Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

A progración infantil: O reino do Xabarín.

A integración do espacio audiovisual español no modelo comercial de influencia estadounidense, coa entrada das cadeas privadas, tivo, entre outras consecuencias, un sintomático retroceso da programación infantil, tanto en horas de emisión como en coidado e calidade da mesma. Miguel Vázquez Freire analiza para TEMPOS Novos a programación infantil da TVG.

- 08:53 15/07/2003
Tags:

Privatización e programación infantil

O modelo comercial prima os programas xeneralistas, que aspiran a chegar a un público amplo e indiscriminado, e penaliza os programas dirixidos a un público restrinxido ou especializado. É a tiranía da audiencia ou, por mellor dicir, a tiranía da publicidade, que esixe audiencias o máis amplas posibles. Os nenos encaixan mal neste obxectivo. Significativamente, mentres que as cadeas privadas se decataron cedo da importancia de competir na producción de series propias nesa loita pola audiencia, a penas teñen producido programas propios dirixidos ó público infantil. E arrastraron tras de si a TVE, que sempre se caracterizara por unha atención particular pola audiencia infantil, tanto en horario como en deseño de programas propios.

Aparentemente, cabería dicir que deste retroceso se salvan as cadeas autonómicas, incluída a TVG. En efecto, todas elas manteñen desde os seus inicios unha programación infantil cunha duración semellante e, de acordo cos estudios de audiencia, unha aceptación importante. O modelo en todas elas é tamén semellante. O Club Xabarín é un exemplo adiantado deste modelo. Trátase dun programa dos chamados “colectores”. É dicir, un formato caracterizado por un lixeiro fío conductor que dá certa unidade a productos diversos. No caso de Xabarín, o fío conductor proporciónao o personaxe mascota, o Xabarín, que vai presentando os diversos compoñentes. Durante o período analizado, estes compoñentes eran:

- Dúas series de debuxos animados de producción estadounidense (Gatocán e A vida moderna de Rocko).

- Presentación de fotos de rapaces, membros do Club Xabarín, polo seu aniversario.

- Videoclips musicais a cargo de grupos galegos.

- Concurso a partir dunha breve información biográfica sobre o Pai Sarmiento (personaxe a quen fora dedicado o Día das Letras Galegas do ano 2002).

- Chamamento para facérense socios do Club Xabarín.

Nesa mesma semana, ademais da emisión diaria en horario de tarde, observamos emisións en horario de mañá, cuns contidos diferentes. A estructura é semellante pero cambian as series de debuxos animados. Na matinal dos sábados, por exemplo, hai dúas series de bonecos animados, Xelabis e St Bears Hospital de Monecos, de contidos notoriamente didácticos, e unha de debuxos animados de producción xaponesa, Doraemon o gato cósmico. Dada a diferencia de contidos, interpretamos que os programadores consideran que o público das matinais é de idade máis pequena que o público que sigue as emisións da tarde. Ou, mellor, que o público das emisións de tarde amplía os límites de idade por arriba. Supoñen –sempre seguindo esta interpretación- que os rapaces de idades superiores ós 8 ou 9 anos que seguen Xabarín pola tarde aceptarían de mal grao, ou directamente rexeitarían, os contidos abertamente didácticos das series matinais, mentres que, en cambio, os máis pequenos divertiranse igualmente, coma os maiores, coas series máis atrevidas e nada didácticas de Gatocán e A vida moderna de Rock

. Vantaxes e inconvenientes do modelo colector

Voltaremos máis adiante sobre a problemática dos contidos e as características da audiencia infantil. Agora queremos chamar a atención sobre as vantaxes e inconvenientes do modelo colector. Desde o punto de vista da producción, non hai dúbida de que se trata dun modelo cómodo. O máis complexo para unha cadea de televisión é sempre, naturalmente, a producción propia. O máis complexo e o máis caro. O formato derivado deste modelo permite reducir moito as esixencias da producción propia. En Xabarín, limítase na actualidade á aparición da mascota a través de debuxos animados a penas renovados desde o inicio do programa en 1994 e, polo tanto, xa ben amortizados, aparición que actúa de imaxe de continuidade. A inclusión das fotografías dos socios do club non supoñen tampouco, obviamente, un problema importante de producción.

Unicamente os videoclips con música de grupos galegos implican un esforzo de producción propia e, por certo, unha das iniciativas máis valiosa (e rara, por outro lado e por desgracia) por parte da TVG de apoiar á música galega. É de salientar ademais que boa parte das pezas interpretadas por estes grupos son especialmente compostas e gravadas para o Xabarín. Con elas lévanse editados varios CDs que son promovidos desde o programa, véndense comercialmente a prezos moi económicos e son utilizados como agasallo para premiar ós socios do Club.

Desde o inicio de Xabarín, obsérvase unha case constante reducción dos elementos de producción propia. Inicialmente incluíranse seccións, como a crítica e comentario de banda deseñada ou gags cómicos realizados por actores en estudio de gravación, das que se foi prescindindo. É posible que influíran datos derivados dos estudios de audiencia. Non o sabemos. O seguro é que tivo como consecuencia unha agradecida reducción dos custos propios de producción. Nos últimos anos, a iniciativa máis importante de TVG no campo da producción dirixida ó público infantil foi, sen dúbida, a participación na realización de Os vixilantes do Camiño, unha serie de debuxos animados protagonizada pola mascota do Xabarín Club. A serie foi estreada no ano 2000, e a partir de entón é reposta con certa regularidade. Na semana do noso estudio comezábase a anunciar xustamente unha próxima reposición que efectivamente tivo lugar a partir do mes de xuño do pasado ano.

O prato forte do Xabarín son indiscutiblemente as series de debuxos animados. En xeral, o ollo dos programadores das cadeas autonómicas (xeralmente as series que se emiten no programa da TVG son as mesmas que emiten os programas infantís das outras cadeas autonómicas asociadas) ten probado o seu acerto se o medimos en termos de éxito de audiencia. Series como a xaponesa Bola de Dragón ou as súas continuacións Dragón Z e Shon Goku, ou agora a tamén xaponesa Shin Chan, déronse a coñecer no Xabarín. É curioso que estas series, que supuxeron puntos máximos de seguimento do programa, provocaran tamén acedas polémicas. A de Shin Chan aínda colea. Sobre isto, que afecta á natureza especialmente delicada da audiencia infantil, fálase en recadro á parte. Agora queremos chamar a atención sobre o feito de que a inmensa maioría das series emitidas son importadas. Sumando as series, as curtametraxes ou, máis raramente, longametraxes, case sempre de animación, que excepcionalmente se integran tamén no Xabarín, estes son os países productores:

Series, curtametraxes e longametraxes emitidos entre maio do 2002 e maio do 2003 Gran Bretaña 12 (4 coproduccións)
Estados Unidos 11 (2 coproduccións)
Xapón 7 (1 coproducción)
Alemaña 7 (4 coproduccións)
Galicia 4
Canadá 4 (2 coproduccións)
Francia 4 (1 coproducción)
Australia 2 (1 coproducción)
Dinamarca 2 (1 coproducción)
Corea 1 (1 coproducción)
Suecia 1 (1 coproducción)
Hungría 1 (1 coproducción)
Luxemburgo 1 (1 coproducción)
Malaisia 1 (1 coproducción)
España 1 (1 coproducción)

Se temos en conta o aínda feble (raquítico quizais non sexa un adxectivo esaxerado e si posiblemente máis acertado) nivel da producción galega, observar catro produccións propias (ó mesmo nivel de países como Canadá e Francia, con tan longa tradición na creación de películas de animación dirixidas a público infantil) non debería parecer en principio marca nada mala. Non obstante, cómpre advertir que quitando unha destas produccións (a serie xa nomeada dos Vixilantes do Camiño), as tres restantes son curtametraxes (Os difuntos falaban, Meigallos, sombras e papas de arroz, Ignotus). Isto significa que a súa duración en emisión é máis breve e, polo tanto, a presencia de produccións galegas en pantalla foi (e é: na actualidade non hai ningunha en emisión) proporcionalmente menor do que podería interpretarse por estas cifras.

O artigo completo, na versión impresa de TEMPOS Novos (xullo 2003, nº 74)


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: