Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
E-ADMINISTRACIÓN

A Deputación de Lugo renova a súa web... en castelán

A Deputación de Lugo presentou a nova aparencia da súa web. Nela amplíanse os contidos e dáselle unha aparencia moito máis moderna e áxil cá web anterior. Sen embargo, non ofrece ningún servizo de administración electrónica (agás a consulta do BOP) e está integramente en castelán. Anuncian, iso si, unha versión en galego para o futuro.

- 10:25 08/07/2004
Tags:

A web ofrece unha ampla información sobre a Deputación, os seus órganos de goberno e os seus departamentos e servizos. Ademais, recupera e actualiza da antiga web unha detallada información turística dos concellos lugueses, con datos sobre os seus estabelecementos hostaleiros e principais monumentos.

Porén, o único idioma da web é o castelán. Na parte inferior da portada, nun sutil botón, ofrécese a posibilidade de acceder a unha versión en galego, "actualmente en fase de elaboración" e "en breve á disposición de todos os interesados". A Mesa pola Normalización Lingüística protestou nun comunicado esta situación, e esixiulle á Deputación unha emenda, tamén no nome de dominio (diputacionlugo.org).

Ademais, a web non ofrece ningún servizo de administración electrónica. Só permite a consulta de información no BOP, como a web antiga, e achega un servizo de asistencia xurídica on line, dirixida aos concellos, e que consiste nun número de teléfono. O recurso ao número de teléfono é tamén a única posibilidade de busca de información para a xente interesada no proxecto internet rural, "coordinado pola Deputación".


0/5 (0 votos)