Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Dous Dedalus diferentes: J. Joyce e V. Risco

Por Carmen Ríos Fernández
A caracterización de Stephen Dedalus -o retrato do artista- na obra literaria de James Joyce e Vicente Risco. Resumo da memoria de licenciatura defendida por Carmen Ríos Fernández na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela no marzo pasado.

- 04:54 29/05/2001
Tags:

O presente estudio ten como obxectivo analizar as relacións establecidas entre o sistema literario galego e o irlandés nos anos 20 do século XX, nun momento en que ambos sistemas literarios parecían recobrar o esplendor de tempos pasados. Partindo de diversos presupostos teóricos que abren o camiño para entender a razón e o modo en que estes contactos tiveron lugar, o núcleo central da investigación pretende analizar a presencia de Dedalus -protagonista de A Portrait of the Artist as a Young Man (1916), unha das novelas máis importantes do irlandés James Joyce- no relato breve “Dedalus en Compostela (Pseudoparáfrase)”, publicado por Vicente Risco en Revista Nós no ano 1929. O estudio de ámbalas dúas obras vai acompañado pola análise dos sistemas literarios galego e irlandés aos que pertence a producción literaria de cada un destes autores. Así, seguindo a concepción da obra literaria como fenómeno histórico, social e cultural defendida pola Teoría da Recepción da Escola de Constanza, a nosa análise do personaxe de Dedalus debe enmarcarse no estudio do contexto social e histórico no que ámbolos dous escritores estaban inmersos.

A adaptación do personaxe de Stephen Dedalus que Vicente Risco leva a cabo en “Dedalus en Compostela” non debe ser entendida como un mero caso anecdótico resultado da casualidade, senón como o producto dun meditado programa literario e político, cargado de implicacións estéticas e ideolóxicas. O feito de que Risco coñecera tan ben ao personaxe de Dedalus no tocante aos seus discutidos conflictos ideolóxicos insiste unha vez máis na familiariedade de Risco e dos demáis membros da Xeración Nós coas obras capitais da literatura modernista europea. Sen embargo, esta familiariedade non nos debe levar a pensar que Risco estaba levando a cabo un exercicio de imitación. Sería máis acertado falar de inspiración: o Dedalus que nos presenta Risco débelle moito ao personaxe de Joyce, pero nel hai pegadas particulares que só se lle poderían atribuír a Risco.

Deste xeito, non debemos esquecer que estamos a tratar con dous personaxes que, a pesar de certas similitudes obvias, son claramente distintos, como distintos son os seus autores. Así, poderiamos dicir que o Dedalus presentado por Risco é unha representación da imaxe que o autor galego tiña de Irlanda, de tal xeito que, cando presenta a reconciliación final co narrador, o que está facendo é proxectar en Dedalus a súa idealización da raza celta. Neste sentido, podemos entender a caracterización que Risco leva a cabo de acordo coas teorías hermenéuticas de Hans Georg Gadamer, segundo as cales o proceso de interpretación da obra literaria vén determinado polas diferencias culturais e históricas do seu receptor, de xeito que, cando a obra é recibida nun contexto social ou histórico diferente do orixinario, é frecuente que se lle asignen novos significados. Tendo en conta que Risco non só actúa como receptor da obra literaria, senón que ao mesmo tempo é productor, estas diferencias de interpretación van estar presentes na súa recreación do personaxe de ficción.

Ao analizar a postura ideolóxica do Dedalus presentado por Risco no tocante ás cuestións relixiosa e nacionalista, vemos neste personaxe determinadas actitudes que parecen estar en desacordo coas do Dedalus de A Portrait of the Artist. Así, no que se refire á relixión, o Dedalus de Risco ten unha actitude un tanto ambigua: por unha parte, quere escapar de todo o que teña que ver coa cuestión relixiosa, pero ao mesmo tempo, recoñece que hai nel unha presencia ineludible de relixiosidade. O personaxe que atopamos ao principio do relato sofre unha serie de modulacións para así poder acadar maior sintonía coa ideoloxía defendida por Risco. Esta conversión final do personaxe contrasta co Dedalus de Joyce, quen, a pesar das súas dúbidas e de ter certo sentimento de culpa por arredarse da súa suposta vocación relixiosa, acaba por desbotar por completo calquera tipo de relación coa relixión.

Con respecto ao tratamento da cuestión nacionalista, a localización do personaxe de Dedalus nas rúas de Compostela podería levarnos a pensar que Risco entendeu o exilio do personaxe de Joyce como a única forma de poder comprender a patria dende a distancia. Deste xeito, o relato breve sería entendido como unha continuación da novela de Joyce, aínda que unha lectura detallada lévanos a desbotar tal idea, tendo en conta as diferencias entre o Dedalus de Joyce e o de Risco. Este último semella ser amansado no discorrer do relato para finalmente chegar á reconciliación final co narrador en primeira persoa. Sen embargo, o Dedalus que atopamos en A Portrait of the Artist caracterízase polo seu consciente rexeitamento do sentimento nacionalista; aínda máis, ao longo de toda a novela, vemos como vai forxando a súa concepción do nacionalismo como forza opresora que coarta o desenvolvemento persoal e artístico do individuo. Por esta razón, podemos ver como, dunha forma que ás veces se nos antoxa simplista, Risco se apropia do personaxe de Dedalus para expresar a súa propia ideoloxía nacionalista e relixiosa.

Carmen Ríos Fernández
A Portrait of the Artist in James Joyce and Vicente Risco.
Dirixida por Manuela Palacios González.
Facultade de Filoloxía, Universidade de Santiago de Compostela, 2001.
Inédita.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: