Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Lexicografía e nación literaria

Por Xoán González-Millán
O responsable do Research Center for Galician Studies no Hunter College de Nova York e director do Anuario de Estudios Literarios Galegos, Xoán González-Millán, reflexiona sobre as relacións entre os diccionarios e as ideas nacionais, e sobre o papel preponderante que neles ten a literatura. O seu último libro é O diccionario enciclopédico de Eladio Rodríguez.

- 04:54 29/05/2001
Tags:

Un dos trazos máis distintivos do século XIX é o o paralelismo entre o desenvolvemento da lexicografía e o das ideoloxías nacionalitarias. Obviamente, a correlación vén de vello, e son moitas as declaracións e documentos que poderían exhibirse para demostrar como dende as orixes da modernidade (polo menos da europea) o criterio filolóxico, personificado de forma exemplar no proxecto utópico que supón sempre a elaboración dun diccionario nacional, foi condicionando e incluso determinando a forma como os grupos e clases sociais se vían a si mesmas, sobre todo como membros dun enclave nacional.

Todo diccionario, maior ou menor, "xeral" ou "abreviado", transmite a imaxe dunha sociedade concreta, incluso no caso das linguas multinacionais (castelán, francés inglés ou portugués), e non necesariamente, como se vén declarando dende Herder (aínda que non sería difícil atopar antecedentes previos), porque a lingua sexa a manifestación privilexiada do espíritu colectivo que se expresa nela. O diccionario é, se algún hai, o libro nacional por excelencia, o depósito da historia, case sempre conflictiva e contradictoria, dunha sociedade. E como todo artefacto cultural, este tipo de recopilacións sofre as embestidas da autoridade, de todo tipo de autoridade, sexa cultural, política, ideolóxica e/ou económica. Non podía ser doutro xeito, dada a relevancia das funcións que todo colectivo, sobre todo os que se autodefinen como nacionais, ou aspiran a proxectarse como tales, lle asignan ó discurso lexicográfico, cifradas fundamentalmente no arquivo e salvagarda da lingua, na asignación de valor epistémico ó repertorio lexicográfico en cuestión e, por tanto, na súa incondicional aceptación por parte do usuario; e, finalmente, na lexitimación do producto lexicográfico (o diccionario) como instrumento privilexiado de reproducción cultural.

Esta triple dimensión demostra que todo diccionario funciona como un texto privilexiado no que un individuo ou un colectivo inscriben a súa propia visión do mundo e da lingua (e a da clase social correspondente). O usuario, pola súa banda, verá nel unha voz autorizada, segundo sexa o grao de lexitimación e apoio institucional (público ou privado) recibido polo proxecto lexicográfico. Esta última observación adquire unha especial relevancia se se quere explicar a diluída eficacia dos lexicógrafos galegos no século XIX ou no XX, condicionados na súa actuación por un alto grao de deficiencia nos diversos ámbitos que terían posibilitado a institucionalización nacional da cultura galega.

Por iso, que un diccionario sexa ese obxecto cultural privilexiado dependerá do seu recoñecemento como unha autoridade emblemática, na que se sintetice non só información sobre o caudal lexicográfico da lingua en cuestión e as regras básicas sobre a súa aplicación, senón tamén, e fundamentalmente, unha visión harmónica da imaxe sociolingüística que todo proxecto lexicográfico pretende transmitir. De aí a tentación "lexislativa" (e por tanto ideolóxica) do lexicógrafo, sobre todo no século XIX, visible na elección dos lemas, na predilección por un determinado tipo de macroestructuras e microestructuras na articulación das definicións, na selección dos textos-autoridades ou na confección de exemplos de apoio explicativo. E a súa unha intervención que moi ben podería ser caracterizada como de "mediación institucional", na medida en que fala en nome dunhas institucións que lle garanten o necesario capital cultural.

Esto explicaría a eficaz e determinante intervención do discurso lexicográfico na construcción e institucionalización dunha cultura nacional, cooperando de forma privilexiada na configuración dun imaxinario nacional e ofrecéndose como ámbito idóneo para a súa reproducción. E só así pode explicarse a xerarquización no uso dos distintos discursos sociais por parte dos lexicógrafos, así como a privilexiada condición que se lle asigna á literatura, recoñecida maioritariamente dende principios do século XIX como a manifestación cultural nacional por excelencia.

Os diccionarios decimonónicos, e os galegos non son excepción, foronse estructurando arredor dunha serie de principios que garantían as estreitas relacións entre o discurso lexicográfico e a construcción dun imaxinario nacional. Obsérvase, en primeiro lugar, unha crecente vixencia do criterio de exhaustividade na configuración sincrónica e diacrónica do repertorio lexemático; en segundo lugar, e como parte dunha aproximación metodolóxica inductiva (a selección de entradas faise a partir dun corpus léxico previo, predominantemente escrito e impreso), a literatura vaise erixindo en discurso privilexiado como depositaria do campo lexemático nacional; e, finalmente, detéctase unha cada vez maior insistencia na función normativa do discurso lexicográfico, asegurándose, así, unha efectiva intervención na consolidación dun determinado imaxinario nacional. O resultado, como queda indicado, é predecible: a conversión dos diccionarios en libros "fundacionais", polo simple feito de que neles se recolle, ou así se pretendía facer, a memoria colectiva. Moitos dos que foron aparecendo nos ámbitos socioculturais de experiencias neonacionalitarias dende o século XIX están claramente marcados polo proceso de afirmación nacional; de aí a súa condición de endoxenismo cultural. Algúns estudiosos do fenómeno nacionalitario, guiados pola sistemática aplicación do criterio filolóxico, incluso consideran a existencia dun diccionario como unha variable fundamental para o recoñecemento dunha determinada sociedade como unha entidade social e culturalmente independente.

