Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

O mar está morto. Nunca máis

Un artigo de Encarna Otero, primeira tenente alcalde de Santiago e historiadora.

- 13:16 28/11/2002
Tags:

O MAR ESTÁ MORTO. NUNCA MÁIS

A “Busarana” escupe veleno negro putrefacto, para impedir que a morte penetre no seu ser, acobillo de lendas de amor e de tenrura, tañideira de músicas marítimas, que só as ondas son quen de facer.

A auga da “Fonte do Bico” está triste de tanta amargura e desespero.

Os ollos dos mariñeiros, das mulleres das vilas, están vidrosos, húmidos de tantas bágoas negras vertidas con raiba e dor. O mar é o seu sustento, o seu pan, a sua economia, o seu traballo; mais é tamén a sua vida, o seu alento, xa bravo cando ameaza e mata, xa sosegado e tranquilo, acollendo con serenidade a beleza. Garda os seus segredos de amor, de frustación, de desacougo, de esperanza. Na sua inmensidade protexe-nos a todos e todas. Ese mar de fóra, bravo e intrépido, esas rias sosegadas e mansas están mortos e matan todo o que tocan, e asi será durante anos: Muxia, Malpica, Cee, Caión, Baroña, O Pindo, e un longo etcétera interminábel; as aves, os cantis, as herbas, as prantas, os peixes son só morte e putrefacción.

Quen asumirá a responsabilidade de tanta miseria, de tanto fracaso, de tanta ruina? A mundialización salvaxe, o capital financeiro, que permite a navegación de barcos da morte, con escravos a bordo. O governo galego que non estivo desde o primeiro dia ao frente do sinistro tomando as decisións precisas, necesarias e correctas. O governo dun Estado, o español, que ignora e despreza a Galiza, á sua riqueza e aos seus habitantes Unha Unión Europea que non aprobou no seu dia as medidas frente aos barcos da morte e que considera máis cidadáns aos asulagados polas enchentas de verán en Centroeuropa, habilitando medidas urxentes que os homes e mulleres do mar na Galiza: Todos son responsábeis e cómplices e todos teñen que pagar por iso.

Mentres as xentes de aqui terán que emigrar para viver, seguirán asulagando en alcol e bágoas a sua dor e desesperación. As mulleres ainda traballarán máis, se é posíbel, e soportarán o sufrimento próprio e alleo con máis fortaleza e todos eles, habitantes destas terras tan queridas por López-Abente, precisarán de moita dignidade e convencimento para viver a cotio coa pesada carga do veleno no mar durante anos.

Que nunca máis, nunca máis, volva esta traxedia ao mar de fóra, ás rias. Que Galiza sexa o que ten que ser, terra vizosa, espazo de traballo para próprios/as e de acollida para alleos. Por iso, todos e todas temos que estar o domingo en Santiago, capital de Galiza, berrando ben forte: Nunca máis. E que por fin escoiten.


Encarna Otero
Primeira Tenente de Alcalde de Santiago
Historiadora


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: