O comezo do curso nos institutos marca tamén o inicio das mobilizacións contra a chamada Lei de Calidade do Ensino. Os sindicatos que representan a profesores e traballadores preparan unha folga para fins de outubro, convocatoria que será apoiada polos Comités Abertos de Facultade (CAF), organización estudiantil que estenderá o paro ao ámbito universitario. Suman ás reivindicacións sindicais a demanda de melloras para o sistema universitario, así como a oposición á LOU.
Na folga prevista para finais de outubro, os CAF participarán activamente no ensino secundario, e levarán as protestas á universidade co obxectivo de incidir no proceso de adaptación da LOU na Comunidade Autónoma galega e nas universidades. Co precedente histórico das mobilizacións do curso pasado, o comezo do ano académico valerá para medir o pouso que ficou entre os estudiantes no ano de aplicación da Lei Orgánica de Universidades.
Os CAF traballarán na universidade polo incremento da representación estudiantil nos claustros, contra a suba das taxas, polo aumento das bolsas, e contra a absoluta desprotección e abandono que padece a universidade galega neste momento, entre outros motivos que os levan a secundar a folga do ensino secundario nos campus.