Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

A Universidade de Vigo critica o Verbum

O decano da Facultade de Filoloxía e Traducción da Universidade de Vigo, Luís Domínguez Castro, e mailos directores dos cinco departamentos que integran o centro, veñen de facer pública unha carta dirixida ás autoridades locais de Vigo, na que critican o Verbum, o museo das palabras inaugurado recentemente. A comunidade científica denuncia que non se tivera en conta a súa opinión e constata unha "longa relación de inexactitudes e erros científicos e conceptuais en diversos módulos", polo que desaconsella a visita de aprendizaxe ao centro.

- 11:11 06/05/2003
Tags:

A continuación reprodúcese a carta:

"O Decano da Facultade de Filoloxía e Traducción e mailos directores dos departamentos universitarios de Traducción e Lingüística, Literatura Española, Lingua Española, Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemana, e Filoloxía Galega e Latina, en tanto que representantes cualificados da comunidade científica da Universidade de Vigo e, particularmente, de todo o profesorado de linguas e literaturas da máxima institución académica de Vigo e do sur de Galicia, quérenlles expresar ás autoridades políticas e académicas da nosa cidade o seguinte:

1.- Celebramos a instauración en Vigo dun museo interactivo dedicado ás linguas e, xa que toda lingua é unha institución social e dinámica, agardamos que este museo sirva para aprender máis e mellor sobre o mundo das linguas e da comunicación, que é tanto como dicir dos pobos e das persoas.

2.- Asemade, lamentamos profundamente que ese museo se construíse e constituíse de costas á comunidade científica da cidade e da súa Universidade, de costas ós especialistas universitarios en linguas, sen telos en conta para nada, non xa só unicamente como academia, senón por simple cortesía institucional.

3.- Nada sabemos dos criterios científico-lingüísticos que rexerán a vida futura deste museo, pero dubidamos de que poida ser unha ferramenta eficaz de enriquecemento cultural e coñecemento sen o asesoramento e colaboración permanentes dos especialistas e investigadores da Universidade de Vigo, que ata agora foron completamente ignorados.

4.- Nos contidos do Verbum constatamos con arrepío unha longa relación de inexactitudes e erros científicos e conceptuais en diversos módulos, erros incalificables desde a óptica da seriedade e do coñecemento, que deslocen e opacan unha boa montaxe e desaconsellan a visita de aprendizaxe mentres non se corrixan.

5.- Constatamos con tristeza como o esforzo e o traballo continuado de moitos equipos de investigación e investigadores durante decenios (sobre linguaxes non verbais, lingüística informática, lingüística aplicada, bilingüismo, tipoloxía lingüística, literaturas, fonética aplicada, traducción automática, etc.) continuará circunscrito ós reducidos circuítos universitarios, cando con este museo terían unha oportunidade excepcional de mostrarse permanentemente á sociedade á que serven e á que se deben.

6.- Pouco intelixentes demostran ser as autoridades político-culturais da nosa cidade cando prescinden do asesoramento e dos coñecementos dos investigadores e das investigacións que se desenvolven nas máis alta institución académica e científica da nosa cidade. Este menosprezo á universidade non é senón un menosprezo á propia cidade e á súa cidadanía.

7.- Desexamos afervoadamente que estes erros non se repitan nunca máis, que se limpe inmediatamente do Verbum o chapapote da ignorancia que impregna bastantes módulos, que o Verbum sirva permanentemente para a transmisión interactiva do fascinante mundo da palabra e da comunicación e que, para non repetiren outros casos tristemente recentes, os responsables políticos teñan en conta á comunidade científica e ós investigadores da Universidade”.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: