A espectacular alza do barril Texas, chegando aos 40 dólares no mercado norteamericano, o nivel máis alto nos últimos 14 anos, anuncia unha nova etapa no mercado petroleiro: a era do petróleo caro. As crises en Iraq e Arabia Saudita, os interminables problemas internos en Venezuela e Nixeria, a recuperación da economía norteamericana, o aumento do consumo nos países asiáticos e a loita polas reservas a futuro, son os novos sinais desta etapa. Europa e os EEUU premen o sinal vermello de alarma. Un artigo de Roberto Mansilla.
Cando o derradeiro venres 7 de maio, a Bolsa de Nova York rexistrou un prezo no barril de cru tipo Texas, a principal referencia para os EEUU, de 40,75 dólares, moitos analistas comezaron a sospeitar a chegada dunha nova era petroleira. Sen alcanzar a paranoia característica da guerra de Yom Kippur de 1973, o feito de que o prezo do cru Brent en Europa alcanzara os 37 dólares, deu paso a percepción de que o petróleo caro será a tendencia no curto e mediano prazo.
Onde se atopan as claves deste escenario? Unha delas lévanos ao principal productor mundial, Arabia Saudita. Un informe do Centro de Estudios Estratéxicos e Internacionais de Washington presentou o preocupante panorama de que os campos petrolíferos sauditas poderían estar chegando á súa fase de declive. Ao mesmo tempo, as principais compañías petroleiras como Royal Dutch Shell, El Paso e Saudi ARAMCO, deixaban ver cos seus balances de beneficios en 2003 non foran os estimados, sobrevalorando os seus gaños. Do mesmo xeito, outros expertos advirten da posibilidade de que as estimacións sobre as reservas globais de petróleo poderían ser esaxeradas, particularmente motivadas por razóns políticas e económicas.
A posibilidade de que o petróleo caro afecte inmediatamente aos mercados provocou unha reacción inmediata nas bolsas de valores e na OPEP. As primeiras rexistraron baixas considerables en Europa e os EEUU, mentres o dólar estadounidense (moeda con que se paga o petróleo) se recuperaba na súa cotización co Euro. Por outra banda, o goberno saudita, mediante o seu ministro de Petróleo Alí al-Naimi, buscou calmar aos mercados, persuadindo aos países productores do cartel petroleiro dunha reducción de 1 millón de barrís diarios, coa finalidade de equilibrar os prezos. Este sería o segundo recurtamento no que vai de ano.
Outros síntomas teñen que ver coa explotación e a producción do cru. Dende 1986, ano en que os prezos baixaron considerablemente, extraeuse máis petróleo do que se descubríu, mentres a demanda e o consumo mundial continuaron aumentando. O Departamento de Enerxía dos EEUU estima un aumento da demanda do 57% de aquí ao ano 2025, sendo Asia e, especialmente China, o principal consumidor futuro. Isto significa unha loita por buscar novas fontes de petróleo e un elevado gasto tecnolóxico en exploración e producción, feito que encarecerá o prezo. Unha firma consultora británica estima o teito da producción petroleira global no ano 2016, pero outros como a empresa estatal iraniana estiman esa data entre os anos 2007 e 2008.
No que respecta ao escenario actual, máis alá das dificultades de producción sauditas, están aspectos de orden xeopolítico conxuntural. O medo de Occidente consiste na posibilidade de perder ao principal productor e subministrador petroleiro a mans dun réxime fundamentalista islámico, estilo Talibán, amparado por Al Qaeda, como se puido ver nos últimos atentados terroristas contra a monarquía saudita. Este escenario similar ao de Irán co Ayatollah Khomeini en 1979, crea temor nos mercados. Por outra banda, a crise iraquí non contribúe a despexar os temores. A recente voadura dun oleoducto na cidade de Kirkuk preocupa aos expertos sobre a verdadeira realidade da producción petroleira iraquí. Iraq posúe as maiores reservas a nivel mundial, despois de Arabia Saudita, e sen unha pacificación total do país é case imposible extraer todo o que se pensa.
Xa noutros escenarios, Venezuela e Nixeria perfilan os mesmos problemas para os mercados. A interminable crise política venezolana vese reflectida no estado da súa industria petroleira, golpeada pola folga de 2002-03, e o despedimento, por razóns políticas, dos principais técnicos de PDVSA. A pesar de que a producción tense recuperado nos últimos meses, a agresiva retórica do presidente Chávez contra o seu principal importador, EEUU, reflicte outra situación complexa. O caso de Nixeria non é moi diferente: o país vive nunha implacable guerra étnica e tribal nas provincias norteñas, azoutadas polo fundamentalismo islámico e as correntes animistas, mentres unha serie de folgas xerais afectan á súa capacidade productiva.
Do mesmo xeito, o fortalecemento no crecemento económico mundial, gracias ao pulo da economía estadounidense, o vertixinoso crecemento económico en China e a recuperación xaponesa, provocaron un aumento do consumo de enerxía que necesita manterse a través da busca de novas fontes de abastecemento. Isto leva ás reservas do Mar Caspio, principal esperanza mundial cara ao futuro. As perspectivas de producción nesta rexión seguen sendo unha incógnita. Coñécense as súas extensas reservas en gas natural e petróleo, pero a loita por obter os contratos de exploración e explotación por parte das principais compañías internacionais vén mesturada coas dificultades xeopolíticas dunha rexión inestable. No Medio Oriente, tampouco as cousas están para festas: o presidente da Reserva Federal estadounidense, Alan Greenspan, avisou que ve "serios problemas de aprovisionamento" nesta rexión. Iso quere dicir que o petróleo para o futuro virá caro.