Emilio Ínsua é, podería dicirse, o candidato "oficialista" á presidencia da Mesa pola Normalización. O equipo que el lidera provén da directiva anterior. Sen embargo, o seu discurso anuncia unha renovación que tal vez non se reflicta no programa. Aposta polo diálogo social e pior un Plan de Normalización. Militante do BNG (integrou a lista de Roberto Mera na última Asemblea), respondeu as preguntas de Vieiros.
Vieiros: No Encontro Nacional sobre a Lingua organizado pola Mesa díxose
que había que reactivar a tensión dialéctica. ¿Cre que a liña da Mesa debe
facer visible o conflicto lingüístico ou rebaixar a intensidade das
desputas?
Emilio Ínsua: Cando falamos desde a candidatura de recuperar a
tensión normalizadora, non estamos apelando a unha maior crispación
social senón, pola contra, a colocarmos novamente a defensa e o uso do
galego entre as prioridades da nosa actuación, tanto no plano individual
como no colectivo. Hai unha necesidade evidente de reunir de novo forzas e
de sincronizar esforzos a prol da lingua, para superar o laissez
faire oficial e dar resposta, desde a coherencia, con ilusión e
coordinadamente, á situación preocupante da lingua após vinte anos de
autonomia. Todo o traballo da Mesa vai asentar en tres peares
complementarios: a denuncia das agresións e discriminacións que padecemos os
galego-utentes, a reivindicación de medidas favorábeis para o galego en
todos os ámbitos da vida social e a organización de actividades, campañas e
iniciativas 'en positivo'.
Outro tema do que se falou no Encontro foi o da íntima relación da Mesa
co nacionalismo. Os dous candidatos á súa presidencia son activos membros do
BNG. ¿Cal vai ser a relación da Mesa co Bloque e coas outras forzas
políticas?
A relación da Mesa co BNG é, porque ten de ser asi, a mesma que con todos os
demais colectivos do ámbito político. Cada vez que A Mesa emprende unha
campaña, ten unha idea para aplicar, achega unha medida, diríxese por igual
a todos os grupos políticos e de todos demanda apoio. Ben é certo que,
historicamente, a resposta que obtivo do BNG foi sempre favorábel e iso non
se pode dicir doutras organizacións, infelizmente. É algo que hai que tentar
corrixir, pois do feito de que A MESA conseguise aunar, sequera en puntos
concretos, a vontade de nacionalistas e non nacionalistas arredor da lingua
cabería agardar maiores avanzos na normalización. En todo o caso, aínda que
eu sexa militante de base e independente do BNG, nada teño máis claro que o
principio da total independencia orgánica e de acción da Mesa respecto das
forzas políticas. Teño serias dúbidas de que outros o entendan e o
practiquen así.
As dúas cidades principais de Galicia teñen unha parella situación
socilingüística. ¿Cal vai ser a política da Mesa en relación cos seus
gobernos municipais?
O que acontece, no plano sociolingüístico en Vigo e A Coruña é un dos
síntomas máis preocupantes da situación do galego. En segmentos
infanto-xuvenís o galego é case residual, por exemplo. Daquela, a actitude
da Mesa cara aos gobernos das dúas cidades citadas, como cara ao resto das
corporacións municipais, resúmese en dous termos: demandar e colaborar.
Demandar medidas que garantan os nosos dereitos como falantes, que
incorporen progresivamente o galego a ámbitos de xestión municipal, que
apoien o tecido civil e asociativo que impulsa o uso do galego, de respeito
á toponimia... E colaborar na implementación de campañas e accións
normalizadoras, no deseño de actividades...
¿A que cre que responde que non se fale do galego na sociedade?
En primeiro lugar, polo asentamento relativamente exitoso dun entramado
legal e institucional que mascarou a subalternización efectiva do galego. En
segundo lugar, porque unha parte das forzas galeguizadoras foi caendo
progresivamente no desánimo e na desmobilización, como froito dunha
situación cada vez máis difícil de modificar, ou porque tiveron que
emprender outros traballos e tarefas e isto é especialmente patente no mundo
nacionalista. En cuarto lugar, porque se produciu un esmorecemento
xeneralizado do tecido asociacionista cultural, que nos anos 70 e comezos
dos 80 resultara decisivo na socialización do galego. En fin, porque
seguramente fixemos moito fincapé na via da denuncia e pouco na vía da
práctica lúdica e porque nos leamos nunha loita normativa verdadeiramente
fratricida. Todo isto provocou certo cansazo, o de "xa están estes outra vez
co do galego..." que cómpre vencer.
Sinale tres ámbitos concretos (moi concretos) para comezar a
traballar.
1. Abrir unha rolda de conversas con entidades, organismos e colectivos
relacionados lingua, para ver de elaborarmos conxuntamente un Plano Xeral de
Normalización Lingüística.
2. Reforzar a estrutura interna comarcal da Mesa
e incrementar considerabelmente o Colectivo de Nais e Pais, para dar a
batalla a comezos do curso 2002-2003 na escola infantil e na primaria.
3.
Crear, coa axuda e asesoramento das Ciberirmandades, un anel de páxinas web
pola Normalización Lingüística, unha caste de 'casa común da lingua galega'
na internet.
A candidatura encabezada por Carlos Callón sinala un grave parón no
traballo da Mesa nos últimos anos. ¿Concorda con esa visión?
A visión catastrofista, negativista e, no fondo, mesiánica, que Callón e
Sarille oferecen do traballo da Mesa nos últimos tempos non é máis que o
necesario envoltorio, da súa cobiza por acceder á dirección da entidade.
Frente a isto, recoñecemos as nosas limitacións persoais e colectivas e
mesmo a incidencia de certas circunstancias persoais. Mais o balanzo xeral
da directiva dimisionaria é que se fixeron moitas cousas e moitas delas ben.
Dun 'pufo' de catro millóns de pesetas que había cando Sarille abandonou a
presidencia pasamos a unha situación de superávit económico, por exemplo. E
aí están campañas como 'Este agasallo é para' e 'Eu son' ou o Encontro
Nacional sobre a Lingua.
Nalgunhas das medidas que propoñen obsérvase un claro continuismo coa
directiva anterior. ¿Cales cre que son as diferencias e en que sentido vai
mudar a Mesa coa directiva que vostede encabeza?
Esta organización mudará fundamentalmente, se eu chego a presidila, na súa
dinámica de traballo e na súa implantación territorial. Propostas ou variñas
máxicas non existen, en todo o caso. Canto ao plano organizativo, o modelo
subxacente na proposta de Sarille e Callón suprime o carácter asamblear e
participativo da MESA e aposta por un ³staff² directivo cualificado. A min
váleme o modelo organizativo actual, baseado no compromiso non remunerado,
porque é democrático e potencialmente moi participativo, máxime se se logra
que haxa máis dinámica de traballo e que a zonificación da Mesa sexa
efectiva.
¿Que se podería facer para aumentar a presencia do galego nos medios de
comunicación?
Apoiar como lectores e subscritores, na rede ou no quiosque, os medios que
empregan o galego en exclusiva ou que vaian demostrando sensibilidade e
aumento de uso, axudar na capitalización de proxectos de prensa diaria
galega, participar desde o uso do galego en charlas radiofónicas, seccións
de cartas... Enviarlles cartas aos directores dos medios esixindo respeito
para os nosos dereitos idiomáticos, compromiso coa lingua e aumento
progresivo no seu uso...