do lamentábel descenso do tráfico ferroviario provocado polo abandono do ferrocarril.

A elevada e crecente contribución do sector do transporte ao cambio climático e a necesidade de respectar o Protocolo de Quioto é unha das razóns que fan necesaria unha profunda mudanza do actual modelo de transporte. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) demanda das Administracións medidas eficaces para reducir as necesidades de transporte así como para promover os modos de transporte menos contaminantes (camiñar, bicicleta, tren convencional moderno, autobús,…), en detrimento do transporte por estrada e do aéreo.

ADEGA valora positivamente a maioría das medidas para o sector do transporte recomendadas polo Plan de Dereitos de Emisión de Gases de Efecto Invernadoiro (2005-2007) do Goberno central e agarda que non fiquen no papel e sexan desenvolvidas e aplicadas. Estas medidas procuran o potenciamento dos modos de transporte enerxeticamente máis eficientes, o fomento da intermodalidade, a mellora da eficiencia dos vehículos e o uso de combustíbeis alternativos. Entre as medidas suxeridas figuran algunhas talvez máis ousadas que ADEGA apoiaría, como "a imposición de peaxes urbanas ligadas á conxestión e aos impactos ambientais" ou a redución e maior control dos límites de velocidade nas estradas.

Cambio climático e Plan Galicia

O Plano de Asignación de Dereitos de Emisión propón integrar nos próximos anos a variábel do cambio climático nas decisións sobre o transporte, "tanto a nivel de infraestruturas como no campo dos servizos de transporte". Para ADEGA isto xa se debería facer desde agora mesmo e aplicarse tamén ao Plan Galicia, que é fundamentalmente un plano de infraestruturas de transporte.

O Protocolo de Quioto é unha oportunidade para avanzarmos cara a un modelo de transporte ecoloxicamente sustentábel, socialmente máis xusto, con menores custos económicos e menos dependente do petróleo. Un recente estudo vén de estimar os custos externos totais do transporte en 17 estados da UE nun 7,3% do Produto Interior Bruto. O cambio climático suporía o 30 % do custo total. A contaminación atmosférica e os custos por accidentes supoñen o 27% e o 24% respectivamente. O transporte por estrada orixina case o 85% dos custos.


Ligazóns

5/5 (1 votos)