Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

A porta da amizade

Por Gabriel Rei-Doval
Lector de galego na University of Oxford

- 07:17 28/11/2002
Tags:

O pasado mércores 13 chegaba a Oxford Xoán González-Millán. Eran as nove e media da mañá cando abrín a porta do Centro de Estudios Galegos, e velaí estaba el, parolando animado con John Rutherford coa súa presencia sempre agasalleira e afable. Viñera como examinador externo da tese de Craig Patterson, voando toda a noite desde Nova York. Eu coñecíao desde había pouco, a penas unha longa conversa no Graduate Center da CUNY e unha chea de mensaxes intercambiadas desde o pasado marzo, pero era como se tivese pasado toda unha vida desde aquel primeiro xantar inesquecible da Quinta Avenida.

Acompañeino en Oxford os tres días longos que estivo entre nós. Deixouse guiar polo meu aínda cativo coñecemento da cidade, fixemos algo de sightseeing e nunha destas comentou con entusiasmo que quería visitar Blackwell’s. Tras dun longo percorrido por varias seccións, díxenlle que lle quería ensinar algo. Leveino á impresionante división de linguas da librería, amoseille a sección de catalán e comenteille a inexistencia doutra para galego. Saiamos de alí falando da necesidade de facer algo ó respecto cando unha rapaza se achegou a nós. Estaba emocionada por escoitar galego no medio de Broad Street. Era a moza de Marcos, o coordinador da sección de linguas de Blackwell’s, para máis sinais, de Ourense. Entramos de novo con ela en Blackwell’s e falamos con Marcos, que por acaso anda estes días pedindo libros para abri-la sección galega da reputada librería oxoniense.

Tiven o pracer de seguir parolando con Xoán aínda tres días máis, en que me seguiu infundindo todo o seu entusiasmo, falándomos de proxectos para difundir Galicia entre América e Europa e compartindo animosas horas no pub entre as súas augas minerais e as miñas Real Ales. Como xa fixeramos máis brevemente en Nova York, demos un repaso, desta vez longo e polo miúdo, á cultura, á lingua, á literatura e ó noso amor compartido polo país. Soñamos, rimos, empatizamos e acordamos vernos proximamente, primeiro no Nadal galego e logo no ano novo de Manhattan. Faloume de coñece-la súa casa aló en Hunter Mountain in the Catskills, de amosarme Long Island, de Esperanza e da nova esperanza galeguista. E, ó final, acabei pensando que o mundo académico, de novo, volvía ter todo o sentido.

A cea do mércores no Liaison foi deliciosa. John e Tita convidáronnos a saborea-la máis deliciosa comida chinesa. Xoán ocultaba o cansazo de dous días en vela co seu interese eterno polas cousas dos demais, e nós escoitabamos, tentando agasalla-la súa humildade cos nosos sorrisos. A noite do xoves, esta vez con Ana Boullón e os pícaros, foi inefable, entre chaquetas máxicas e complicidades de Xan a Xoán. Daba igual quen fosen os comensais, el só enchía a noite oxoniense de amizade e empatía.

O venres á noite apurou a cea na High Table de Christ Church con Ron Truman, un dos ‘duros’ máis duros de Oxford, que se derreteu nada mais coñecelo. A penas rematada a súa cea formal cos fellows, achegouse inquedo para xuntarse cos mozos no pub de High Street. Alí o agardabamos ansiosos Craig Patterson, Kerry McKevitt e mais eu, para gozar da última noite con el en Oxford, antes de viaxar o sábado á mañá de volta cara a Nova York. Non sabería cómo resumir tódalas ideas e proxectos que alí ideamos, soñándomos todos con vernos xuntos nos Estados Unidos dándolle máis pulo ó novo galeguismo exterior. Mentres batían as doce no reloxo da torre, saímos entusiasmados do Merton Café. Xoán despediuse de Craig e Kerry, e eu acompañeino ó hotel, sentindo a súa présa por podermos traballar xuntos alén mar.

O sábado 16 recollino por última vez en The Old Parsonage e deixeino no autobús cara a Heathrow, en High Street. Malia o curto paseo, aínda houbo tempo para que me lembrase as ganas que tiña de volver con Esperanza a Oxford e de facer unha visita máis turística a Inglaterra. Quedamos en amosarlles daquela os marabillosos xardíns de Magdalen, pasear de vagar á beira do Támesis e reservar tempo para unha sesión de punting polo Cherwell. Con todos eses proxectos subiu ó autobús, logo de fundírmonos nunha longa aperta.

Ó día seguinte recibín a súa sempre atenta mensaxe desde Nova York, que aínda resoa no meu corazón, dicíndome que “aínda ten moito sentido (agora quizais máis ca nunca) conservar e cultivar ó máximo esa xenerosidade da que ti falas, e que para min é a porta da amizade.”


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: