Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

A noción de imaxinario social

Por Angel Enrique Carretero Pasín
A noción de imaxinario social como utillaxe teórica para comprender a lexitimación da orde social no capitalismo avanzado. Resumo da tese de doutoramento defendida por Angel Enrique Pasín na Facultade de Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela en marzo deste ano

- 04:54 29/05/2001
Tags:

"Non o saben pero fano".
Marx, El Capital I

O núcleo fundamental do noso estudio busca descifrar os mecanismos polos que as sociedades do capitalismo avanzado acadan o acatamento da orde social por parte dos seus integrantes. Problemática que ao longo do pensamento marxista está estreitamente ligada ao papel da ideoloxía. No contexto da obra de Marx, a ideoloxía servía para explicar cómo os individuos aceptaban con resignación as contradiccións inherentes a un determinado modelo de sociedade. O efecto da ideoloxía tiña que ver cunha presentación invertida da realidade social que encubría o seu fundamento material, cunha falseada e espectral representación do mundo que ocultaba o seu fundamento sempre enraizado na historia. E a súa natureza estaba ligada a un carácter propio de idealización, de aí que esta representación falseada o sexa ao modo dunha transfiguración na que non se fai presente o sustrato histórico. E por iso, polo que a deformación ilusoria da realidade social, consecuencia da ideoloxía, permitiría comprender, ademais, a resistencia que impediría a transformación das condicións sociais por parte da clase dominada, nese caso o proletariado como axente histórico.

A partir de Marx, abrense unha multiplicidade de interpretacións en torno á ideoloxía. Das que cabe subliñar dúas contrapostas. Por unha banda, a de Mannhein, quen se enfrenta a unha lectura da crítica ideolóxica marxista, especialmente de orixe lukacsiano, que pretende converter o marxismo no depositario da verdade como antítese da falsa conciencia ideolóxica. Por outra banda, a de Althusser, quen nunha liña diametralmente oposta á de Mannheim persegue erixir a teoría marxista en corpus teórico-científico verdadeiro.

Ao longo do todo o século XX o problema da ideoloxía converteuse en obxecto de interese central para todo o pensamento crítico, pero, sen embargo, non fora abordado explicitamente ata o momento dende a perspectiva do imaxinario social. O imaxinario social admite unha variada gama de lecturas (hermenéutica cultural, psicoanálisis...), das que inclinámonos por aquela que o liga ca construcción social da realidade en sintonía co paradigma constructivista. Así, dende este posicionamento, o imaxinario social ben pode ser definido como un conxunto de representacións que configuran un modo específico de realidade finalmente cristalizada e convertida en certidume e evidencia social para os que participan del. Neste senso, o imaxinario social pon en cuestionamento a existencia dunha realidade obxectiva, dado que esta como tal é unha construcción social a través de significacións imaxinarias que constrúen esa realidade. Pero, tamén, pon en entredito o dualismo ontolóxico, inequivocamente presente en Marx, que escinde dicotomicamente o real (material) e o imaxinario (ideal). Posto que imaxinario e real se confunden, e de feito a realidade social confórmase dende unha simbiose de realidade e representación. Este presuposto é o que vertebra unha constelación de pensadores de orixe francés que buscan analizar o papel do imaxinario na vida das sociedades. Os máis destacados son Cornelius Castoriadis, Raimond Ledrut, Michel Maffesoli e Georges Balandier.

Dende a noción de imaxinario social, pensamos que a lexitimación da orde social pasa pola intrumentalización dun imaxinario social polos detentadores do poder. E dado que o definitorio das sociedades actuais radica nunha mediatización xeralizada da experiencia social, na imposición por parte dos mass media dunha definición homoxénea de realidade que impide descubrir posibilidades de realidade alternativas a instituída. Tendo en conta, ademais, que as sociedades actuais carecen dun centro simbólico, dunha significación holística, central e única, deberiamos pensar o seu exercicio a nivel sectorial, nos contextos fragmentarios nos que se constrúe o cotián. O que supón, por outra banda, unha revisión da función dos aparatos ideolóxicos estatais aos que Althusser confería o papel de manter a orde social dende prácticas institucionais específicas. A decisiva función dos medios de comunicación como creadores de realidade vén a suplir, desta maneira, o papel asignado noutro tempo aos aparatos ideolóxicos como transmisores dunha ideoloxía dominante. A lexitimidade da orde social non pasa, pois, por unha inculcación duns valores acatados polos dominados. Polo contrario, ten que ver cunha interesada construcción de realidades a través da utilización de imaxinarios sociais.

Angel Enrique Carretero Pasín
Imaginarios sociales y crítica ideológica: una perspectiva para la comprensión del orden social.
Dirixida por José Luis Pintos.
Facultade de Socioloxía, Universidade de Santiago de Compostela, 2001.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: