Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Educación e equiparación entre os sexos

Por Xosé Ramón Fernández Vázquez
Descrición teórica, histórica e lexislativa sobre o sistema sexo-xénero no ensino, a partir das opinións recollidas entre o profesorado da provincia de Ourense. Resumo da tese de doutoramento defendida por Xosé Ramón Fernández Vázquez na Facultade de Educación da Universidade de Santiago de Compostela en abril deste ano.

- 04:54 29/05/2001
Tags:

O noso estudio posúe un carácter descriptivo -relaciona estudio teórico e búsqueda empírica- e céntrase na análise da educación para a equiparación de oportunidades entre os sexos (EIS) no marco concreto do ensino primario na provincia de Ourense a partir das opinións do profesorado.

Nos capítulos que integran o estudio teórico abordamos una visión introductoria e non exhaustiva da evolución histórica das relacións entre xénero e educación mediatizadas polo imperio da orde patriarcal; propoñémo-lo Sistema Sexo-Xénero como constructo que dá sentido á diverxencia de oportunidades entre os sexos; abordámo-lo entramado lexislativo, normativo e institucional que a nivel mundial, europeo, estatal e autonómico, vehicula a loita contra o sexismo nos contextos educativos; fundamentámo-las dimensións que teñen maior incidencia na integración curricular da EIS e que son utilizadas no estudio empírico: instrumentos da acción educativa, obxectivos, contidos, metodoloxía, recursos didácticos, axentes, e formación do profesorado. Así mesmo describímo-la investigación empírica partindo do obxectivo xeral de analizar e valora-la situación actual da EIS na provincia de Ourense, clarificando as actitudes do profesorado ó respecto. Para a súa consecución manexamos un instrumento con doble estructura: un cuestionario e unha escala de actitudes tipo Likert. Realizamos un estudio piloto e un posterior estudio definitivo traballando cunha mostra representativa. Algunhas das conclusións obtidas no estudio son as seguintes:

- Constatámo-la convivencia de dous modelos preferenciais no tratamento da EIS: un máis tradicional de formato disciplinar e outro emerxente, transversal, con maior prevalencia.

- No que se refire ás estratexias metodolóxicas o persoal docente ourensán dá prioridade ás propostas de traballo cooperativo e ó sistema de descubrimento por parte do alumnado.

- Respecto ós recursos didácticos empregados polos mestres e mestras de Ourense destaca a utilización predominante dunha doble tipoloxía: de tipo bibliográfico e de tipo audiovisual. Pola contra é moi limitada a utilización de material informático como apoio didáctico á EIS. Ademais os recursos dispoñibles son conceptuados como escasos ou moi escasos.

- Na análise dos obstáculos constatados polo profesorado no desenvolvemento curricular da EIS cabe salienta-la insistencia do profesorado no escaso apoio institucional mentres que mestres e mestras tenden a non percibir carencias de tipo motivacional. En relación coa existencia de aspectos específicos na provincia de Ourense que actúan como condicionantes para unha educación equiparadora prevalece a opinión de que realmente existen ditas dificultades. Entre estas destacan os particularismos de tipo demográfico, económico-social e ideolóxico-culturais.

- Con respecto á percepción que o profesorado posúe das súas propias necesidades formativas no eido da EIS percíbese de xeito maioritario o desexo de incrementa-la formación específica. As temáticas que o profesorado considera máis importantes son especialmente as referidas ás estratexias metodolóxicas concretas. As modalidades de formación que o profesorado considera máis axeitadas no marco da EIS son as que se basean na formación autoxestionada.

- En relación ás variables de identificación que manexamos no estudio obtemos un prototipo do persoal docente ourensán no ensino primario como unha muller, casada, de idade situada entre 30 e 49 anos, con antigüidade profesional de máis de 15 anos e que posúe titulación académica de diplomatura. Ademais constatámo-la existencia de tres variables de identificación con grande peso sobre a configuración de relacións significativas coas variables curriculares. Son estas variables o "sexo", "idade" e "anos de exercicio".

As actitudes de mestres e mestras de Ourense son claramente favorables ó tratamento da EIS. Ademais tales actitudes aparecen persistentemente definidas como se deduce da concentración de respostas nas categorías superiores. De cara ó futuro a Administración Educativa deberá establecer directrices para orienta-la acción educativa da escola hacia a equiparación repercutindo nos centros escolares as diversas directrices internacionais, estatais ou autonómicas ó respecto. Promoverá a investigación sobre sexismo e educación -especialmente a protagonizada polo profesorado- así como o intercambio e a difusión dos resultados da mesma e incentivará a normalización dos recursos didácticos baseados nas tecnoloxías da información e da comunicación para o tratamento da EIS.

A nivel de centro escolar cómpre que a acción coeducadora da escola se constrúa sobre a súa propia capacidade para proxecta-la EIS. Por isto a institución escolar terá que desenvolver unha constante interlocución coa comunidade e terá que colaborar na súa acción equiparadora con outros axentes comunitarios: movementos de renovación pedagóxica (MRPs), asociacións de pais e nais do alumnado(ANPas), AA. CC., AA. VV., etc. Igualmente os centros educativos deberán, contando cos apoios necesarios, promover ou colaborar con escolas estables de pais e nais para desenvolver aspectos relacionados coa equiparación entre ámbolos sexos. Será moi conveniente, por outra parte, a creación orgánica de comisións específicas -integradas por profesorado e alumnado- a nivel de centros escolares coa función de dinamizar distintos aspectos relacionados coa superación da discriminación sexista. No que atinxe á formación continuada do profesorado a Administración Educativa galega deberá incluír e diversificar durante os vindeiros anos actividades relacionadas coa EIS dentro dos plans de formación do profesorado. Os Centros de Formación e Recursos deberán de regulariza-la oferta de actividades referidas á EIS e potencia-la formación autónoma.

Xosé Ramón Fernández Vázquez
Fundamentos conceptuais e liñas de desenvolvemento curricular na educación para a igualdade de oportunidades entre os sexos. Proxección no ámbito do ensino primario na provincia de Ourense.
Dirixida por Carlos Rosales López.
Facultade de Ciencias da Educación, Universidade de Santiago de Compostela, 2001.
Inédita


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: