Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Un proxecto arredor das Cantigas de Santa María

Por Elvira Fidalgo
O Proxecto Cantigas de Santa Maria do Centro de Investigacións Ramón Piñeiro prepara unha edición das cantigas de loor e Alfonso X na fase inicial dun plan que abarca o conxunto da lírica relixiosa alfonsí. Elvira Fidalgo é profesora na Universidade de Santiago de Compostela e directora do proxecto e autora da monografía Cantigas de Santa Maria, recentemente publicada por edicións Xerais.

- 05:17 27/06/2002
Tags:

O libro Cantigas de Santa María que vén de publicarse recentemente é un estudio das Cantigas marianas, atendendo ás tres versións da obra -a textual, a iconográfica e a musical-, nun intento de recoller toda a información necesaria para quen se decida a coñecer este importante marial. Por eso se revisa a tradición literaria na que se encadra o cancioneiro, ofrécese a descrición dos catro códices que o conservan e discútese sobre cuestións relativas á autoría, as datas de composición ou a finalidade con que foron concebidos. Está aquí integrada boa parte da ampla bibliografía que en torno a temas puntuais se leva producida nos últimos anos, tentando de aclarar algún destes aspectos. Así mesmo, levouse a cabo unha análise do modelo arquitectónico que estructura os textos e un repaso ós problemas que presenta a edición dos mesmos, aínda non resoltos. Por primeira vez ofrécese un estudio global das cantigas de loor que ata o de agora non chamaran a atención da crítica máis que para cantigas ailladas, e recóllese un capítulo dedicado ó estudio das prosificacións que en castelán se copiaron nos primeiros folios do códice T, describindo os textos e propoñendo hipóteses de datación e os motivos que impulsaron a súa redacción. O estudio complétase cun sucinto comentario sobre o aspecto musical e outro, xa ben detallado, para a iconografía (a cargo da Prfa. Rocío Sánchez Ameijeiras), que tamén por primeira vez é estudiada con carácter xeral, destacando a importancia da miniatura alfonsina no panorama europeo da época e salientando a teoría da imaxe que rexía no obradoiro do Sabio.

O Proxecto Cantigas de Santa Maria que se está a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades é, como a devandita monografía, un froito dun traballo que se iniciou cunha Tese de Doutoramento que avanzou por cauces paralelos. O que se pretende con este proxecto é a edición crítica das “Cantigas de loor” do cancioneiro afonsí, completada cun estudio formal e temático das mesmas. A limitación do corpus de traballo veu imposto pola magnitude da empresa inicial que era, como parece lóxico pensar, a edición crítica dos 420 textos afonsinos, que debería ir completado co estudio das miniaturas dos tres códices que as posúen (en maior ou menor número) e da notación musical que pervive a carón da maioría dos textos. Como é fácil imaxinar, este é unlabor de moito empeño, moito tempo e unha dedicación coa exclusividade que esixen as empresas de gran envergadura como é esta, pero, lamentablemente, non son éstas condicións que se dean xuntas cando o posto de traballo e obrigas ligadas a el están noutro lugar, como neste caso. Así optouse por acotar un corpus homoxéneo sobre o cal empezar a traballar e que permitise calibrar, desde a experiencia, os límites e as posibilidades reais do proxecto inicial, e este corpus procurarono as cantigas de loor, de carácter máis lírico, fronte á narratividade das cantigas de milagre, con características propias, tanto na forma –posúen unha gran variedade estrófica-, como no contido por se facer patente nelas a vontade de exaltación do culto á Virxe e, á vez, o alento profundamente penitencial do rei Afonso.

O primeiro paso que esixía este proceso era a fixación do texto das 42 cantigas de loor, polo que se procedeu á transcrición de cada un dos textos a partir exclusivamente do cotexo dos catro códices existentes. Esto significa que se transcribiu directamente dos manuscritos, desenvolvendo abreviaturas, definindo a lonxitude dos versos (non sempre marcada nos códices), puntuando, etc., para ofrecer unha lectura correcta das cantigas, corrixindo en moitos casos os erros de Mettmann e presentando unha edición máis acorde coa que moitos investigadores viñan reclamando.

Unha vez fixado o texto, co aparato crítico correspondente, onde se sinalan as variantes dos outros manuscritos diferentes ó escollido para a lectura en cada caso, procedeuse a elaborar unha ficha técnica que acompañará a edición do mesmo, e que inclúe información básica de tipo retórico e formal, así como un apartado titulado “notas ó texto”, onde se incorporarán todos aqueles comentarios de tipo lingüístico e léxico que se estimen pertinentes para a mellor e máis completa comprensión da cantiga que as precede.

Seguidamente, incorporarase un amplo comentario temático de cada cantiga. Ó seren estas, textos de carácter relixioso, de louvanza á Virxe, é obrigadado facer un comentario dende os postulados da marioloxía xa que son os parámetros nos que se basea o culto mariano practicado na época e que se deixa ver a través dos versos das cantigas. Pero non se pode esquecer que se trata, primordialmente, de textos literarios, polo que esta información que encadra as cantigas dentro da tradición do culto á Virxe virá complementada por un comentario literario que sitúa as Cantigas no seu contexto primeiro, o da lírica medieval galego-portuguesa. Algunhas cantigas incluso estarán comentadas exclusivamente desde este punto de vista, xa que, cómpre subliñar, é nas cantigas de loor onde se manifesta a maior variedade métrico-formal do cancioneiro alfonsino e, máis que polo contido de tipo relixioso, certas cantigas son destacables pola particular forma métrica en que veñen escritas e polos recursos métricos que evidencian.

A edición completarase cun glosario básico, que sirva de axuda a lectores pouco familiarizados coas Cantigas de Santa Maria ou coa lírica galego-portuguesa medieval, de xeito que poida contar cun apoio de carácter léxico que facilite a lectura e comprensión dos textos.

Na actualidade, no proxecto están traballando dúas bolseiras, Mª Xesús Botana e Milagros Muíña, coordinadas pola directora do Proxecto e hai posibilidades de que, cando remate a bolsa de cada unha delas, outras persoas pasen a formar parte do equipo para continuar traballando nun eido tan amplo e atractivo coma este. Como se dicía anteriormente, o proxecto inicial incluía, non só a edición crítica do corpus mariano completo, senón un estudio da música e das imaxes, para o que xa se pedira a asesoría a especialistas en cada un destes campos, sendo, xunto coa filóloga, tres motores que tiraran de xeito paralelo polos tres cabos que fixeran avanzar o estudio dunha obra tan complexa, tan rica e tan senlleira, non só na literatura galega medieval, senón na románica en xeral. Pero eso, de momento, terá que esperar.

Elvira Fidalgo
Cantigas de Santa Maria
Vigo: Xerais, 2002
Inclúe imaxes en branco e negro das miniaturas
ISBN 84-8302-787-9


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: