Por Carmen Millán Varela
Do Centre for English Language Studies da University of Birmingham
Puido ser o azar o que me levou a Birmingham en setembro de 1993 para realizar os meus estudios de doutoramento. Puido ser tamén o azar o que fixo vir a Xoan González-Millán ao congreso de traducción que se organizou en Birmingham precisamente no outono dese ano. Fíxolle gracia o meu nome, e aínda falamos da posible existencia dun Ur Millán en Galicia. Daquela pouco se decatou Xoan do impacto que aqueles días terían para a miña vida académica.
Gracias a el adentreime por camiños para min daquela descoñecidos: o traballo de Even-Zohar, a súa opinión sobre Pedrayo e Ulysses, a complexidade, non sempre recoñecida nin estudiada, dos contextos periféricos
O seu relatorio nese congreso constituíu un intento pioneiro, como a maioría do ser traballo, de introducir un enfoque socio-cultural dende o que investigar o fenómeno da traducción en contextos marxinais. A traducción non era o principal tema de interés de Xoán, mais a súa curiosidade intelectual e o seu incansable espírito inquisitivo levárono a prestarlle atención a esta práctica social. El soubo decatarse da súa importancia, e salientar os retos que contextos coma o galego impoñen a nivel teórico. Decateime de que había moito por facer. O seu traballo sobre nacionalismo literario, sobre narrativa, a súa perspectiva social, pasaron a ser ferramentas indispensables do meu traballo durante os catro anos seguintes.
Non foi cousa de azar que nos atopásemos na miña defensa de tese en abril de 1998. Aquel foi un encontro ben planeado e premeditado. A influencia de Xoan convertíao no candidato indiscutible para valorar e xulgar a miña tese. Envolveunos a todos coa súa sinxeleza e simpatía, así como co seu rigor e espírito crítico. Tiven o privilexio de poder conversar con el nun par de congresos máis, o ultimo en Birmingham precisamente. Puido ser o azar o que fixera que noso primeiro e a derradeiro encontro fose nesta cidade británica. Non sei. O que si sei é que Xoán foi un figura crucial no meu andar académico e no de outros/as coma min. Aínda lle debo un artigo sobre Rosalía en inglés. Mais o que realmente lle debo son as gracias, polo seu entusiasmo constante, pola súa total confianza no meu traballo e por me ensinar a dar apertas transatlánticas.