Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Monográfico 3 / ESTUDIOS MEDIEVAIS

Coordinado por Bieito Arias Freixedo
Ó chegar o verán a Canal Estudios Galegos varía o seu formato semanal e ofrécenos para este mes de xullo un monográfico sobre Estudios Medievais. A idea de partida é a de dar a coñecer ó público interesado en xeral, tanto algúns dos proxectos de investigación ou de edición en que os especialistas están a traballar nestes momentos, coma algunha das publicacións recentes sobre varios aspectos desta ampla área de estudio. Bieito Arias Freixedo, especialista en literatura medieval, é profesor na Universidade de Vigo.

- 05:17 27/06/2002
Tags:

Interesábanos tamén coñecer as opinións dos investigadores. Xosé María Gomez entrevista ó Prof. Ramón Lorenzo, quen desde os seus vastos coñecementos e a súa longa e recoñecida traxectoria, nos ofrece a súa valoración persoal do estado actual dos estudios sobre a lingua e a literatura medievais, entre outras cousas.

Rip Cohen preséntanos un adianto do seu traballo 500 Cantigas d'Amigo. A Critical Edition, unha magna edición do corpus completo das cantigas de amigo que verá a luz proximamente.

As profesoras Pilar Lorenzo Gradín e Elvira Fidalgo Franciso infórmannos sobre os obxectivos e os resultados dos proxectos que ambas dirixen no Centro "Ramón Piñeiro": o proxecto Prosa Literaria Galega Medieval, a primeira, e o proxecto Cantigas de Santa Maria, a segunda, quen ademais nos comenta o seu libro monográfico As Cantigas de Santa Maria, de recentísima publicación. Tamén Mariña Arbor nos comenta o seu libro O cancioneiro de Afonso Sanchez, un traballo que foi galardoado co premio "Dámaso Alonso" de investigación.

A vertente musical das cantigas está representada coas colaboracións de dous recoñecidos musicólogos: Antoni Rossell analiza a intencionalidade das referencias intertextuais e intermelódicas presentes nas Cantigas de Santa Maria e Manuel Pedro Ferreira infórmanos nunha nota bibliográfica dos seus traballos máis recentes.

Antonio Cortijo fai un seguimento do proceso de elaboración e evolución literaria do mito de Macias o Namorado, un dos trobadores epigonais da coñecida como Escola Galego-Castelá. Noutro ámbito distinto, a profesora Gemma Avenoza dános a coñecer investigacións recentes sobre as versións de textos xurídicos medievais en galego.


Canal Estudios Galegos empraza ós seus lectores para números sucesivos onde se dará cabida ás colaboracións dalgúns investigadores a quen lles foi absolutamente imposible participar neste monográfico por estaren centrados de cheo nas súas actividades profesionais, ó mesmo tempo que transmite o seu agradecemento a aqueles que foron quen de tirar tempo de onde quizais non o tiñan, para facernos chegar o seu contributo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: