Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Nestlé reclama 6.000.000$ a unha Etiopía esfameada

Habería que poñer sobre a mesa a débeda histórica que Nestlé contraeu con millóns de persoas dos países empobrecidos: empobrecemento dos productores de café e cacao de Etiopía, reetiquetado de leite en po caducado para poder vendelo en Colombia... Tamén: listaxe de productos Nestlé (Para non perde-lo sur)

- 16:39 29/01/2003
Tags:

Nestlé, a multinacional do café e alimentos máis grande do mundo, esíxelle a Etiopía o pago de 6 millóns de dólares en compensación por unha empresa de capital alemán nacionalizada hai 27 anos coa chegada da dictadura ó país. Daquela Nestlé nin era propietaria da compañía. Para consegui-lo pago desta suposta débeda, Nestlé está apoiada polo Banco Mundial, que está "convidando" ó goberno etíope a pagarlle á multinacional. Este é sabedor de que se non o fai se lle váiselle pecha-laa billa dos préstamos internacionais e provocarán a fuxida dos investimentos estranxeiros.

Etiopía padece unha das peores secas da súa historia. Isto vén a aumenta-la difícil situación que atravesa o país nestes intres debido á caída en picado do prezo do café, que é un producto fundamental na economía etíope e para a subsistencia de moitas familias. Pero, como pasa a miúdo, cando os productores de materias primas son os países empobrecidos, estes non teñen ningunha posibilidade de conseguir un prezo xusto xa que este se lles impón dende fóra no marco dunha economía mundial globalizada. Témese que a seca cause a peor fame negra xamais sufrida polo país. Hoxe 11 millóns de persoas xa pasan fame. Non se deberían aforrar esforzos para axudar a Etiopía.

¿Que recurso lle queda ó goberno etíope?

¿Falar ante a ONU? ¿Leva-lo caso ó FMI, irmán do BM, creados hai máis de 50 anos para palia-las inxustizas e desigualdades entre países? Entón, ¿quen vai trae-la esperanza neste aninovo a Etiopía? ¿Onde nace ese Xesús liberador ó que acoden os pobres? Pois parece que esta vez, o seu Presidente puxo a súa esperanza nas ONG, en concreto en Oxfam Internacional. Pasou dos enredos dos que nos falan puntualmente nos telediarios da TVE1 como remedios do sistema para poñer fin ás ameazas dos malignos do mundo e dixo: "O que me queda son as ONG". E falou con eles para denunciar esta situación e que sexan as ONG a "voz dos sen voz" e promover unha campaña de denuncia, presión e boicot a Nestlé. Temos que saber que os bombóns están "recheos". (Véxase www.oxfamintermon.org)

Debido ás críticas recibidas, a poderosa multinacional alegou que destinaría o que recibise a facer fronte á fame negra do país. ¿Por que Etiopía non pode xestionar o seus propios cartos? O goberno etíope xa prometeu o pago de 1'7 millóns, pero Nestlé segue esixindo o pago total.

Habería que poñer sobre a mesa a débeda histórica que Nestlé contraeu con millóns de persoas dos países empobrecidos. No plano económico, provocou o empobrecemento dos productores de café e cacao de Etiopía e outros países. En Colombia, a policía descubriu a compañía reetiquetando leite en po caducado para poder vendelo. Neste mesmo país prexudicou os medianos e pequenos gandeiros coas importacións masivas de leite en po, especialmente de Europa e outros países de América Latina. No plano laboral, en Colombia denunciáronse presións contra os sindicatos Sintrapurina e Sinaltrainal; os seus delegados e afiliados son ameazados e asasinados polos paramilitares da rexión onde Nestlé merca o leite fresco. Tamén é coñecida a explotación laboral que sofren os traballadores de Costa de Marfil ou Filipinas (neste último país, ademais acusáronse de viola-los dereitos establecidos a favor dos pensionistas). Outra das campañas máis criticadas da multinacional en varios países empobrecidos foi a que animaba as nais a non dárlle-lo peito ós seus bebes, mentres repartían, nunha primeira fase, leite en po gratis, violando o Código Internacional adoptado pola OMS en 1981. Segundo a OMS, 1,5 millones de nenos morren anualmente por beber leite en pó mesturado con auga non potable. (A Organización Mundial da Saúde e UNICEF aprobaron resolucións apoiando o movemento contra Nestlé. E no ano 91 a igrexa anglicana animou os seus fregueses a non consumir Nescafé pola actuación da multinacional nos países empobrecidos). Aínda que hoxe en día Nestlé poña nas súas etiquetas que o leite materno é en realidade o mellor alimento para os acabados de nacer, boa parte das mulleres dos países empobrecidos non saben ler. Tamén dicir que, no plano ecolóxico, na India Nestlé foi multada polos tribunais por pintar anuncios nas paredes do Himalaia.

Temos que esixir a Nestlé que renuncie á súa inaceptable pretensión de cobrar esta débeda, que significa tan pouco para a principal multinacional alimentaria do mundo e tanto para a xente de Etiopía. Mentres Nestlé persista nesta actitude e nas citadas con anterioridade, hai que facer un chamamento internacional a tódalas personas e colectivos que queiran sumarse para levar a cabo un boicot contra os seus productos. É unha loita entre David e Goliath, pero Goliath ten pés de barro, porque os seus pés, somos nós, os consumidores.

PRODUCTOS DE NESTLE:

Leite infantil
NESTLÉ, NIDINA, NATIVA

Cafés e derivados
NESCAFE, BONKA, NESCAU, EKO, NESQUIK

Chocolates e doces
NESTLE, MILKY BAR, AFTER EIGHT, CRUNCH, KIT KAT, LION, ON LINE, NOIR, DOLCA, SMARTIES, ROLO

Lácteos, xeados e postres
NESTLE, CHAMBOURCY, LA LECHERA, IDEAL, SVELTESSE, LC1, MG, FLOR DE ESGUEVA, CAMY, HAAGEN DAZS, FAMBY, DALKY

Cereais

NESTLE, CHOCAPIC, ESTRELLITAS, CHEERIOS, GOLDEN GRAHAMS, FIBRE 1.

Zumos, refrescos e augas minerais
LYBBY'S, NESTEA, PERRIER-VITTEL, AQUAREL, VILADRAU.

Alimentos para animais
FRISKIES, DOG CHOW, PURINA

Pasta e preparados
BUITONNI, MOTTA, MAGGY, LA TORTILLERIA, SOLÍS, LITORAL

Varios
TIP TOP, FESTIVAL, LA TILA

Ademais é propietaria de ALCON (Oftalmoloxía) e do 26,3 % de L'OREAL (que inclue as marcas VICHY, BIOTHERM, FRUCTIS, GARNIER, KERASTASE, MAYBELLINE e A PERFUMERÍA de HELENA RUBINSTEIN, ARMANI, GUY LAROCHE, RALPH LAUREN, etc.).

Xerardo Castedo


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: