Por Silvia Bermúdez
Centro de Estudios Galegos da Universidad de California-Santa Barbara
Pois non nos foi dada eternidade do ríos,
nin a etenidade das augas
A. ROMANÍ
Coa súa desoladora mensaxe, a nova do pasamento de Xan González-Millán e da súa muller Esperanza Canedo chegou ás costas de California e ós colegas do Centro de Estudios Galegos da Universidad de California-Santa Barbara o domingo pola tarde. Estraña tarefa escribir agora desde a súa ausencia neste solpor do luns 25 de novembro de 2002. Estraña, digo, pois hai a penas un par de semanas faciamos plans virtuais para encontrarnos na súa adorada Nova York o 30 de decembro aproveitando a circustancia de que a convención anual da Modern Language Association se celebra alí este ano. Xa non poderá darse ese encontro ó calor da súa calor humana, pero quero que saibas, Xan, que as augas do Pacífico lévante ás eternidades das augas nas que has de descansar o profundo respecto e admiración que sinto, que sentimos tódolos que desde esta beira tivemos a sorte de te coñecer.
Gran impulsor dos estudios galegos nos E.E.U.U. e amigo predilecto do Centro da nosa universidade, Xan visitounos en varias ocasións para inspirarnos coa agudeza crítica que o caracterizaba. A marca indeleble dunha das súas visitas quedou recollida para a posteridade co título "Nacionalismo y teoría del campo literario: la experiencia gallega de las últimas décadas" no volume titulado From Stateless Nations to Postnational Spain / De naciones sin estado a la Espanya postancional e que xunto a súa incomparable "Resistencia cultural e diferencia historica: A experiencia da subalternidade" son paradigmas referenciais ineludibles para os estudios culturais galegos.
A xenerosidade intelectual coa que compartía coñecementos e coñecedores converteuse en modelo de profesionalidade co que mido e me mido. Non hai, iso si, medida para expresar o valeiro que deixa naqueles ós que se nos outorgou o agasallo da súa presencia, a ventura inigualable de telo como colega e amigo.
Descansa xa querido amigo, nas túas augas, xunto á túa Esperanza.