Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Caras do proxecto Prosa Literaria Galega Medieval

Por Pilar Lorenzo Gradín
O estudio da prosa literaria galega medieval esixe unha fixación dos textos fundamentais en edicións críticas que fornezan unha base sólida a estudios posteriores. Tamén será unha ferramenta útil a creación dunha base de datos que inclúa os textos e a bibliografía especializada. Pilar Lorenzo é profesora de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago e directora deste proxecto do Centro “Ramón Piñeiro” para a Investigación en Humanidades.

- 05:17 27/06/2002
Tags:

O proxecto Prosa Literaria Galega Medieval que se desenvolve no Centro “Ramón Piñeiro” para a Investigación en Humanidades ten por obxecto a edición e estudio do corpus prosístico escrito en lingua galega durante a Idade Media. Éste inclúe, entre outras, as seguintes obras: Fragmentos do Livro de Tristán e do Livro de Merlín; Miragres de Santiago; Partidas de Alfonso X; Foro Real; Ordenamento de Alcalá; Xeral Estoria; Crónica Xeral e Crónica de Castela; Crónica Xeral de 1404; Crónica de Sta. María de Iria; Crónica Troiana; Historia Troiana; Tratado de Albeitaría

. Entre os obxectivos inmediatos do proxecto cabe sinalar os seguintes:

a)- A elaboración do estudio, edición crítica e anotación dos textos citados en formato de libro. Isto supón que, nalgúns casos, daranse a coñecer versións ata o momento inéditas, como sucede cos fragmentos galegos das Partidas de Alfonso X o Sabio. Ademáis do traballo puramente ecdótico, atenderase ós aspectos filolóxicos e literarios que caracterizan ás obras. Procurarase non limita-la análise ó campo formal e estilístico, senon tamén dar cabida a cuestións temáticas, e mesmo históricas e sociolóxicas.

b)- A creación dunha base de datos que comprenda, por unha banda, a totalidade dos textos estudiados, e por outra, a bibliografía específica sobre a Prosa Galega Medieval en formato SGML (Standard Generalized Markup Language).


Entre os resultados obtidos ata o momento cabe mencionar as seguintes publicacións:

- MONOGRÁFICAS:

Gutiérrez García, S., Merlín e a súa historia, Edicións Xerais, Vigo, 1997 (cast.: Merlín y su historia, Alianza Editorial, Madrid, 1999). Lonxe dos tópicos cos que hoxe en día se adoita rodea-la figura de Merlín, o presente libro traza a súa evolución, dende as orixes nas literaturas celtas e as crónicas galegas escritas en latín, ata os testemuños peninsulares serodios, xa a finais da Idade Media. Amósanos aquí o proceso de formación do carácter merlinesco, desenvolvido por medio de aportacións graduais que irán enriquecendo a súa lenda: o neno sen pai que profetizara para o rei Vortigen, o adiviño tolo da fraga de Calidon, o seu amor pola Dama do Lago e a terrible vinganza deste. Ó mesmo tempo, da súa man descubrimos os máis personaxes e motivos da corte do rei Artur: a Mesa Redonda, Escalibur, Morgana ou a illa de Avalon.

Lorenzo Gradín, P. e J.A. Souto Cabo (coords.), Livro de Tristan e Livro de Merlin. Estudio, edición, notas e glosario. Equipo de Investigación: Mariña Arbor Aldea, Santiago Gutiérrez García, Santiago López Martínez-Morás, Gerardo Pérez Barcala. Equipo de Apoio: Eva Mª Díaz Martínez, Leonardo Poncia. O libro consta dun “Estudio Introductorio” que dá conta do cultivo e difusión da materia de Bretaña no occidente peninsular, seguido da correspondente “Nota Lingüística”. Tralos “Criterios de edición” adoptados, as edicións do Livro de Tristan e o Livro de Merlin inclúen a versión paleográfica e a versión crítica dos textos, seguida dos seus correspondentes estudios literarios e das lecturas das testemuñas máis representativas en cada caso. Para finalizar, inclúese un Índice de personaxes e lugares comúns ós dous textos, seguidos do “Glosario” e do correspondente “Índice bibliográfico”.

Gutiérrez García, S. e P. Lorenzo Gradín, A literatura artúrica en Galicia e Portugal na Idade Media, Servicio de Publicacións e Intercambio Científico, Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela (colección Biblioteca de Divulgación, Serie Galicia, 25), 2001. O volume ofrece unha visión de conxunto sobre a difusión da materia de Bretaña pola Península Ibérica, partindo dos testemuños que ofrecen as literaturas medievais galega e portuguesa. Estructúrase en dez capítulos, agrupables en dous grandes bloques: os tres primeiros -Orixe e desenvolvemento da literatura artúrica, A difusión da literatura artúrica na Península Ibérica e A transmisión da literatura artúrica en Galicia e Portugal- abordan cuestións relacionadas co proceso de recepción da materia bretona, dende os primeiros textos conservados, compostos na Gran Bretaña altomedieval, ata a súa aclimatación en terras hispánicas. O segundo bloque, constituído polos capítulos IV a V, repasa os diferentes testemuños galego-portugueses conservados; neles estúdianse, sucesivamente, as obras historiográficas -o Livro de Linhagens do Conde don Pedro de Barcelos e a Crónica de 1404-, no capítulo IV; as mencións contidas nas líricas profana e relixiosa, nos capítulos V e VI -o segundo deles dedicado ós Lais de Bretanha; os textos do ciclo da Post-Vulgata -o José de Arimateia, o fragmento do Livro de Merlin e a Demanda do Santo Graal, nos capítulos VII, VIII e IX; e, finalmente, o fragmento do Livro de Tristan, no X. O libro inclúe, ademais dun capítulo conclusivo no que se recolle un esquema explicativo dos ciclos en prosa franceses e dos seus descendentes textuais galego-portugueses, reproduccións fotográficas con gravados das obras estudiadas, unha escolma de textos e unha bibliografía selecta.


- ARTIGOS e PONENCIAS:

Gutiérrez García, S., “A corte poética de Alfonso III o Bolonhês e a materia de Bretaña”, Ondas do Mar de Vigo. Actas do Simposio Internacional sobre a Lírica Medieval Galego-Potuguesa (Birmingham, 1998), Derek W. Flitter e Patricia Odber de Baubeta (coords.), University of Birmingham, Birmingham, 1998, pp. 108-123.

Gutiérrez García, Santiago, “La integración de Merlín en el ciclo artúrico: de la historiografía latina a los romans franceses”, Actas del II Congreso Hispánico de Latín Medieval (León, 11-14 de Noviembre de 1997), Maurilio Pérez González (coord.), Universidad de León, León, 1998, vol. II, pp. 559-567.

Gutiérrez García, S., “La campaña contra los romanos y el tópico de la infalibilidad merlinesca en el Perceval en prose”, Actes del VII Congrés de l’associació hispànica de literatura medieval (Castelló de la Plana, 22-26 de setembre de 1997), Santiago Fortuño Llorens e Tomàs Martínez Romero (eds.), Universitat Jaume I, Castelló de la Plana, 1999, vol. II, pp. 223-233.

Gutiérrez García, S., “El Esplumeor Merlin en Meraugis de Portlesguez”, en Actas del VIII Congreso Internacional de la Asociación Hispánica de Literatura Medieval (Santander, 22-26 de septiembre de 1999). Al cuidado de Margarita Freixas y Silvia Iriso, con la colaboración de Laura Fernández, Consejería de Cultura del gobierno de Cantabria, AHLM, Santander, 2000, 2 vols., vol. 1, pp. 923-934.

Díaz Martínez, E.M. e P. Lorenzo Gradín, “Algunas peculiaridades de la traducción gallega del Livro de Tristán, de próxima publicación nas Actas del IX Congreso Internacional de la Asociación Hispánica de Literatura Medieval (A Coruña, 18-22 de septiembre de 2001).


- AVANCE de programación para o ano 2002:

Actualmente estase a traballar na elaboración da base de datos antes mencionada. Para iso, estase a face-lo acopio e organización do material que proporcionan os textos, así como a selección do correspondente material bibliográfico.

Así mesmo, a obra que neste momento constitúe o interese das pescudas é os Miragres de Santiago. Coma no caso do monográfico adicado ó Livro de Tristan e Livro de Merlin, a edición incluirá, entre outros puntos, a análise crítico-literaria, a edición e a conseguinte anotación filolóxica do texto.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: