Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
RAMÓN SAMPEDRO PROVOCOU O DEBATE

A eutanasia e o valor da vida

Coñecín a Ramón Sampedro cando traballaba na miña tese de doutoramento sobre a eutanasia, para a que a súa situación médica e xurídica fora de especial relevancia. Naquel tempo tamén era secretario e coordinador en Galicia da Asociación polo Dereito a Morir Dignamente. Elías Pérez lembra a loita de Ramón Sampedro e sitúanos no estado do debate actual sobre a eutanasia.

- 11:24 13/10/2004
Tags:

A loita xudicial frustrada

Tiven con el longas conversas telefónicas e algunhas entrevistas personais na súa casa de Porto do Son. O tema central das conversas xiraba, como é lóxico, en torno á eutanasia e a súa legalización. Dende o ano 1993 ata o día en que finou, intentou buscar unha solución xurídica á súa situación nos tribunais de Barcelona, Noia, A Coruña, e incluso chegou a enviar un recurso de amparo á Comisión Europea de Dereitos do Home en Estrasburgo.

En todo momento se lle negou a petición dunha axuda activa ao suicidio alegando defectos de forma nas demandas, a ausencia dunha regulación explícita e clara no noso ordenamento xurídico e recoñecéndolle, sorprendentemente, o "dereito a autoinferirse a morte" (Sentencias 19/6/93 do Xuzgado de Primeira Instancia nº5 de Barcelona, e 28/2/94 da sección 14 da Audiencia provincial de Barcelona). E digo "sorprendentemente" xa que dita conduta suicida, non punible xuridicamente por razóns prácticas, implicaba na súa situación física a morte por inanición.

Lembro que no 16 de decembro de 1996, xunto co seu avogado Jorge Arroyo, presentou un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional. Finou un ano despois, cansado de esperar a sentenza.

El describía a súa situación clínica e vital como a dun "morto crónico que ten a súa residencia no inferno". Para el, soamente había dúas alternativas: "convertirse nun ser absurdo, un habitante do inferno, ou ser coherente coa utopía da vida; liberarse da dor e buscar o pracer a través da morte".

Nunca lle faltou o apoio, o consolo e o respecto da súa familia e dos seus amigos. Recibía innumerables cartas, chamadas telefónicas e visitas da xente e dos medios de comunicación de todo o mundo. Penso que nunca estivo so nin se sentiu so. Ao longo de todo aquel tempo nunca lle observei un xesto, un comentario que denotara resentemento hacia nada e cara a ninguén.

Mirar a morte de fronte

Mantiña unha postura crítica, irónica e, en ocasións, escéptica ante as vicisitudes da vida. Prestixiosos xuristas e teólogos, como Tomás y Valiente -naquel tempo Presidente do Tribunal Constitucional- e Javier Gafo, entrevistáronse con el admitindo e recoñecendo a necesidade dunha solución xurídica ó seu caso. Admitían en privado aquilo que despois non eran capaces de recoñecer e defender en público. E esta forma tan cruel de hipocresía doíalle. E doíalle moito.

A película "Mar Adentro" de Alejandro Amenábar, tenta reflectir a vida mailo pensamento de Ramón. Calquera descrición da súa personalidade nunca debera esquencer o que Ramón verdadeiramente era: un home vital, inmerso na realidade social da Galicia profunda, con un razoable interese pola cultura, respectuoso, cariñoso, sinceiro e loitador.


La Rochefoucauld dixo no seu momento que a morte, igual que o sol, é algo que non debe ser mirado fixamente. Ramón non tiña en conta este consello. Sempre mirou á morte dende a vida. A hipótese de que quería morrer para aforrar disgustos e problemas ó seu entorno familiar, ou por afán de protagonismo, contradí, polo menos, a miña experiencia. Dende ela podo dicir que o seu desexo de morrer non estaba fundamentado nunha consideración do valor da vida como algo meramente subxectivo ou instrumental –obviamente, tampouco transcendental- senón como algo intrinsecamente valioso e importante.

Desexaba a morte non porque desprezara a vida; sinxelamente o facía porque a amaba. E isto, agora que se reabre de novo o debate sobre a eutanasia, é moi difícil de comprender por parte dos seus detractores.

O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº89, outubro 2004)


5/5 (1 votos)