En sociedades como a galega, multisecularmente sometida a un proceso de desarticulación e privada das institucións básicas capaces de garantir a eficaz producción e reproducción duns sinais de identidade propios, o discurso lexicográfico adquire dende os primeiros intentos decimonónicos de recopilación lexemática unha especial visibilidade nas múltiples polémicas que alimentaban a utopía rexurdimentista, porque aportaba un elemento básico de lexitimación rexionalista (ou proto-nacionalista): a imaxe dunha unidade e estabilidade lingüística, coa que garantir o funcionamento e a lexitimidade dunha lingua como idioma nacional.

Todo repertorio lexicográfico, explícita ou implicitamente, está apoiado nun corpus lexemático. Hai que engadir igualmente que os usos a que foron sometidas historicamente as fontes utilizadas dependían non só do tipo de diccionario senón tamén da época na que foron elaborados. A extracción de lexemas e de exemplos procedentes do mundo impreso, sobre todo o literario, gozou como práctica lexicográfica dun enorme prestixio nos séculos XVIII e XIX; coa conversión dos diccionarios en instrumentos referencias máis descritivos e "utilitarios", que algúns lexicógrafos denominaron como "o proceso de obxectivación do método lexicográfico", este principio perdeu o seu inicial atractivo.

Esta transformación tivo unha especial incidencia nos diccionarios de autoridades, que semellan hoxe un producto se non desfasado, polo menos propio doutros "gustos" lexicográficos. E, sen embargo, este tipo de publicacións segue presentando un especial atractivo, sobre todo como instrumentos para historiar non só a dinámica mesma do discurso lexicográfico nun ámbito sociocultural específico, senón tamén as complexas relacións entre a práctica lexicográfica e a constitución dun ideario nacional, unha dinámica na que o discurso literario intervén de forma decidida e determinante. A predisposición a incorporar textos procedentes de autores canónicos (ou en proceso de canonización) para lexitimar unha determinada acepción lexemática viña corroborar a persistencia dunha estreita colaboración entre a lexicografía e a literatura, que non é senón outro exemplo da aplicación do criterio filolóxico. A predilección polos textos literarios como fonte de información lexicográfica necesariamente tiña que verse referendada por un suministro de citas que exemplificasen (e lexitimasen) o corpus lexemático; pero ó mesmo tempo, esta práctica facía do diccionario unha antoloxía literaria (nacional) de considerables proporcións.

Para entender en toda a súa complexidade as interrelacións aludidas, sobre todo cando se trata de analizalas no contexto ‘nacional’ dos diccionarios de autoridades, hai que ter en conta unha serie de variables: a tradicional predisposición a privilexiar determinados xéneros (o caso da lírica no ámbito galego); a preferencia por un autor e por unha serie de títulos; a diferente disponibilidade dos diversos corpus lexemáticos (entre eles, o literario); os condicionantes (sobre todo de tipo ideolóxico) que pesan sobre as prácticas lexicográficas, e máis concretamente a distinta gradación na escala xerárquica asignada a cada un dos discursos sociais (o literario, o historiográfico, o etnográfico, etc.) como fonte de información lexemática, porque, en última instancia, o discurso lexicográfico impón non só unha gradación na nómina de autores e títulos intertextualizados, senón tamén unha xerarquía na matriz discursiva utilizada no diccionario.

O recoñecemento desta complexa e múltiple dinámica permite considerar as prácticas lexicográficas como un campo de intervención sociocultural no que se dan cita repertorios textuais pertencentes ós diversos ámbitos discursivos (e non só no caso dos diccionarios enciclopédicos). Esta liña de investigación subliñaría, sen dúbida, a relevancia das cadeas discursivas coas que opera, por exemplo, o Diccionario de Eladio Rodríguez, no que salta inmediatamente á vista a interrelación entre literatura, historiografía e etnoloxía, unha cadea explicable en termos do tipo de receptores que o autor tiña na mente cando elaborada o seu proxecto. Este repertorio, como os outros dous diccionarios de autoridades que o precederon (o de Valladares e o primeiro da Academia Galega), eríxese nun espacio lexicográfico que é o mesmo tempo unha antoloxía literaria e un instrumento referencial e enciclopédico co que se pretende lexitimar unha determinada cultural, que algúns (finais do século XIX) lerían en clave rexionalista e outros, ideoloxicamente máis arriscados (nos albores do XX), interpretarían a partir dun discurso abertamente nacionalista.

Xoán González-Millán
O diccionario enciclopédico de Eladio Rodríguez. A canonización lexicográfica da literatura galega.
Vigo: Xerais, 2001.
ISBN 84-8302-609-0


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: