A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a través da súa delegación en Santiago, demanda ao goberno municipal santiagués que aposte pola compostaxe. O acordo inicial para tratar o lixo de Santiago na planta de compostaxe de Lousame, promovido polo ex-concelleiro de medio ambiente, Néstor Rego (BNG), non foi asumido, alomenos polo de agora, polo alcalde Sánchez Bugallo (PSOE).
O oberno municipal do PSOE vén de promover a creación dunha comisión con concelleiros do PSOE, do PP e do BNG para decidir o futuro sistema de tratamento do lixo de Santiago antes do 31 de decembro. O lixo de Santiago que non é recollido selectivamente deposítase hoxe nun vertedoiro controlado.
ADEGA sinala que "estudos encarregados polo próprio Concello calculan a opción de SOGAMA como entre 1.267.760 e 1.413.335 euros/ano mais cara do que o Complexo Ambiental do Barbanza, situado en Lousame".
"Mentres que da incineración, proceso de consumo que supón un fin de ciclo, se deriva a emisión de partículas canceríxenas, resíduos tóxicos e gases de efeito invernadoiro, da compostaxe, modo de reciclaxe, obtén-se abono co que enriquecer a terra", apunta ADEGA.
ADEGA pregúntase polo sentido de impulsar un programa de autocompostaxe no rural e nas vivendas urbanas con horta, "ao tempo que se desbota a compostaxe dos resíduos orgánicos produzidos pola grande maioria d@s habitantes de Compostela; como tamén nos devemos preguntar cómo se pode encaixar na Axenda 21 Local un modelo insustentável de tratamento do lixo".