O goberno USA xa reparte cota da reconstrucción iraquí antes de rematado o conflicto. Así, vimos de coñecer a concesión dun contrato de case cinco millóns de dólares para a reconstrucción do porto iraquí de Um Qasar, nunha operación que vén de ser criticada pola súa pouca transparencia ademais de non estar aberta a empresas de fóra dos EEUU. Contámoslles tamén que o influínte New York Times editorializa este martes contra os problemas económicos que veñen enriba, mentres Bush lle pide 60.000 millóns de dólares ao Congreso para seguir guindando bombas sobre Iraq, nunha guerra á que economistas independentes lle calculan un custo de 1,8 billóns. E un día despois de que a ministra Palacio se amosase estranada de que a xente non apoiase unha guerra que faría baixar o petróleo e subir a bolsa, a evolución dos mercados vira outra vez negativa.
Stevedoring Services of America, con sede en Seattle, é a mpresa privilexiada pola Axencia estadounidense para o Desenvolvemento Internacional co gorentoso contrato de 4,8 millóns de dólares para a reconstrucción e a xestión do porto iraquí de Um Qasar. A administración Bush proxecta outros oito contratos a empresas civís por un total de 900 millóns de dólares de cara á reconstrucción de Iraq, malia que neste caso serían adxudicados no momento de rematar a guerra. O pequeno número de empresas ás que se lle permitiu competir por estas talladas e a pouca transparencia do proceso están sendo obxecto de fortes críticas.
Os cidadáns, coa atención posta na invasión iraquí, descubrirán demasiado tarde o que os republicanos están facendo. Liderados por Bush, Congreso e Senado diríxennos cara unha década de desastre orzamentario. O influínte New York Times bate forte este martes no seu editorial contra os problemas económicos que se veñen enriba.
As bolsas pecharon o luns á baixa e non apuntan mellor para este martes, mentres o petróleo volve ás carreiras cara os números máis altos. O espellismo optimista caeu co público recoñecemento dende a administración Bush dun conflicto que vai para longo.
O presidente dos EEUU fai este martes petición oficial de fondos para o orzamento especial da guerra, serán máis de 60 mil millóns de dólares e na análise que presentará no Congreso sublíñase unha duración da guerra de non máis dun mes. Segundo a Casa Branca, a partida orzamentaria incluiría 500 millóns para axuda humanitaria, aínda que sen especificar en que modo está se levará a cabo, e 1.700 millóns para a reconstrucción de Iraq.
Ao fío dos prognósticos econmómicos, vén de coñecerse un informe do economista William Nordhaus que calcula un custo de ata 1,82 billóns de euros se a guerra se prolonga e o mercado petroleiro cambalea, e un custo de 93.400 millóns no caso de que se resolva axiña (entendendo por axiña dous meses como moito).