Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Seguen as protestas contra o Corredor do Morrazo

Os colectivos veciñais do Morrazo levan varias semanas mobilizándose contra da desfeita do Corredor nos montes da comarca. Veciños de Domaio polas obras na zona da Devesa e os de Meira loitando polo Caeiro.

- 19:12 30/12/2003
Tags:

Na últimas fins de semana, semellaba que os atascos do verán volvían a esfolada C-550, seica agora lle mudaron o nome polo de PO-551 pero segue a ser a mesma estrada infernal, chea de fochancas, mal sinalizada e perigosa. Non se trataba da afluencia de turistas e veraneantes, senón das protestas, en forma de cortes de tráfico, protagonizadas polos veciños destes barrios moañeses. Protesta feita baixo un impresionante despregue de Gardas Civís con traxe de asalto que darían a risa ao carón dos nenos e vellos que ían nas manifas senón fose porque o que daban era medo, moito medo.
Os veciños piden cambios na chamada por eles Vía Rápida, o nome xa llo mudou hai un tempo a Xunta polo de Corredor do Morrazo, polo sinxela razón de que as Vías Rápidas han desaparecer do Código de Circulación do Estado Español en menos de dous meses; paradoxalmente esta vai ser a derradeira Vía Rápida que se constrúa na península. Cada colectivo propón trazados alternativos puntuais, para evitar que na súa parroquia ou barrio a desfeita sega a levar por diante mananciais, espazos protexidos ou que os estragos xa cometidos en Broullón, na Xalde non se repitan ao pe das súas casas. Xa o di o refrán espanhol: "cuando las barbas de tu vecino veas cortar..."
Ninguén lles pode negar que levan toda a razón no que piden, e as críticas perante a desastrosa situación deberían comezar polos concellos da bisbarra, o popular e os de esquerdas que non están a defender, por moito que algúns queiran maquillalo con declaracións cara á galería, os intereses do pobo. Mais os veciños tamén debían quizais matinar agora nos moitos anos que a Pataforma Anti-Vía Rápida do Morrazo loitou soa contra esta obra ilóxica, entre a pasividade e indiferencia da meirande parte dos habitantes do Morrazo. E aínda que non se comparta na totalidade o seu punto de vista, o que si que non admite discusión son as súas reiteradas queixas contra unha Declaración de Impacto Ambiental que dá a risa, e o traballo desenvolvido perante todos os organismos oficiais para conseguir que, sinxelamente, se cumpra a legalidade. Quizais agora xa non nos dea a virada.

Daniel Lavesedo


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: