Durante a mañá do xoves, mariscadores das confrarías de Ferrol e Barallobre aproveitaron a visita de José Mª Aznar á nosa cidade para protestar polo estado de deterioro que sofre o banco de ameixa das Pías. Así, tanto dende o helicóptero Puma co que o presidente do Goberno percorreu o Concello, como dende a Fragata F-100 que se lle entregaba á Armada, Aznar puido ler nunha pancarta de grandes dimensións: Rexeneración do banco marisqueiro, non queremos basureiro.
Os mariscadores que viven do banco de ameixa das Pías están fartos de promesas. Dende o desastre da plataforma Discoverer Enterprise, en xaneiro do ano 98, o fondo da Ría acolle cascallos, formigón, lodos e mesmo unha antiga conducción de auga. Hai xa meses que ante esta situación os pósitos de Ferrol e Barallobre veñen realizando actos de protesta. E as promesas chegan, pero as solucións non.
Aínda por riba do estado de deterioro da zona, e como consecuencia do mesmo, esta semana a Consellería de Pesca decidía pechar o banco marisqueiro das Pías debido ao escaso tamaño das súas ameixas. E con el, a fonte de ingresos de centos de familias que teñen no marisqueo o seu xeito de vida.
Onte, os representantes das confrarías e a delegada provincial da Consellería de Pesca, Beatriz Mato, chegaban ao acordo de que aínda permanecendo pechado o banco das Pías, o resto da Ría será declarado a partir do día 23 como zona libre para o marisqueo. Pero estas medidas non son suficientes para os mariscadores, que considerándoas pequenos parches, son conscientes de que de seguirmos así chegará un día no que na Ría sexa xa irrecuperable.
Durante a mañá do xoves, aproveitando a visita do presidente do Goberno, José María Aznar, á cidade, os mariscadores extenderon baixo a nova ponte da autopista que atravesa a Ría unha pancarta duns doce metros na que podía lerse "Rexeneración do banco marisqueiro, non queremos basureiro". Despois, unha vez que o Puma de Aznar marchou por onde viñera, os mariscadores colleron as súas embarcacións e marcharon cara a zona do Arsenal, onde sería entregada á Armada a nova Fragata F-100. Dado o carácter pacífico das reivindicacións, os mariscadores foron quen de esquivar á Garda Civil do mar e acompañaron á fragata, con pancarta incluída, na súa viaxe de ida e volta ata a boca da Ría. Non sabemos se alguén lle explicaría a Aznar que é o que pasa na Ría, pero polo menos, nesta ocasión as medidas represivas non impediron que os mariscadores lle fixesen chegar a súa mensaxe.