Por Camiño Noia
Catedrática de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo
Nestes momentos de dor e desalento pola ausencia dos bos amigos Xan e Esperanza, que venres á noite os abandonou a vida na derradeira viaxe a Hunter Mountains, fáltanme palabras para engadir ás xa ditas. Pensando neles recordo como foi nacendo a nosa amizade durante os tres longos meses da miña estadía en Nova York. Nos seráns da súa casa de Queens, nas ceas en La Nueva España, nas actividades de Casa Galicia... falando e falando, sempre con Galicia ó fondo. E logo, nos repousados xantares do Grove, da Toxa ou de Nigrán, en tempo de verán. Son lembranzas que acoden ó corazón e me traen a presencia destes dous seres entrañables que, por puro azar, a vida puxo no meu camiño.
O engado foi Ramón Lorenzo, daquela director do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago, cando un día, hai xa tempo, me chamou para dicirme: "Tes que ir a Nova York a dar un curso de doutoramento no Graduate Center. Don Emilio González López creou unha Cátedra de Cultura Galega e tes que ir ti".e Non quería ir, era moito tempo. Pero Ramón non cede á primeira, insistiu e fíxome ver as avantaxes de ir alá. Cando decidín ir nada sabiamos de González Millán, o contacto foi Isaías Lerner, director do Departamento de Español do Graduate.
Mais ó chegarmos ó aeroporto de Nova York alí estaba agardándome o profesor González Millán. Deseguida nos entendemos, faloume das súas orixes, da recente morte da irmá Loliña e dos pais que estaban moi tristes. Souben desde aquela que Xan sería un bo amigo. No traxecto desde o aeroporto, contemplei abraiada a gradiosidade do skay line de Manhatan, o deseño dos edificios proxectados contra a negrura do ceo pola escintilante luz da cidade.
Nos meses que pasei en Nova York puiden comprobar que non me trabucara na primeira impresión, foi moita a xenerosidade e o cariño cos que a Xan e Esperanza me acolleron. Desocupada de tarefas familiares e domésticas, fun enchendo con eles os meus días de soedade na gran cidade americana. Ofrecéronme o mellor que tiñan, a familia e o seu tempo. Pasaba horas a falar con Xan das nosas ideas e de posibles traballos literarios; daqueles encontros, en ocasións verdadeiros debates, ademais dunha sincera amizade foron nacendo novos proxectos que logo Xan converteu en publicacións nas que reflexiona sobre a situación da cultura e da literatura galegas desde unha perspectiva socio-política.
Non hai máis ca ler a súa bibliografía para facernos unha idea sobre cántas ideas matinou este profesor universitario. Pero ademais disto, Xan foi un estimulador da cultura galega, que soubo rodearse de xente boa e traballadora, esa que cada ano a través das páxinas do Anuario de Estudios Galegos, ideado e dirixido por el desde 1992, dá conta dos estudios feitos no campo da literatura e da traducción literaria en Galicia. A revista foi un deses proxectos matinados por Xan e perfilados no debate constante, que se converteu nun instrumento case imprescindible para poder coñecer o devir da literatura galega.
Para rematar, quero sobrancear dous aspectos do labor intelectual de González-Millán, ó meu ver, fundamentais para os estudios de crítica literaria galega:
En primeiro lugar, a construcción dun corpus teórico de análise sobre o sistema literario baseado en elementos da socioloxía da literatura e da concepción de linguas minorizadas. Nos seus textos, Xan intentou construír unha crítica literaria que atenda á producción narrativa e poética de Galicia como un complexo sistema literario no que cada elemento está interrelacionado con outros e estes á súa vez coa sociedade.
E en segundo lugar, e relacionado co anterior, na obra de Millán hai que salientar a posta en circulación no mundo literario galego das teorías de autores americanos que traballaron sobre minorías lingüísticas e sobre producción editorial da literatura. Autores como Fredric Jameson, David Lloyd, Rosemary Jackson, Kathryn Hume, Barbara Harlow..., ou o israelí Itamar Even-Zohar, descoñecidos para a crítica galega, foron introducidos en galego nos traballos de Xan Gónzalez-Millán.
Xan e Esperanza, onde queira que esteades, sabede o moito que vos queriamos no pequeno mundo da vosa Galicia.